Rueda mantén que ter PAC só con enfermaría é só "conxuntural", pero "mellor iso que nin sequera ter iso"

Alfonso Rueda, presidindo o Consello da Xunta deste 17 de novembro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O Consello Galego de Colexios Médicos expresou publicamente que "asiste atónito" á que a Xunta contemple a posibilidade de que Puntos de Atención Continuada (PAC) do Sergas poidan estar atendidos só por persoal de enfermaría, sen persoal médico. "Reto a que se diga quen dixo que non ía haber médicos nos PAC", expresou pola banda o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O presidente defende que o Sergas forma enfermaría para atender PAC "se non houbese un médico", pero "non pretendemos" que sexa unha medida "permanente nin substitutiva"

O anuncio de que profesionais da enfermaría da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibirán formación específica para o caso de teren que atender PAC onde non haxa médico fixo saltar as alarmas. O conselleiro subliñou que é algo "rutineiro", pero este xoves o presidente da Xunta xa admitiu pola vía dos feitos a posibilidade de que estes puntos de urxencias de Atención Primaria poidan carecer de persoal médico e fiquen só con enfermaría. Iso si, de xeito "conxuntural" e nese caso, coida, "mellor iso que nin sequera ter iso".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, este 17 de novembro en Vigo na presentación de Xabier Pérez Igrexas como candidato do Bloque á alcaldía da cidade CC-BY-NC-SA BNG

Preguntado ao respecto tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego, Rueda especificou que esta non é "unha medida permanente" nin "unha renuncia definitiva a ter médicos en determinados centros de saúde ou PAC" e que "se encarguen as enfermeiras". Pero "se por calquera circunstancia non houbese un médico", di, cómpre que "cando menos, as profesionais da enfermaría teñan a capacidade de dar a seguridade que precisan os pacientes" e niso, razoa, consiste a formación.

Trátase, polo, tanto, dunha acción "conxuntural, non pretendemos que sexa permanente nin substitutiva". Mentres, mantén, a "solución témola clarísima" e consiste en "favorecer" a cobertura desas prazas "tamén" con incentivos económicos. Pero sobre todo, reitera, "quen tería a posibilidade de poñer solucións" é o Goberno de España, a quen reclama un MIR -proceso de formación do persoal médico- extraordinario e a creación da especialidade de medicina de urxencias.

BNG e PSdeG ven a falta de médicos consecuencia de 13 anos de política sanitaria do PP

O razoamento da Xunta non convence os grupos da actual oposición, menos aínda despois das críticas do Consello de Colexios Médicos. Para a portavoz nacional do BNG non cabe outra posibilidade que non sexa "rectificar o despropósito" de contemplan que poida haber PAC sen persoal médico, "cando son precisamente o lugar onde acoden as persoas cando teñen unha urxencia".

Valentín González Formoso, este 17 de novembro de 2022 en rolda de prensa na sede nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Pontón esixe "rectificar o despropósito", que ve produto de "trece anos de política de recortes" e lembra a súa proposta de inxectar 200 millóns extra en Atención Primaria

"O que está pasando é gravísimo", coida Ana Pontón, para quen "querer que nos PAC non haxa médica ou médico" é tanto como "poñer en risco a saúde" e mesmo "a vida das galegas e galegos". "É unha tremenda irresponsabilidade dun Goberno que leva trece anos cunha política de recortes na sanidade pública e isto é a última volta de torca", coida, mentres lembra que as emendas do Bloque aos Orzamentos de 2023 inclúe unha inxección extra de 200 millóns para atención primaria.

Formoso censura que Rueda e Comesaña volvan poñer o foco na falta de prazas MIR, que "o Goberno de Pedro Sánchez aumentou un 30%": "Os profesionais marchan ao acabar a formación polas condicións laborais"

Tamén o secretario xeral do PSdeG liga a situación coa política sanitaria do PP na última década. "Queren facer do Sergas un Amazon sanitario", ironiza en referencia a que parte do persoal "ten menos estabilidade que un mozo de almacén" desa compañía. Valentín González Formoso encadra a actual situación nunha "axenda oculta" dos conservadores que "leva a situacións límite como PAC onde non hai médicos".

Neste contexto, Formoso ve "unha cortina de fume" a petición de máis prazas MIR para formar persoal médico, reiterada por Rueda e Comesaña. "O Goberno de Pedro Sánchez aumentou nun 30% as prazas ofertadas", polo que o Goberno do PP "pon o foco nunha polémica que non é tal". A cuestión, advirte o socialista, é que "os profesionais deciden marchar a outras comunidades autónomas unha vez finalizada a formación polas condicións laborais de Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.