O presidente di que o Goberno galego atendeu “o 100% dos parques que se nos teñen solicitado” para instalar aeroxeradores fóra dos lugares previstos pola Xunta cando comprometen o prezo da súa enerxía con industrias
O Consello da Xunta deste xoves autorizou que outros 8 parques eólicos poidan instalarse en lugares non previstos no plan galego para o sector, co que xa son 13 os proxectos que así o poderán facer. “O 100% dos parques que se nos teñen solicitado por parte da industria”, gabouse o propio presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.
Rueda tamén apremou ao Goberno central a que outorgue rápido a eses 13 parques a autorización definitiva que del depende, obviando a acumulación de proxectos que ten a Xunta a trámite e cuxa incapacidade de xestión levouna a aprobar hai un ano unha moratoria que na práctica lle permite decidir discrecionalmente cales continúa analizando.
A Xunta impulsou hai uns meses dúas reformas legais sucesivas para facultarse a si mesma a aprobar parques eólicos fóra do plan galego para o sector e para priorizar a tramitación dos proxectos que comprometan a súa enerxía a prezos estables con industrias concretas. Esas “excepcións”, como as denominou este mércores Rueda, autorizáronse xa en todos os casos en que foron solicitados polas empresas implicadas.
Segundo Rueda, os parques ata agora autorizados facilitarán enerxía a prezos estables a Alcoa, Showa Denko e Sentury Tire
Segundo Rueda, as 8 autorizacións deste xoves (parques Badulaque, Barqueiro, Santuario, Tesouro, Moeche, Caveiro, Levante e Boura) permitirán levantar parques eólicos en lugares non previstos que subministrarán enerxía a prezos estables á planta de Alcoa en San Cibrao e á fábrica de pneumáticos proxectada pola chinesa Sentury Tire nas Pontes. Os cinco parques autorizados anteriormente estaban ligados á súa vez tamén a Alcoa en tres casos (Borrasca, Monzón e Ventisca) e noutros dous (Orzar e Tornado) á fábrica de Showa Denko en Arteixo.
Rueda tamén precisou este xoves que todos os 13 parques ata agora autorizados a instalarse fóra de lugares previstos son de máis de 50 MW de potencia, polo que a súa autorización final compete ao Goberno de España, fronte aos parques de menos desa potencia que son autorizados pola Xunta. Inicialmente a propia Xunta manifestárase en contra de que o executivo central puidese sequera iniciar a tramitación de parques fóra do plan galego para o sector. Pero este xoves Rueda confirmou a viraxe do seu Goberno e pasou a reclamar aínda máis celeridade ao executivo de Pedro Sánchez.