A Xunta xa priorizou cinco parques eólicos fóra do plan galego para o sector tras criticar o Estado por tramitalos

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunidos este martes CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras cargar contra o Goberno de España por admitir proxectos en zonas non previstas, a Xunta defende instalalos para que subministren enerxía máis barata a empresas como Alcoa, iniciativa que recibe o apoio de PSdeG e a abstención de BNG

O pasado 3 de maio o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, informou de que o Goberno galego emitira informes negativos ante a tramitación por parte do Goberno de España de dous parques eólicos ao sur de Carballo, denominados Orzar e Tornado. En plena vaga de protestas cidadás pola proliferación de proxectos eólicos por todo o país, Conde criticaba que o Estado estaba a tramitar instalacións en lugares non previstos pola planificación galega para o sector, como tamén sucedía cos parques Borrasca, Monzón e Ventisca, no norte de Lugo, igualmente informados de xeito negativo pola Xunta.

Tras esas críticas ao Goberno de España, o 23 de xuño o propio Goberno galego decidía autorizar e priorizar a tramitación dos parques Orzar e Tornado e o 3 de novembro os Borrasca, Monzón e Ventisca.

Factoría de Alcoa na Mariña lucense © Ecoloxistas en Acción

A lexislación estatal establece que os parques eólicos de máis de 50 MW deben ser tramitados polo Goberno de España e os de menos desa potencia polas comunidades autónomas. Nese marco, Greenalia, empresa na que a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato é directiva e forma parte do seu consello de administración, tramitou os anteditos cinco parques ante o Estado. Fíxoo en lugares non previstos polo Plan Sectorial Eólico de Galicia, o documento co que a Xunta estableceu en 1997 os espazos en que pode ou non instalarse ese tipo de enerxía, un plan cuxo impacto ambiental non está a ser avaliado pola Xunta de xeito global senón só o de cada parque concreto.

Hai dous anos a Xunta mudou a lei para facultarse a aprobar parques eólicos fóra do plan galego para o sector e hai uns meses para priorizar os parques que comprometan a súa enerxía a prezos estables con industrias concretas

A Xunta rexeitou que o Estado puidese tramitar os parques da súa competencia en lugares fóra do plan eólico galego, pero ela mesma mudou a comezos do pasado ano a lexislación do sector para dotarse a si mesma da posibilidade de facelo. Foi na denominada lei de reactivación económica tras a COVID na que indicou que “non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía”.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, nun acto o 3 de maio no que criticou que o Estado tramitase os parques eólicos Orzar e Tornado, autorizados e priorizados pola Xunta mes e medio despois CC-BY-SA Xunta de Galicia

E iso foi o que fixo a Xunta cos anteditos cinco parques eólicos, declaralos como de “clara incidencia territorial”. Ademais, o propio Goberno galego amparouse noutra modificación legal impulsada por el mesmo nos últimos meses para priorizar a tramitación precisamente deses cinco parques cuxa tramitación lle botaba en cara ao Goberno de España. Así o pode facer, segundo ese cambio legal, cando os parques comprometan a metade da súa produción a prezos estables con industrias galegas relevantes. E iso é o que di Greenalia que fará cos anteditos parques, vinculados no caso dos tres do norte de Lugo (Borrasca, Monzón e Ventisca) coa produción na fábrica de Alcoa da Mariña lucense e no caso dos dous próximos a Carballo coa produción da fábrica de Showa Denko en Arteixo. 

Tras os obstáculos iniciais aos parques tramitados polo Estado, incluídos os vinculados a Alcoa, o martes Rueda reclamou á ministra "máis flexibilidade nos prazos de tramitación dos proxectos de enerxía eólica, especialmente aqueles con vinculación industrial”.

Tras os obstáculos iniciais aos cinco parques tramitados polo Estado e o cambio de postura autorizándoos e priorizándoos, o presidente Rueda reuniuse o pasado martes coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e foi máis alá reclamando ao Goberno de España “máis flexibilidade nos prazos de tramitación dos proxectos de enerxía eólica previstos na comunidade, especialmente aqueles con vinculación industrial”.

Un día máis tarde, o mércores, o Parlamento de Galicia aprobaba co voto a favor de PP e PSdeG e a abstención do BNG unha proposición non de lei que insta á Xunta a “facilitar a tramitación dos parques eólicos que sexan necesarios e cumpran coa normativa para que o prezo da enerxía sexa competitivo para a planta de Alcoa en San Cibrao” e, ao tempo, que o Estado “tamén facilite a tramitación dos citados parques eólicos”. A iniciativa partiu do PSdeG, que só propuña a aprobación da primeira frase, a que insta á Xunta, mentres que a segunda frase, a que insta ao Estado, foi introducida como unha emenda polo PP e aceptada polos socialistas.

Consello da Xunta do 3 de novembro no que se autorizaron e priorizaron os parques Borrasca, Monzón e Ventisca tras criticar o Goberno galego que o cenral aceptase a súa tramitación por estar en zonas fóra da planificación galega para o sector CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.