Reclaman un modelo enerxético que teña en conta ás comunidades locais e a preservación da natureza e non só ás grandes empresas
No Día Mundial do Medio Ambiente este domingo 5 de xuño máis de 200 colectivos de toda Galicia convocaron en Santiago unha manifestación unitaria contra o actual modelo de desenvolvemento da enerxía eólica, que cualificaron de “caótico”. Agrupados baixo a coordinadora Eólicos Así Non e co lema “Temos alternativa”, reclamaron un modelo enerxético que teña en conta ás comunidades locais e a preservación da natureza e non só os intereses das grandes empresas eléctricas.
No seu manifesto os convocantes da mobilización denuncian que “o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía” e que “non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete á sociedade”. Segundo sinalan, “os gobernos, lonxe de defender á sociedade desta nova agresión social e ambiental, alíanse coas grandes enerxéticas excedendo os límites da tolerancia democrática” cun “ marco regulatorio e tarifario perverso, acompañado da falsidade de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura eléctrica”.
O manifesto sinala que os gobernos central e galego “néganse a someter a procedementos participativos e transparentes a planificación enerxética e modifican a normativa arbitrariamente para facilitar a depredación"
O manifesto sinala que os gobernos central e galego “néganse a someter a procedementos participativos e transparentes a planificación enerxética do país e modifican a normativa arbitrariamente para facilitar a depredación dos recursos de todas. Ao tempo, eliminan ou reducen garantías ambientais, xurídicas e de participación social no deseño e control das políticas públicas. En definitiva, estannos a arrebatar dereitos! Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais, tal e como o están a verificar os Tribunais de Xustiza”. [Oribio, Sasdónigas e agora Corme: así benefician os prazos da Xunta ás empresas eólicas e así a corrixe a xustiza]
Na manifestación deste domingo, os colectivos veciñais, culturais e ecoloxistas contaron co apoio expreso de organizacións políticas como o BNG e Podemos, que decidiron ocupar a parte final da manifestación para non roubarlles protagonismo.
Esta mesma semana Praza.gal contou como Xunta e PP van priorizar parques eólicos cun mecanismo lexislativo que limita a participación da cidadanía e da oposición. Pola súa banda, as principais organizacións ecoloxistas acusaron á conselleira de Medio Ambiente de ocultar o impacto do sector eólico e negarse a sequera debater sobre a cuestión, ante o que rexeitaron seguir participando no principal órgano consultivo sobre medio ambiente da Xunta. Ao tempo, os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Valentín González Formoso, reclamaron un modelo eólico con participación pública fronte á “especulación” privada.