Un ano despois da data na que debía estar aprobado o plan contra cuxo borrador se levantou o sector pesqueiro e con varios parques xa en tramitación, Bruxelas responde ao popular galego Millán Mon que “tomará as medidas oportunas, en caso necesario”
"A Comisión está seguindo de preto os avances e tomará as medidas oportunas, en caso necesario, mediante procedementos por incumprimento”. Esa é unha das respostas que vén de recibir o eurodeputado galego do PP Francisco Millán Mon a varias preguntas que formulou pola demora con que España está a tramitar os plans cos que debe ordenar os usos do mar e polo papel que ten neles a pesca fronte aos parques eólicos mariños.
Un ano despois da data na que debía estar rematada a ordenación marítima, contra cuxo borrador se levantou o sector pesqueiro por non estar reflectido nel, e con varios parques eólicos xa en tramitación, a Comisión dille ao eurodeputado galego que ela mesma non pode avaliar o peso que España dea a un e outro sector, pero si que o Goberno debe ter en conta ao sector pesqueiro.
En 2014 unha directiva europea estableceu que os estados debían elaborar plans de ordenación dos usos dos seus espazos marítimos antes do 31 de marzo de 2021. España non someteu a exposición pública os seus plans, entre eles o da costa atlántica que afecta a Galicia, ata uns meses máis tarde, e seguen pendentes de aprobación definitiva.
O comisario de Medio Ambiente e Pesca salienta que "os Estados deben garantir a consulta coas partes interesadas pertinentes (incluídos os pescadores, mariscadores e piscicultores) nunha fase inicial da elaboración dos plans de ordenación marítima”
No documento revelado hai un ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica propuxo “zonas de uso prioritario” para a eólica mariña no oeste de cabo Silleiro, o noroeste de Ortegal e a Mariña. Aquel documento admitía que na delimitación deses espazos “certos aspectos non foron considerados”, entre os que citaba a “pesca artesanal e calquera outro uso que poida estar acontecendo” nesas zonas.
O sector pesqueiro mobilizouse e o Parlamento Europeo emitiu unha resolución na que reclamou protección para a pesca artesanal fronte á enerxía eólica. Ao tempo, sen estar aínda aprobada a planificación de usos, Iberdrola e unha sociedade entre Bluefloat e Sener comezaron a tramitación ambiental previa de varios parques eólicos fronte a Ortegal e Ferrolterra, procesos nos que a primeira empresa ofreceu a posibilidade de negociar coa Xunta “compensacións” á pesca polas prohibicións que suporían as súas instalacións.
Iberdrola chegou a argumentar que os pescadores “poden explorar” outras zonas. E mentres, no proceso de consulta do borrador español con Portugal detectouse que o espazo delimitado ao oeste de cabo Silleiro podería afectar á pesca do país veciño.
Neste contexto, o Goberno de España matizou que no seu borrador de plan non delimitara ningunha zona específica de pesca porque daba por suposto que esa actividade está permitida en calquera lugar que non estea expresamente prohibido. Tamén insistiu en que se estudará de xeito individual o posible impacto na pesca de cada solicitude de parque eólico mariño que se reciba.
Na súa pregunta o eurodeputado galego lembrou a resolución do Parlamento Europeo que reclamou unha ordenación “na que participen todas as partes interesadas” para reducir o “potencial de conflito espacial” entre a pesca e a eólica mariña
Un ano despois do prazo no que España debía ter elaborado o plan de ordenación, e con este aínda sen aprobar de xeito definitivo, o eurodeputado galego do PP Francisco Millán Mon preguntou á Comisión Europea pola demora do Goberno central e se considera que o documento “garante unha inclusión xusta da pesca e a continuidade sostible das súas actividades” así como se “reflicte equitativamente os intereses lexítimos dos pescadores, mariscadores e acuicultores”.
Millán Mon lembraba na súa pregunta a resolución do Parlamento Europeo que reclamaba unha ordenación “na que participen todas as partes interesadas” para reducir o “potencial de conflito espacial” entre a pesca e a eólica mariña.
A resposta da Comisión Europea, a través do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, chegou este martes, e comeza salientando que “España aínda non presentou á Comisión o seu plan ou plans de ordenación do espazo marítimo”. O executivo comunitario engade que está “seguindo de preto os avances e tomará as medidas oportunas, en caso necesario, mediante procedementos por incumprimento”.
O sector pesqueiro vén protestando porque non foi tido en conta para a elaboración do borrador de ordenación feito público hai un ano e aínda non aprobado definitivamente polo Goberno de España
A Comisión tamén lembra que a directiva europea de 2014 que obrigaba a ter os plans listos hai un ano estableceu que os estados teñen liberdade para determinar o xeito en que os obxectivos comunitarios se plasman en ponderan nos seus documentos. “Por conseguinte, a Comisión non ten competencias para avaliar a equidade dos plans de ordenación marítima con respecto aos pescadores”, di a resposta, pero engadindo a continuación que “non obstante, a Directiva sobre a ordenación do espazo marítimo establece que os Estados membros deben garantir a consulta coas partes interesadas pertinentes (incluídos os pescadores, os criadores de marisco e os piscicultores), as autoridades e o público interesado nunha fase inicial da elaboración dos plans de ordenación marítima”.
Esa consulta, no caso de España e segundo protesta o sector pesqueiro, non se iniciou ata despois de que se presentou hai un ano o borrador do documento aínda non aprobado definitivamente.