O proceso de consulta co país veciño do Plan de Ordenación do Espazo Marítimo que está a elaborar España detectou que, de todos os posibles usos previstos do mar, o único con “posibles efectos desfavorables”, na pesca e a aviación, é o enerxético
O pasado xuño o Ministerio para a Transición Ecolóxica expuxo ao público o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) da costa norte peninsular, que establece as zonas prioritarias para cada tipo de uso do mar, sexa navegación, protección natural, acuicultura ou enerxía eólica mariña. Aínda pendente de aprobar, o plan de ordenación foi sometido tamén a consultas cos estados veciños, Portugal e Francia, e de todos os posibles usos do mar o único que resultou catalogado como con “posibles efectos desfavorables” de carácter transfronteirizo foi o da eólica mariña, que no caso da área prevista para ese fin prevista no sur de Galicia, fronte ao cabo Silleiro, podería afectar á pesca e á aviación no espazo aéreo portugués.
Unha directiva europea de 2014 instou os estados da UE a elaborar plans de ordenación do espazo marítimo que diagnostiquen as potencialidades e delimiten os posibles usos das súas augas. Tiñan que estar aprobados antes do remate de 2021, pero non foi ata o verán pasado que España fixo públicos os seus documentos iniciais, aínda pendentes de aprobación definitiva. No caso do plan para a costa atlántica do norte da península propuxéronse catro zonas ou polígonos de uso prioritario para a enerxía eólica mariña no norte de Galicia, entre Ferrolterra e a Mariña lucense, e unha no sur, entre cabo Silleiro e a desembocadura do Miño. [Aquí o visor cartográfico do ministerio no que se poden identificar as áreas previstas para cada tipo de uso marítimo]
Tras aquela exposición pública xeral da documentación, o ministerio realizou unha “consulta transfronteiriza” cos estados limítrofes de cada plan de ordenación, Francia e Portugal no caso do plan da costa atlántica do norte da península. A documentación desa consulta inclúe unha análise preliminar dos posibles “efectos transfronteirizos” de cada tipo de uso do mar previsto e sinala que “a única zonificacion que pode ter efectos desfavorables é a de zonas de uso prioritario da enerxía eólica, especialmente para dous polígonos, un no Atlántico Norte e outro en Levante-Baleares, que están próximos a augas portuguesas e francesas respectivamente”.
“Todas as zonas onde poderían situarse polígonos de enerxía eólica amosan en maior ou menor medida interacción coa actividade pesqueira”, di a documentación da consulta transfronteiriza
A documentación inclúe un anexo no que clasifica os posibles efectos transfronteirizos de cada uso e zona como favorables, non apreciables ou desfavorables, identificándoos con cor verde, gris ou amarela. Así, as áreas destinadas a protección da natureza terían un efecto favorable a nivel transfronteirizo. Das preto dun cento de variables analizadas, só unha é identificada como “posible efecto desfavorable”, a que estuda as áreas de uso prioritario para enerxía eólica mariña, que sinala o polígono denominado NOR1, o situado entre cabo Silleiro e o Miño, “pola súa proximidade a augas portuguesas”. Sobre ese polígono sinala que non afecta de xeito directo a ningunha área protexida da Rede Natura 2000, aínda que salienta que nas súas proximidades si hai varias, como a desembocadura do Miño. Pero o documento pon o foco especialmente no posible impacto na navegación aérea e na pesca.
Sobre a navegación aérea, e identificando expresamente o polígono NOR1, sinala que se detectou “un posible impacto no espazo aéreo portugués”. Canto á pesca, e xa sen sinalar polígonos concretos, o documento fala en xeral de que “pode haber pescadores portugueses, franceses ou outros pescando nas zonas de enerxía eólica mariña” e conclúe que “todas as zonas onde poderían situarse polígonos de enerxía eólica amosan en maior ou menor medida interacción coa actividade pesqueira”.
Malia que os plans de ordenación aínda non se aprobaron e a pesca pide ser tida máis en conta, xa está en marcha a tramitación ambiental de tres parques
Malia que os plans de ordenación mariña aínda están pendentes de aprobar por parte do Goberno de España, Iberdrola e unha sociedade entre Blue Float e Sener xa iniciaron a tramitación ambiental preliminar de tres posibles parques eólicos fronte a Ortegal e Ferrolterra.
Pola súa banda, o sector pesqueiro vén criticando que non está a ser tido en conta o suficiente na planificación da eólica mariña.