Igual que o proxecto da competencia lanzado hai medio ano, os promotores destoutro parque, denominado Nordés, propoñen “negociar” coa Xunta “compensacións” á pesca
A mediados do pasado ano Iberdrola iniciou a tramitación ambiental ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica dos que serían os dous primeiros parques eólicos mariños flotantes de Galicia, a uns 10 quilómetros de Ortegal e Estaca de Bares, de 35 aeroxeradores e 490 MW cada un. Tras esa primeira iniciativa, agora chega a segunda, de mans das empresas Blue Float e Sener, que dan un paso similar e expoñen ao público a documentación inicial para a tramitación ambiental dun parque co dobre de dimensións, con 80 aeroxeradores e 1.200 MW.
O novo parque, denominado Nordés, situaríase a uns 30 quilómetros ao oeste da costa de Valdoviño, ao norte da cidade da Coruña, e a súa electricidade evacuaríase con cables ata o polígono de Sabón, en Arteixo. E igual que as propostas de Iberdrola, tamén os seus promotores propoñen “negociar co organismo competente (Consellería do Mar da Xunta de Galicia) para implementar compensacións na pesca derivadas do impacto da instalación do parque eólico, como estudos e censo periódicos do estado das especies de interese pesqueiro na zona para optimizar o esforzo pesqueiro”.
A diferenza dos parques de Iberdrola, este si se empraza dentro das zonas prioritarias para a eólica mariña previstas polo Estado pero aínda non aprobadas de xeito definitivo e que se definiron sen ter en conta o seu impacto sobre a pesca
As propostas de parques eólicos mariños que se están a formular chegan despois de que o Goberno de España veña de someter a exposición pública o seu Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) do noroeste peninsular, documento que delimita “zonas de uso prioritario” para a enerxía eólica ou para outro tipo de actividades. O agora proposto por Blue Float e Sener sitúase dentro dunha desas zonas eólicas, algo que non ocorría cos de Iberdrola, emprazados máis preto da costa do previsto.
Porén, ese plan de ordenación de zonas impulsado polo Estado, aínda non aprobado de xeito definitivo, admite que para a súa determinación se tiveron en conta todo tipo de condicionantes agás o impacto na pesca artesanal ou a paisaxe, cuestións que se derivan aos estudos ambientais de cada proxecto concreto que se poida presentar. Unha situación que fixo que o sector pesqueiro de todo o noroeste peninsular e organizacións ecoloxistas xa se manifestasen en contra de que este litoral sexa empregado pola eólica mariña.
Segundo a documentación agora feita pública, o novo parque Nordés realizaríase en dúas fases, unha primeira de 525 MW e unha posterior doutros 675 MW. Á espera das análises máis fondas que se realicen e das alegacións que reciban das distintas administracións afectadas, os promotores sinalan que o emprazamento elixido “non ten afeccións significativas á navegación aérea (non afectando a ningunha servidume aeronáutica) ou marítima (non bloquea as principais rutas de navegación detectadas), e consegue tamén minimizar a afección aos principais caladoiros explotados actualmente pola frota pesqueira asociada aos portos da Coruña e Ferrol”.
O documento, pola contra, resulta ambiguo a respecto do posible impacto sobre as aves ao admitir que a zona é un importante corredor migratorio, pero deriva o análise concreta a posteriores estudos.
Desde a empresa promotora do parque faise fincapé en que este non é máis que “un primeiro paso para iniciar un proceso de escoita e diálogo co territorio e acadar un consenso que permita integrar da mellor forma este hipotético proxecto”.