A Sociedade Galega de Ornitoloxía pide protexer da eólica mariña toda a plataforma continental entre Fisterra e Ribadeo

Instalación eólica mariña nas costas de Dinamarca CC-BY-SA Kim Hansen

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) únese ás voces críticas cos proxectos de instalación de parques eólicos mariños na costa de Galicia, impulsados por Iberdrola e que contan co aval do Goberno central, que propuxo “zonas de uso prioritario” para a eólica mariña no oeste de cabo Silleiro, o noroeste de Ortegal e a Mariña. Estes parques eólicos poden xerar un importante prexuízo á pesca e tamén á vida das aves, como recoñeceu a propia Iberdrola. 

A entidade engade que "esta protección, perfectamente compatible coa pesca sustentable, non o é con esas instalacións industriais"

Na súa denuncia, a SGO céntrase neste impacto sobre as aves mariñas, sinalando que "en Galicia toda a plataforma continental, entre Ribadeo e Finisterre, debería estar protexida ante calquera proxecto de parques eólicos, como santuario migratorio, de alimentación e de invernada de aves mariñas, moitas delas reprodutoras en diversos países da UE". A entidade engade que "esta protección, perfectamente compatible coa pesca sustentable, non o é con esas instalacións industriais".

Delimitación dos polígonos NOR-1 a NOR-5, en verde, previstos para a eólica mariña, fronte ao resto de usos e actividades na costa galega CC-BY-SA Praza Pública

A SGO alerta da "ameaza" que os parques eólicos supoñen para esas zonas e as súas áreas adxacentes e o resto do corredor, "unha vía de paso migratorio que utilizan centos de miles de aves mariñas, e un número aínda maior de aves acuáticas e terrestres"

A entidade explica que actualmente só estan protexidos tres tramos dese corredor migratorio: as actuais ZEPAs (Zonas de Especial protección para as Aves) de 'Espazo mariño de Punta de Candelaria Ría de Ortigueira Estaca de Bares', 'Espazo mariño da Costa de Ferrolterra Valdoviño' e 'Espazo Mariño da Costa da Morte'.

A SGO alerta da "ameaza" que os parques eólicos (con muíños de até 250 m de altura e 230 de diámetro) supoñen para esas zonas e as súas áreas adxacentes e o resto do corredor, "unha vía de paso migratorio que utilizan centos de miles de aves mariñas, e un número aínda maior de aves acuáticas e terrestres". Por este motivo, a Sociedade Galega de Ornitoloxía insta as autoridades locais, galegas, estatais e da Unión Europea "a oporse e prohibir a instalación deses parques de aeroxeradores. 

A SGO advirte de que "ata agora non se desenvolveu en Galicia unha completa cartografía da presenza en diferentes momentos do ano das aves mariñas a distancia non visible de terra"

A SGO advirte de que "ata agora non se desenvolveu en Galicia unha completa cartografía da presenza en diferentes momentos do ano das aves mariñas a distancia non visible de terra" e tampouco "dos seus movementos en mar dentro". "A evidente necesidade e obrigatoriedade deste tipo de estudo, previo a calquera instalación de grandes infraestruturas do mar, máis nunha zona tan sensible como esta", é unha das Observacións presentadas aos proxectos de Iberdrola. "Xa só en ausencia deste estudo previo cabe rexeitar todos eses plans de infraestruturas", engade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.