A eurocámara aproba unha resolución na que pide aos estados que os seus plans de ordenación marítima eviten efectos de aeroxeradores en caladoiros, pero o documento español admite que non tivo en conta a pesca artesanal
O Parlamento Europeo aprobou o pasado mércores unha resolución “sobre o impacto no sector pesqueiro dos parques eólicos mariños”. Nela advirte que “o sector da pesca a pequena escala, costeira e artesanal pode sufrir as peores consecuencias” e reclama aos estados membros que os seus plans de ordenación do espazo marítimo “teñan en conta a necesidade de garantir que se eviten os efectos negativos dos aeroxeradores mariños sobre a pesca”. Porén, o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) do noroeste da península que o Goberno de España vén de expoñer ao público, no que se delimitan varias “zonas de uso prioritario” para a eólica mariña na costa galega, admite expresamente que non tivo en conta á pesca artesanal.
A resolución agora aprobada polo Parlamento Europeo é un documento de doce páxinas e 57 puntos [aquí o PDF] no que se analizan diversos efectos da enerxía eólica mariña, que pide “impulsar de forma compatible con outros usos do espazo marítimo, principalmente a pesca”. O documento salienta que “arredor do 80% de todos os buques pesqueiros da Unión son buques pequenos” e que “a maioría son empresas familiares que se remontan a xeracións e faenan principalmente en augas costeiras”.
“O sector da pesca a pequena escala, costeira e artesanal pode sufrir as peores consecuencias da instalación destas unidades de produción de enerxía renovable mariña, dada a súa relativa proximidade á costa”, di o Parlamento Europeo
Ese “sector da pesca a pequena escala, costeira e artesanal pode sufrir as peores consecuencias da instalación destas unidades de produción de enerxía renovable mariña, dada a súa relativa proximidade á costa”, sinala o Parlamento, que resalta que “os pescadores a pequena escala e costeiros veranse especialmente afectados se ten lugar un desprazamento, xa que poden carecer da capacidade de trasladarse a outros caladoiros ou cambiar o método de pesca, en especial se os parques eólicos mariños se sitúan nas augas territoriais (doce millas náuticas desde a costa)”.
Nesa situación a eurocámara pide “unha compensación adecuada como último recurso”, pero o informe pon o foco na planificación reclama “aos Estados membros que, como autoridade competente en materia de ordenación do espazo marítimo, no contexto do seu labor continuado e as súas revisións subseguintes dos plans nacionais de ordenación do espazo marítimo, teñan en conta a necesidade de garantir que se eviten os efectos negativos dos aeroxeradores mariños sobre a pesca e, polo tanto, de asegurar que estes se sitúen lonxe dos caladoiros”. Nesa liña, o Parlamento “insta á Comisión e aos Estados membros a que velen por que os plans de ordenación marítima garantan unha inclusión xusta da pesca e a continuidade sostible das súas actividades e reflictan equitativamente os intereses lexítimos dos pescadores, mariscadores e acuicultores”.
Hai un mes o Goberno expuxo ao público un plan de ordenación con zonas prioritarias para os eólicos pero no que admite que "non foi considerada" a pesca artesanal para a súa elaboración
Foi unha directiva europea de 2014 a que estableceu que os estados teñen que elaborar plans de ordenación do espazo marítimo (POUM). O Goberno de España aínda ten pendentes de aprobar eses documentos, que o pasado xuño someteu a exposición pública, entre eles o que ordena as augas do noroeste peninsular, que afecta a Galicia. Á espera dos cambios que aínda poidan introducirse antes da súa aprobación, nel propóñense “zonas de uso prioritario” para a eólica mariña no oeste de cabo Silleiro, o noroeste de Ortegal e a Mariña.
O documento foi elaborado a partir da superposición de zonas prioritarias para diversas actividades (navegación, biodiversidade, defensa...), e no caso das zonas eólicas primeiro se caracterizou a potencialidade da forza do vento en todo o noroeste peninsular (zonas ER1), a continuación se descartaron as zonas de alto valor ecolóxico quedando un espazo menor (denominado ER2) e na denominada terceira fase (ER3) tivéronse en conta “as interaccións con outros usos e actividades marítimas” e consideráronse “os criterios achegados polas diferentes administracións consultadas”.
Pero o propio documento admite que “certos aspectos non foron considerados na delimitación dos ER3, deixándose para a súa avaliación no marco da tramitación do proxecto correspondente: áreas de fondeo prohibido e trazado de cables e outras conducións submariñas, impacto paisaxístico e pesca artesanal e calquera outro uso que poida estar acontecendo nas zonas”. O documento tamén admite "solape" das zonas eólicas da Mariña con espazos nos que a Xunta quere "novas actividades de acuicultura mariña".
Ao tempo, mentres o Goberno de España aínda tiña ese plan de ordenación a exposición pública, Iberdrola iniciou a tramitación ambiental dos dous primeiros proxectos de enerxía eólica mariña en Galicia, situados a uns dez quilómetros de Ortegal e Estaca de Bares, en lugares non considerados prioritarios para a enerxía eólica polo documento pendente de aprobar.
Iberdrola iniciou a tramitación dos dous primeiros parques e propón "negociar" coa Xunta "compensacións na pesca", o que a Eurocámara considera "último recurso"
A empresa enerxética indica na súa documentación que quere “negociar” coa Xunta “compensacións na pesca derivadas do impacto das instalacións do parque eólico, como estudos e censo periódicos do estado das especies de interese pesqueiro na zona para optimizar o esforzo pesqueiro”. Porén, agora o Parlamento Europeo sinala que a “compensación” aos pescadores debe ser o “último recurso” e que a prioridade é unha boa ordenación por parte dos estados.