A empresa continúa a tramitación ambiental dos seus parques mariños tras engadir páxinas aos documentos xa presentados para xustificar que non terán efectos acumulativos e que os sinérxicos son “compatibles”
O pasado xuño o Ministerio para a Transición Ecolóxica someteu a exposición pública dous documentos similares cos que Iberdrola quería iniciar a tramitación ambiental dos que serían os dous primeiros parques eólicos mariños nas costas galegas, con 35 aeroxeradores cada un a uns 10 quilómetros de Ortegal e Estaca de Bares. Aqueles documentos semellantes o un ao outro consideraban viables cada un dos dous parques, denominados San Brandán e San Cibrao, obviando en cada caso a outra instalación veciña malia estar separadas por só 11 quilómetros.
Agora a empresa vén de engadir unha vintena de páxinas a cada un dos dous documentos, novamente a exposición pública para o inicio da súa avaliación ambiental, para tentar xustificar que no caso de que se autoricen os dous non terían efectos acumulativos e que os efectos sinérxicos son “compatibles”. Nas páxinas engadidas os documentos admiten agora que os parques terán un “impacto importante” nas aves e din que non o haberá na pesca porque os pesqueiros da costa norte galega “poden explorar” outras zonas.
Os dous documentos agora a información pública indican que son unha “subsanación” dos dous anteriores, de máis de 300 páxinas cada un sen contar anexos e planos, pero agora “considerando comentarios” do ministerio. Nos novos engádense fundamentalmente ao comezo dos mesmos tres páxinas para xustificar as alternativas estudadas para o posible emprazamento dos muíños e unha vintena de páxinas máis contra o final para estudar os efectos acumulativos e sinérxicos dos dous parques por estar tan próximos o un ao outro.
Na xustificación das alternativas de emprazamento avalíanse tres localizacións distintas para cada un dos dous parques, de xeito que os dous documentos suman un total de seis posibles localizacións. No caso do parque San Brandán, o situado máis ao oeste, fronte ao cabo Ortegal, conclúese que das tres propostas a elixida é “a ubicación idónea para un parque de 490 MW na costa Ártabra” mentres que para o parque San Cibrao, fronte a Estaca de Bares, dise das súas outras tres posibles alternativas que a seleccionada é “a ubicación idónea para un parque de 490 MW nas Rías Altas galegas”. En ningún caso se avalía a “ubicación idónea” dun dos parques como alternativa á “ubicación idónea” do outro nin se xustifican as súas dimensión idénticas.
A documentación di que os dous parques non terán efecto acumulativo porque este non aumentará co tempo e si admite efectos sinérxicos que non foran analizados na primeira documentación exposta en xuño
Canto ao novo apartado dedicado a analizar os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos dos dous parques, dos primeiros conclúese que non haberá porque di que o efecto acumulativo é “aquel que, ao prolongarse no tempo a acción do axente indutor, incrementa progresivamente a súa gravidade”, e que no caso dos dous parques estes non terán máis efectos co paso do tempo que estes “serán os avaliados na fase de funcionamento, pero sen incrementarse a súa importancia e magnitude na escala espaciotemporal”.
Fronte á ausencia de análise dos documentos anteriores, agora as novas páxinas admiten que efectos sinérxicos si que poden ter os dous parques eólicos tan próximos o un ao outro, pero considéranos “compatibles” se se aplican medidas mitigadoras. Os anteriores documentos admitían a proximidade dos parques a importantes corredores migratorios de aves, pero é nas novas páxinas engadidas nas que se di expresamente que “a presenza de aeroxeradores nunha zona que discorre próxima a un dos corredores migratorios máis importantes de Europa terá un impacto importante sobre a avifauna”, engadindo que “a presenza de dous parques eólicos a unha distancia de entre 11 os puntos máis próximos e 25 quilómetros os máis afastados entre si vai supoñer efectos sinérxicos entre ambos ao reducir a superficie de voo na zona zona de implantación dos parques eólicos”. Un impacto que os documentos din que se paliarán “con todas as medidas necesarias para protexer á avifauna”.
Os documentos restan importancia ao efecto sobre a paisaxe pero admiten que os dous parque serán visibles desde máis da metade dos miradoiros e lugares de interese da zona
Tras diversas voces de oposición desde o sector pesqueiro, os documentos tamén analizan o impacto sinérxico dos dous parques sobre a pesca, que quedará limitada no seu emprazamento. “Neste sentido o efecto sinérxico é claro”, din os documentos, “xa que a presenza de máis dun parque pode facer que as embarcacións máis pequenas non poidan afastarse o suficiente como para chegar a zonas de pesca alternativas”. Pero xustifican que “no caso dos proxectos que se están avaliando, a pesca afectada é pesca que se realiza a máis de 14 quilómetros da costa e por tanto en embarcacións de certo porte que poden explorar zonas alternativas”, polo que conclúe que “non se prevé por tanto un efecto sinérxico”.
Os documentos tamén restan importancia ao efecto dos dous parques sobre a paisaxe e aínda que admiten que poden afectar ao turismo din que a súa distancia da costa reduce o seu impacto. Pero unha análise dos “miradoiros e lugares de interese da zona de estudo” engade que “o parque ólico San Brandán é visible desde un 68% dos mesmos, mentres que o San Cibrao desde un 61%”.