Os cinco proxectos feitos públicos ata agora para Galicia superan xa o obxectivo de 3.000 MW dese tipo de enerxía en 2030 en todo o Estado, que ano e medio despois da data fixada por Bruxelas aínda non aprobou as zonas de instalación
O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de facer público o inicio da tramitación ambiental dun novo parque eólico mariño flotante para a costa galega. Denomínase Volanteiro e situaríase fronte á ría de Vigo e a costa de Baiona e Oia.
Os seus 34 aeroxeradores e 510 MW de potencia sumaríanse aos doutros catro proxectos xa desvelados nos últimos meses para outros puntos do litoral galego que suman 4.185 MW, máis que os 3.000 MW fixados como obxectivo para 2030 en todo o Estado pola folla de ruta para o sector aprobada hai un ano polo Goberno de España.
Porén, a instalación de todos os proxectos está paralizada á espera de que o propio Goberno de España aprobe os espazos en que se poden instalar ese tipo de parques. Trátase dunha planificación que a UE estableceu que debía estar rematada hai ano e medio e cuxa demora está xa a ser investigada pola Comisión Europea.
Á espera da aprobación definitiva desa planificación, os documentos provisionais divulgados polo Goberno prevían espazos reservados para a eólica mariña no noroeste de Ortegal, a Mariña lucense e o oeste de cabo Sillero. Nese último emprazamento, proposto polo último parque que agora vén de desvelarse, Portugal fixo ver que podería haber interferencias coa aviación e a pesca.
O primeiro proxecto eólico mariño proposto para a costa galega foi un de Iberdrola divido en dous emprazamentos próximos fronte a Ortegal denominados San Brandán e San Cibrao, con 35 aeroxeradores e 490 MW cada un.
Despois chegou outro de Blue Float e Sener fronte a Ferrolterra con 80 aeroxeradores, 1.200 MW e denominado Nordés. E fronte á costa de Lugo propón tamén outro parque Ferrovial, coa denominación Celta I e 495 MW.
E na mesma zona dos primeiros de Iberdrola, fronte a Ortegal, propuxo tamén o seu propio proxecto Cobra, coa denominación de Galwind e 68 aeroxeradores con 1.000 MW.
E agora chega o parque Volanteiro de Capital Energy con 510 MW e 34 aeroxeradores situado fronte a cabo Silleiro, no sur da ría de Vigo.
Os distintos proxectos coñecidos ata agora intentan adecuarse en maior ou menor medida ás zonas previstas para a enerxía eólica mariña fronte as cabos Ortegal e Silleiro e a mariña lucense que o Goberno de España esbozou nos denominados Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), documentos que deben establecer os usos prioritarios para cada zona das distintas costas do Estado. Pero eses plans que debían estar aprobados hai ano e medio aínda seguen pendentes e o pasado maio a UE deu o primeiro paso para abrir un procedemento de infracción contra España pola súa demora.
O espazo proposto para a eólica no sur, fronte ao cabo Silleiro, no que agora se quere instalar o novo parque Volanteiro, bateu ao ser consultado con Portugal con "posibles efectos desfavorables" na pesca e a aviación
Ademais, a indefinición sobre o emprazamento dos parques e o seu efecto sobre a pesca, non analizada nos documentos dos POEM feitos públicos, está a provocar desde hai meses unha importante contestación nese sector. O propio Parlamento Europeo pediu expresamente protección para a pesca artesanal fronte a eólica mariña.
Por outra banda, durante a tramitación dos POEM aínda non aprobados sóubose que no seu proceso de consulta con Portugal detectouse que a área prevista para o uso da enerxía eólica fronte a Silleiro tiña “posibles efectos desfavorables” na pesca e a aviación.