O Estado impide que caduquen os eólicos con suspensións cautelares da Xustiza

CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno de España aproba que aos parques con suspensións cautelares como as ditadas polo TSXG non lles corran os prazos cara á súa autorización definitiva

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten suspendidos cautelarmente decenas de parques eólicos que autorizara a Xunta polo seu posible impacto ambiental. Mentres analiza o fondos das cuestións formuladas por recursos de colectivos ecoloxistas e veciñais e mentres espera, tamén, pola resposta á súa consulta ao Tribunal de Xustiza da UE na materia -prevista para o vindeiro agosto-, o Goberno de España amortece o impacto destas suspensións nas empresas promotoras evitando que os parques caduquen polo camiño.

Dende o ano 2020, as empresas que contan con permisos para conectar os seus proxectos de enerxías renovables -eólicas, pero tamén plantas solares- á rede eléctrica teñen que cumprir cinco "fitos administrativos" nun tempo determinado. Por exemplo, a normativa fixaba 31 meses para obter a declaración de impacto ambiental, 34 para a autorización administrativa previa, 37 para a autorización de construción ou 5 anos para a luz verde á explotación provisional en probas.

A ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, presentando o Real Decreto sobre reforzo do sistema eléctrico, o pasado martes © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Ata agora, eses prazos seguían correndo con independencia de que un parque eólico estivese freado cautelarmente, quer por mor de recursos administrativos -ante a Xunta, por exemplo-, quer por unha suspensión cautelar como as do Tribunal Superior. Desta maneira, advertían as empresas, podíase dar o caso de perderen os permisos de conexión á rede ao non dar cumprido o fito administrativo que correspondese mentres o proxecto de que se trate estaba suspendido de maneira cautelar.

"O cómputo de prazos queda suspendido dende a adopción da suspensión ata o seu levantamento", di a nova norma, que xa está en vigor e debe recibir apoio do Congreso no prazo dun mes

Aproveitando o Real Decreto co que pretende "reforzar o sistema eléctrico" tras o apagamento do pasado abril, o MInisterio para a Transición Ecolóxica considera "razoable" que as "medidas cautelares xudiciais ou administrativas" deixen de "ter prevalencia sobre os fitos administrativos que se aplican para a posta en servizo de instalacións de xeración renovable". E por iso cre "proporcionado" que esas suspensións se apliquen tamén aos prazos para poder chegar a poñer en marcha un parque eólico ou solar.

Desta maneira, de agora en diante "se antes do vencemento de calquera dos fitos administrativos" as empresas "acreditan" que o parque está suspendido cautelarmente pola Administración ou os xulgados, "o cómputo os prazos queda suspendido dende a adopción da suspensión ata o seu levantamento". Se as medidas cautelares acaban sendo levantadas, a empresa promotora terá tres meses para comunicalo e volverán contar os prazos; se non o comunica, caducaranlle automaticamente "os permisos de acceso e conexión".

Parque eólico en Mazaricos © Concello de Mazaricos

Esta nova normativa responde, cando menos en parte, ás reclamacións das eléctricas fronte ás suspensións cautelares. E, por outra banda, invalida tamén críticas ao Tribunal Superior segundo as cales estas suspensións cautelares puñan en risco proxectos eólicos que finalmente si encaixen coa legalidade. A reforma está xa en vigor, pero o Executivo debe xuntar apoios dabondo no Congreso para convalidalo. En caso contrario, quedaría derrogado dentro dun mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.