A Comisión Europea envía unha carta de emprazamento, fase inicial dos seus procesos de infracción, tras lembrar que a ordenación dos espazos marítimos debe ter en conta a pesca á hora de situar os parques eólicos
A Comisión Europea anunciou este xoves que vén de enviar ao Goberno de España unha carta de emprazamento, primeira fase dos seus procedementos de infracción contra os estados membros, para que lle dea explicacións nun prazo máximo de dous meses sobre a súa demora en elaborar os plans de ordenación dos espazos marítimos. Eses documentos que establecerán que actividades se poden desenvolver no mar e en que lugares debían estar rematados en marzo de 2021, pero España aínda non os aprobou de xeito definitivo.
No borrador que o Goberno central someteu a exposición pública hai un ano sinalábanse varias áreas para a enerxía eólica fronte ao litoral galego, o que vén provocando protestas por parte do sector da pesca por non ser consultado ao respecto. Este xoves Praza.gal adiantou unha resposta da Comisión Europea ao eurodeputado popular galego Francisco Millán Mon na que o comisario de Medio Ambiente e Pesca, advertía da demora de España en culminar esa ordenación e lembraba que debe ter en conta a pesca á hora de planificar os espazos para a enerxía eólica.
Unhas horas despois de avanzar este diario esa resposta, a Comisión deu un paso máis e informou de que vén de iniciar o procedemento de infracción contra España co envío da carta de emprazamento. Segundo o executivo comunitario, “a ordenación do espazo marítimo ten por obxectivo organizar as actividades humanas en zonas marítimas a fin de que se cumpran diversos obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais”.

Eses plans debían estar elaborados como moi tarde o 31 de marzo de 2021, pero “Bulgaria e España e non cumpriron este requisito” polo que Bruxelas vén de enviar aos dous estados cartas de emprazamento e “dispoñen agora de dous meses para responder a elas e abordar as deficiencias expostas pola Comisión”. “En ausencia dunha resposta satisfactoria, a Comisión podería decidir emitir un dictamen motivado”, seguinte paso dos procedementos de infracción comunitarios.