O Goberno galego multiplica a introdución de cambios no ámbito eólico aproveitando leis de todo tipo, agora unha de polígonos empresariais, pero sen reformular o plan marco do sector de hai dúas décadas
O pasado 1 de xaneiro entrou en vigor a lei de acompañamento dos orzamentos para este ano coa que a Xunta mudou todo tipo de normas previas, entre elas a lei de 2009 que regula o aproveitamento eólico en Galicia e que xa fora corrixida neste tempo outras nove veces a través doutras leis dispares. Co cambio de hai dúas semanas o Goberno galego introduciu unha moratoria na tramitación de novos parques eólicos ata as municipais de 2023 ante a súa incapacidade de analizar todas as solicitudes que recibe, pero reservouse a posibilidade de seguir adiante cos que el mesmo considere relevantes.
Dúas semanas máis tarde, e despois de que a patronal eólica lle pedise á Xunta medidas de “estímulo” para o sector en plena eclosión de solicitudes de novos parques, este xoves o presidente Feijóo anunciou que quere dar “prioridade na tramitación” ás “empresas que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo”. E vaino facer introducindo un artigo nunha nova lei de áreas empresariais que ten en redacción, unha norma cuxo borrador exposto ao público hai unhas semanas [aquí o PDF] nada dicía de parques eólicos.
A Xunta incide así na súa liña de introducir sucesivos cambios no ámbito eólico a través de todo tipo de leis pero sen reformular nin a norma que actualmente é o marco do sector en Galicia, a de 2009 corrixida xa dez veces, nin a súa planificación de 1997, que non foi avaliada ambientalmente no seu conxunto e que desde hai un ano a Xunta pode saltar cando así o considere para autorizar parques en calquera lugar aínda que non estivesen previstos.
A lei prevista para regular urbanísticamente os polígonos empresariais tamén legalizará a discriminación da Xunta a concellos que non baixan impostos a empresas e, agora, dará "prioridade na tramitación" a algúns parques eólicos
O novo incentivo para acelerar parques eólicos que comprometan o destino da súa electricidade, co suposto obxectivo de favorecer industrias electrointensivas como Alcoa, non foi introducido pola Xunta na lei de acompañamento aprobada polo Parlamento hai apenas un mes.
Pola contra, Feijóo anuncia agora que irá na próxima lei de áreas empresariais, que a Xunta aínda ten pendente de enviar á Cámara. Unha lei que malia o seu nome non se limitará a regular ese sector desde o punto de vista urbanístico senón que tamén será aproveitada para legalizar a figura dos Concellos Emprendedores coa que a Xunta discriminou ata agora a municipios que non asumiron os seus postulados de baixar impostos ás novas empresas.
A introdución de cambios de leis previas en novas normas que inicialmente non estaban previstas para eses sectores deixa en evidencia a planificación lexislativa do Goberno galego, que opta por este tipo de correccións parciais mentres é incapaz de cumprir as súas propias promesas de novas leis ao tempo que o PP recorre á presentación de emendas no último momento con cuestións non previstas no texto orixinal que xa non poden ser rebatidas pola oposición.
Por outra banda, ao tempo que este xoves anunciaba o novo incentivo para acelerar a tramitación dos parques que comprometan a enerxía que produzan, o propio presidente confirmaba que o que os concellos recibirán este ano en compensación polo impacto dos eólicos será o mesmo que nos últimos anos, uns 11 millóns de euros a repartir entre todos. É a metade dos 22 millóns que a Xunta vén recadando anualmente a través do canon eólico, cifra que non aumenta desde hai unha década malia que neste tempo hai medio cento de parques eólicos máis por toda Galicia.