O Goberno galego primou en subvencións para formación de desempregados a concellos que facilitan a implantación de empresas, cuestións que o TSXG desvincula. Agora a Xunta impulsa unha lei para amparar a súa actuación.
En 2017, ao tempo que aprobou a denominada Lei de implantación de iniciativas empresariais, a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un acordo para a creación da figura Concello Emprendedor-Concello Doing Business. Con esa figura, non incluída na lei, os concellos que axilizasen trámites e rebaixasen taxas e impostos ás empresa que quixesen instalarse neles serían primados nas convocatorias de axudas e subvencións da Xunta con ata un 20% da puntuación total.
Pero o pasado 23 de xullo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza non divulgada ata agora na que, a instancias do Concello de Vigo, non adherido á iniciativa de concellos emprendedores, anulou tres convocatorias de subvencións destinadas a formación laboral nas que o Goberno galego aplicaba esa prima do 20% máis de puntuación. O TSXG puxo o foco na “total discordancia que existe entre as medidas de fomento dirixidas a favorecer a contratación e formación dos desempregados, coas que tenden a implantar e fixar empresas en Galicia”.
O tribunal tamén rebaixou o protocolo Doing Business a simple “compromiso ou declaración de intencións” que non podía amparar a relación que a Xunta establecía entre formación laboral e implantación de empresas. Agora o Goberno galego tramita unha lei para amparar baixo ela a súa actuación e que os concellos declarados “emprendedores” sigan sendo primados nas súas subvencións “nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento”.
As tres ordes de convocatoria de subvencións recorridas polo Concello de Vigo ían destinadas á creación de obradoiros duais de emprego, programas de formación para persoas mozas e programas integrados de emprego. Nos tres casos a Xunta primaba con máis puntuación aos concellos aspirantes que estivesen declarados concellos emprendedores por facilitar a implantación de empresas. Pero o TSXG entende que hai unha “total discordancia” entre eses dous tipos de medidas, “ambas lexítimas” e amparadas por lexislación distinta que o Goberno galego puxo en relación a través do acordo de 2017 coa Fegamp, ao que o tribunal resta valor.
“Non se fiscaliza aquí a legalidade ou non de tal protocolo, nin se pode considerar como unha norma, senón como un compromiso ou declaración de intencións que, aínda que se levase a unhas convocatorias de axudas, non ten por que ser axustado a dereito”, di a sentenza. A prima na puntuación aos concellos emprendedores “podería ser acorde cunha liña de subvencións dirixida a fomentar a implantación e fixación de empresas [...], pero non se corresponde en modo algún cos obxectivos de formación aos desempregados que perseguen as tres ordes impugnadas, que non teñen como destinatarias últimas a empresas, senón a desempregados que se contraten para realizar determinados programas en entidades locais, de dereito público a elas vinculadas ou en asociacións sen ánimo de lucro”.
A prima de puntuación incluída pola Xunta para os concellos emprendedores supuxo, di o tribunal “que se desestabilice e rompa a coherencia, neutralidade e obxectividade que deben presidir o outorgamento das subvencións públicas”.
Pero o tribunal vai máis alá e considera que “aínda se se puidera outorgar algunha puntuación nesas convocatorias aos municipios que se adherisen á iniciativa Concellos Doing Business Galicia, no presente caso sería notablemente desproporcionada, pois representaba a quinta parte da puntuación total” fronte a outros criterios que si respondían “ao verdadeiro obxectivo da medida de fomento [do emprego] a que iba dirixida a convocatoria”.
Na nova lei de polígonos empresariais que a Xunta comezou a tramitar o pasado xoves inclúe varios artigos para dar rango legal á "declaración de intencións" de 2017 que o TSXG considerou insuficiente para amparar a discriminación positiva ou negativa de concellos
Tras esta sentenza de xullo non divulgada ata agora, o pasado xoves o Consello da Xunta iniciou a tramitación do anteproxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia, un texto de cen artigos centrados na xestión urbanística dos polígonos empresariais pero no que se inclúen seis artigos, agrupados no seu Título VI, cos que se crea agora con rango legal a figura de concello emprendedor. Na nova norma a Xunta eleva a nivel de lei o protocolo previo que o TSXG consideraba insuficiente para amparar a discriminación positiva ou negativa de concellos.
Fronte á lei de 2017 que non citaba a figura do concello emprendedor e se limitaba a dicir que a Xunta "a través dos seus orzamentos, establecerá mecanismos de mellora do financiamento dos concellos galegos que incorporen nas súas figuras tributarias medidas para facilitar a implantación de iniciativas empresariais", a nova lei é moito máis explícita: “Establecerase unha discriminación positiva a favor daqueles concellos emprendedores solicitantes das subvencións destinadas a investimentos e gastos nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento, cando sexan convocadas en réxime de concorrencia competitiva pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por unha entidade do sector público autonómico, mediante a previsión nas bases da convocatoria dun criterio específico que no baremo de puntuación supoña, polo menos, o vinte por cen do total”.