O presidente di que os tempos de resolución dos concellos galegos a respecto dos portugueses “explican moitos problemas de competitividade da economía galega”
O presidente da Xunta criticou este xoves a lentitude dos concellos galegos en comparación cos portugueses á hora de tramitar as licenzas municipais que se lles solicitan para poñer en marcha todo tipo de actividades económicas. Coa maioría das cidades e grandes concellos de Galicia gobernados pola esquerda -Arteixo é o de maior poboación cun alcalde do PP e Ourense a única cidade que cogoberna cun bipartito no que os populares ocupan a concellería de Urbanismo-, Feijóo considera mesmo que os concellos están a limitar a reactivación económica.
As críticas ou reclamacións aos concellos a respecto dos seus prazos para supervisar a legalidade das solicitudes de actividades que se lles formulan antes de conceder as licenzas non son novas en Feijóo. Este mércores, no debate de política xeral, nunha das súas réplicas ao socialista Gonzalo Caballero, o presidente da Xunta xa afeou as demoras municipais. E o pasado febreiro xa reclamara aos concellos "licenzas exprés para seguir atraendo investimentos á comunidade", demanda que lanzou nun acto na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), polígono que requiriu 20 anos de trámites da Xunta, a Zona Franca e o Porto de Vigo.
Hai uns meses Feijóo xa reclamara aos concellos "licenzas exprés" nunha visita a un polígono que requiriu 20 anos de trámites da Xunta
“Non imos poder competir nunha reactivación económica onde temos veciños”, dixo este xoves o presidente en referencia a Portugal, cuxos alcaldes “teñen moi claro que a prioridade son os investimentos no seu termo municipal”. Feijóo di que “se comparamos os días en que os concellos portugueses outorgan unha licenza cos meses ou anos en que os concellos galegos outorgan unha licenza atopámonos cunha gran diferencia, e por iso se explican moitos problemas de competitividade da economía galega en comparación coa portuguesa”.
A Xunta aumentará con cinco novos profesionais o órgano dedicado a resolver consultas municipais en materia urbanística
As críticas de Feijóo á lentitude das licenzas municipais chegaron tras anunciar un novo trámite da Xunta para facilitar as súas labores consultivas en materia de urbanismo aos concellos. Segundo o presidente, a nova Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo, na que se integrará a xa existente Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, aumentará con cinco novos profesionais o seu persoal dedicado a resolver consultas municipais en materia urbanística.
Pero el mesmo salientou que son os concellos os que en última instancia resolven: “Non temos competencias porque España é un estado complexo e as competencias son municipais”, dixo, para considerar “bo que os concellos fixesen un portal de transparencia” no que indiquen o número de licenzas solicitadas, resoltas ou pendentes.
As licenzas municipais son actos regrados nos que, ante unha solicitude dun particular ou empresa, a administración comproba que a actividade que se quere implantar cumpre cos requisitos establecidos na lexislación, en boa medida autonómica. Agora, segundo Feijóo, a nova xunta consultiva quere “axudar a desbloquear os problemas enormes que teñen os concellos galegos para dar licenzas” de xeito que “se o concello considera que non é capaz de ter criterio, pode elevar consulta” ao órgano consultivo.