O presidente gaba a aposta da conserveira Albo, propiedade dun grupo chinés desde 2016, por unha nova planta que ocupará 63.000 metros cadrados, o 1,5% do espazo que ía ter o polígono cando se anunciou en 2000
“Feijóo anima aos concellos a conceder licenzas exprés para seguir atraendo investimentos á comunidade”. Ese é o titular do comunicado de prensa emitido este venres pola Xunta da visita do presidente ás obras dunha das primeiras empresas, a conserveira Albo, que se está a instalar na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), o maior polígono de Galicia que requiriu 20 anos de trámites por parte da Xunta, a Zona Franca e a Autoridade Portuaria de Vigo. "Imos seguir traballando para convencer os concellos do outorgamento de licenzas exprés, como fan os concellos de Portugal", verbalizou no acto o propio Feijóo.
A Plisan recibiu antes de que se instalara nin unha soa empresa 231 millóns de euros de investimentos públicos e perdeu un terzo do seu tamaño pola mala xestión das administracións implicadas, como sentenzaron os tribunais
A Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) foi lanzada en 2000 pola Xunta, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca de Vigo como a gran área loxística ou porto seco de Galicia, 35 quilómetros terra adentro, á beira do río Miño, con 4,2 millóns de metros cadrados. Nestas dúas décadas quedaron polo camiño 231 millóns de euros de investimentos públicos e numerosos cambios no proxecto, que perdeu un terzo da súa dimensión inicial e que xa non se publicita coa vocación coa que naceu de ser un porto seco de Vigo no que facer os movementos loxísticos para os que non había sitio nos peiraos da cidade -de feito a Autoridade Portuaria está a planificar novos recheos sobre a ría que suman máis de 200.000 metros cadrados argumentando falta de espazo-.
A Plisan preséntase hoxe como un polígono con capacidade para ofertar parcelas de gran tamaño, nas que non se instalará a gran fábrica de baterías de Mitsubishi anunciada pola Xunta ao pouco de chegar Feijóo á súa presidencia hai unha década. Un Feijóo que uns anos antes, como conselleiro de Fraga, herdara do seu antecesor Xosé Cuiña un proxecto que nestas dúas décadas incumpriu todo tipo de previsións e acumulou sentenzas xudiciais que certifican a súa mala xestión por parte das administracións implicadas.
A adxudicación das primeiras parcelas da Plisan hai un ano foi presentada pola Xunta como o "pulo definitivo" do polígono vinte anos despois do seu anuncio
Non foi ata finais de 2019 cando a Xunta logrou adxudicar as primeiras parcelas do polígono, 69.000 metros cadrados, un 1,6% do espazo inicialmente previsto pero que foi presentado polo Goberno galego como o “pulo definitivo” do proxecto. A maioría dese espazo, 63.000 metros, foi parar a Albo, que agora levanta alí unha planta que non estará en funcionamento ata dentro de máis de ano e medio e da que a Xunta salienta que terá unha capacidade de produción de cen toneladas ao día “que supón o mantemento de 200 postos de traballo e a creación de 25 novos”.
Na visita ás obras, ao tempo que pediu aos concellos que axilicen as súas licenzas, Feijóo defendeu a necesidade da Lei de Reactivación Económica que está a tramitar o PP para “a simplificación dos procesos administrativos”, algo que o Goberno galego xa defendeu que se se lograra con leis previas en 2013 e 2017.