O que ía ser o Porto Seco de Vigo, proxecto lanzado no ano 2000, entrega as primeiras parcelas a tres empresas ao tempo que a Autoridade Portuaria planifica novos recheos argumentando falta de espazo
20 anos despois de que en 2000 a Xunta, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca de Vigo lanzasen o proxecto de facer unha gran área loxística ou porto seco 35 quilómetros terra adentro, a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), este luns comezaron a asinarse os primeiros contratos de alugueiro ou venta de parcelas entre a Administración e as primeiras empresas que alí se instalarán. Un acto que o Goberno galego escenificou na súa delegación de Vigo presentándoo como “un pulo definitivo á Plisan” malia que supuxo a entrega a só tres empresas de cinco parcelas que suman apenas 69.000 metros cadrados, o 1,6% dos 4,2 millóns de metros cadrados que ía ter inicialmente o complexo cando se anunciou en 2020.
Nestas dúas décadas o proxecto incumpriu todo tipo de previsións e acumulou sentenzas xudiciais que certifican a súa mala xestión por parte das administracións implicadas
Nestas dúas décadas quedaron polo camiño 231 millóns de euros de investimentos públicos e numerosos cambios no proxecto, que xa non se publicita coa vocación coa que naceu de ser un porto seco de Vigo no que facer os movementos loxísticos para os que non había sitio nos peiraos da cidade -de feito a Autoridade Portuaria está a planificar novos recheos sobre a ría que suman máis de 200.000 metros cadrados argumentando falta de espazo- senón como un polígono industrial, o maior de Galicia, con capacidade para ofertar parcelas de gran tamaño. Parcelas nas que non se instalará a gran fábrica de baterías de Mitsubishi anunciada pola Xunta ao pouco de chegar Feijóo á súa presidencia hai unha década. Un Feijóo que uns anos antes, como conselleiro de Fraga, herdara do seu antecesor Xosé Cuiña un proxecto que nestas dúas décadas incumpriu todo tipo de previsións e acumulou sentenzas xudiciais que certifican a súa mala xestión por parte das administracións implicadas.
A Plisan ía ter 4,2 millóns de metros cadrados pero en 2010 o Supremo suprimiu case un terzo desa superficie, que fora incluída malia ter protección forestal
A Plisan deseñada sobre os planos en 2000, xunto ao río Miño e a liña de tren entre Vigo e Ourense, ía ter 4,2 millóns de metros cadrados de superficie, 420 hectáreas equivalentes a outros tantos campos de fútbol. Pero en 2010 o Tribunal Supremo sentenciou que case un terzo desa superficie non debía ser incluída no proxecto porque tiña protección forestal. Malia que as árbores xa foran arrasadas e todo o espazo era definido naquela época pola oposición no Parlamento de Galicia como “escenario postcatástrofe nuclear” ou “paisaxe lunar”, aquela sentenza obrigou a un novo reparto dos terreos que inicialmente ían corresponder por separado a cada unha das tres administracións implicadas. Pero o seguinte modelo elixido, de propiedade compartida entre as tres, impedía a venta de terreos, restrición legal que afecta ás autoridades portuarias, o que obrigou a novos cambios legais que demoraron a comercialización de parcelas que agora se comeza a concretar na que unhas serán de compra-venta e outras só de dereito de superficie.
Sobre as administracións promotoras da Plisan tamén caeron sentenzas condenándoas a incrementar as expropiacións aos anteriores propietarios dos terreos, aos que se indemnizara pola superficie pero non polos dereitos mineiros que perdían cos seus terreos situados nunha zona con tradición de canteiras.
A autovía de acceso á Plisan, parte dela aínda pechada, foi rematada en 2015 pola Xunta, que pola contra non lanzou o concurso da depuradora ata dous anos máis tarde
Os paus xudiciais que foron recibindo as tres administracións implicadas combináronse nestas dúas décadas coa falta de coordinación das infraestruturas necesarias para poñer en marcha a Plisan. A comezos de 2015 a Xunta xa daba por rematada unha autovía de algo máis de 5 quilómetros entre a Autovía das Rías Baixas (A-52) e os terreos do polígono. Pero así como nun extremo non había máis que descampados, no outro Fomento e o Goberno galego non serían quen de finalizar o enlace de conexión coas estradas preexistentes ata finais de 2018.
As présas da autovía, con boa parte do seu traxecto sen uso pero xa deteriorándose durante anos, contrastan con outras infraestruturas imprescindibles para o funcionamento do polígono. Mentres que o tronco principal da estrada xa estaba rematado en 2015, a Xunta aínda tardaría dous anos máis en lanzar os concursos para construír a depuradora de augas residuais e a planta de tratamento de auga potable do parque empresarial.
"A Xunta seguirá traballando arreo, como fixo ata o de agora, para que se poida iniciar canto antes o asentamento empresarial nesta zona", di o Goberno galego 20 anos despois de anunciar o proxecto
Este luns, dos 69.000 metros cadrados entregados, 63.000 foron para unha soa empresa, a conserveira Albo, propiedade agora dun grupo chinés. No acto de sinatura dos contratos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o de Economía e Industria, Francisco Conde, aseguraron que a Plisan vai “facer crecer o emprego e a industria galega” arredor da cidade de Vigo. "A Xunta seguirá traballando arreo, como fixo ata o de agora, para que se poida iniciar canto antes o asentamento empresarial nesta zona", asegurou o Goberno galego 20 anos despois de anunciar o proxecto.