Unha estrada que non leva a ningures

Imaxe dos seis quilómetros de estrada que conextan coa PLISAN © tivaifacendo

Con frecuencia falamos de aeroportos sen avións, ou de portos exteriores sen actividade, de infraestruturas pagadas con cartos públicos con custes millonarios e nulo aproveitamento. Con motivo do décimo aniversario do Prestige soubemos tamén que nos vinte parques empresariais creados a raíz da catástrofe só hai instaladas arredor de vinte empresas, fronte a unha previsión inicial dunhas mil. Igualmente é moi comentado decote a existencia de centos de quilómetros de autoestradas (sobre todo ao redor de Madrid) nas que case non hai circulación de vehículos. 

O caso da Ecopista de Salvaterra-As Neves podería acompañar os arriba citados. Como denuncia o blog Tivaifacendo, trátase dunha estrada de dobre sentido e dobre carril de seis quilómetros de lonxitude que conecta a saída da autovía Ourense-Vigo coa Plataforma Loxística- Industrial Salvaterra- As Neves (Plisán). O proxecto da PLISAN está paralizado dende hai tempo, e polo tanto a vía, cun custe superior aos vinte millóns de euros, non ten uso ningún. 

O blog, que salienta o paradoxo "dunha estrada no medio da nada" e critica "a malversación de fondos públicos” denuncia que "a estrada foi paralizada en numerosas ocasións, podendo servir así de ferramenta para gañar votos: cando viñan as eleccións os medios de comunicación acudían en masa a quitar aos políticos do Partido Popular que anunciaban a posta en marcha das obras, uns meses despois parábanse outra vez". Na actualidade, sinala, os veciños e veciñas da zona utilizan esta custosa infraestrutura "para pasear, patinar, andar en bici ou correr". Subliña que o que busca coa súa denuncia é "que a xente deixe de criticar o que pasa en Valencia coas infraestruturas paradas e que vexa dunha vez o que hai onde viven".

A PLISAN, con tres millóns de metros cadrados de superficie, leva paralizada dende o ano 2010, entre acusacións cruzadas entre os distintos grupos políticos e administracións. O proxecto naceu en 2004 e atravesou diferentes conflitos, relacionados coa expropiación dos terreos e o pago aos seus propietarios (Zona Franca e Porto tiveron que aboar uns seis millóns de euros extraordinarios ao recoñecer a xustiza unha taxación superior á realizada inicialmente) e tamén cos potenciais dereitos mineiros sen explotar, restrinxidos polo TSXG.

Imaxe dos seis quilómetros de estrada que conextan coa PLISAN © tivaifacendo
Plataforma Loxística- Industrial Salvaterra- As Neves © Zona Franca de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.