A depuradora do maior polígono de Galicia non estará finalizada ata "finais deste ano" e a posta en servizo para a veciñanza da metade da súa estrada de conexión segue pendente sete anos despois do seu remate
“Estase estudando a posibilidade de abrir ao tráfico rodado o viario principal interior da Plisan e a estrada AG-51, que conecta esta área empresarial coa autoestrada A-52”, mentres que as obras aínda en marcha da depuradora e da planta de auga potable do polígono “está previsto que rematen a finais deste mesmo ano”. Así atrasando o remate deses traballos a respecto do “primeiro semestre de 2020” que prometera Feijóo hai agora un ano e atribuíndo á autovía das Rías Baixas a condición de autoestrada, facía públicas o pasado venres, ás portas dunha nova campaña electoral, dúas novas hipóteses de futuro sobre o maior polígono empresarial de Galicia, anunciado en 2000, hai agora dúas décadas, e onde aínda non está a funcionar ningunha empresa despois de que as primeiras parcelas se adxudicasen aínda o pasado decembro. Mentres, a veciñanza da zona segue pendente de poder usar parte da súa autovía de conexión, a A-51, rematada desde 2013.
A Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) foi lanzada en 2000 pola Xunta, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca de Vigo como a gran área loxística ou porto seco de Galicia, 35 quilómetros terra adentro, á beira do río Miño. Dúas décadas despois e con 231 millóns de investimento en todo o proxecto, a súa conexión viaria é un exemplo da falta de coordinación entre as administracións e as infraestruturas necesarias para poñela a funcionar.
Malia que o polígono en si non acababa de arrancar, con sentenzas xudiciais en contra, o Goberno de Feijóo adxudicou en 2010 a autovía que unha década despois aínda ten pechada a metade do seu trazado
Malia que o polígono en si non acababa de arrancar, con sentenzas xudiciais que certificaron a súa incorrecta xestión, o Goberno galego encabezado por Feijóo adxudicou hai unha década, a comezos de 2010, a construción da autovía A-51 que o debía conectar coa Autovía das Rías Baixas (A-52) que pasa uns catro quilómetros ao norte. O tronco central da nova vía deuse por rematado en 2013, pero non foi ata 2015 que se abriu ao tráfico a metade máis setentrional, uns dous quilómetros, para facilitar algo a mobilidade de parte dos veciños da zona. Eses dous quilómetros abertos conectaban á súa vez estradas secundarias, porque non sería ata finais de 2018 que Fomento e o Goberno galego conseguiron rematar no seu extremo norte o enlace directo coa A-52.
Polo sur, a segunda metade da autovía segue pechada ao tráfico, xa que o seu extremo meridional enlaza coa rúa principal do polígono, na que o tráfico está condicionado polas obras aínda en marcha, impedindo así que veciñanza de Salvaterra ou As Neves residente nas inmediacións poida aínda empregar a vía que pasa xunto ás súas casas. E iso tras "case 25 millóns" de investimento só na conexión viaria da Plisan, segundo cuantificou o propio Goberno galego.
A Xunta atribúe ás obras aínda en marcha na propia Plisan a imposibilidade de abrir ao tráfico para a veciñanza da zona o treito final da autovía
A Xunta explica que “ata o momento non era posible propoñer a apertura ao tráfico da vía principal da Plisan ao estarse desenvolvendo na mesma as obras de urbanización [da zona loxística]. Pero unha vez que estas obras están moi avanzadas, está en estudo a posibilidade de realizar a apertura ao tráfico da mesma, con seguridade para os usuarios e sen que o tráfico interfira no desenvolvemento das obras que se están a executar”. O propio Goberno galego asume que o atraso está prexudicar á cidadanía da zona: “Coa apertura ao tráfico dos citados viarios facilitarase o acceso á vía de alta capacidade dos veciños dos núcleos de poboación próximos á Plisan, reducindo a distancia que teñen que recorrer actualmente”, sinala a Xunta, que non ofrece data máis alá de que está “estudando a posibilidade”.
Hai un ano Feijóo asegurou que a depuradora e a planta de auga potable da Plisan estarían "finalizadas no primeiro semestre de 2020" para que as empresas puidesen comezar a instalarse, pero agora a Xunta volve adiar esas obras "a finais deste ano"
As présas iniciais na construción dunha autovía que aínda non pode empregarse en toda a súa lonxitude, coa metade do seu traxecto sen uso pero xa deteriorándose durante anos, contrastan con outras infraestruturas imprescindibles para a posta en servizo do polígono. Mentres que o tronco principal da estrada xa estaba rematado en 2013, e a metade do seu trazado aberto en 2015, a Xunta non lanzaría ata 2017 os concursos para construír a depuradora de augas residuais e a planta de tratamento de auga potable necesarias para o polígono. Hai un ano, nunha visita ás obras, o presidente Feijóo asegurou que estarían á fin “finalizadas no primeiro semestre de 2020”, mesmo prazo que deu para que, unha vez rematadas esas infraestruturas, “as empresas que o desexen poidan comezar as obras necesarias para asentarse”.
En decembro a Xunta presentou como “pulo definitivo” á Plisan a adxudicación do 1,6% do espazo que ía ocupar cando a anunciou hai 20 anos
Porén, agora a Xunta atrasa eses prazos e sinala que “actualmente estanse executando as obras de construción da EDAR (Estación depuradora de auga residuais) e da ETAP (Estación de tratamento de auga potable), así como a urbanización da zona Loxístico empresarial (LE), cuxas obras está previsto que rematen a finais deste mesmo ano”. Mentres agarda polo remate desas obras, o pasado decembro a Xunta solemnizou a adxudicación das primeiras parcelas, uns 69.000 metros cadrados que supoñen apenas o 1,6% dos 4,2 millóns de metros cadrados que ía ocupar o proxecto cando se anunciou hai 20 anos.