O Goberno galego quere axilizar o solo empresarial e reducir trámites, obxectivos tamén de normas similares de 2013, 2017 e do pasado febreiro que agora corrixe ou di complementar
Baixo un título dirixido a organizar o desenvolvemento urbanístico das áreas ou polígonos empresariais e facilitar a instalación física das empresas neses espazos, a Xunta vén de iniciar a tramitación dunha nova lei que inclúe diversas reducións de trámites non só propios senón tamén dos concellos co argumento de que axilizar a implantación é “esencial para impulsar o desenvolvemento empresarial e garantir o progeso socioeconómico de Galicia”.
A nova norma corrixe ou complementa leis que a Xunta lanzou con similares obxectivos de impulso empresarial en 2013, 2017 ou o pasado febreiro, e a súa tramitación comeza cando aínda está pendente de aprobar a lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano que muda outras 27 leis previas, varias delas tamén co obxectivo declarado de facilitar a implantación empresarial.
En 2013 a Xunta impulsou a denominada Lei do emprendemento e da competitividade económica, que dicía apostar por facilitar a implantación no país de calquera actividade con “seguridade xurídica”. Catro anos máis tarde aprobaba a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que apelaba a crear un “marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza” para apoiar ás empresas. E o pasado febreiro aínda chegaría a lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, a coñecida como lei de reactivación pensada para xestionar a recuperación da pandemia e os fondos europeos que chegarán e que desregula permisos ambientais, subvencións a empresas e o emprego público.
A lei de 2017, malia apelar a un “marco normativo estable”, xa foi reformada cinco veces neste tempo, e agora a nova lei que vén de iniciar a súa tramitación muda 19 dos seus 44 artigos, os que conformaban un dos tres títulos da norma, o referente ao réxime xurídico do solo empresarial.
A Xunta quere "incentivar" aos concellos que reduzan trámites municipais primándoos cun 20% máis de puntuación á hora de recibir axudas
Na nova lei créanse mecanismos para que as áreas empresariais poidan irse desenvolvendo en función da demanda e necesidades das empresas, que terán máis flexibilidade tamén para pagar as parcelas e xestionalas elas mesmas, pero tamén se inclúe todo un apartado destinado a “incentivar” aos concellos para que tamén eles faciliten a implantación de empresas en xeral, non só nos polígonos. A Xunta discriminará positivamente nas súas axudas -dándolles un 20% máis de puntuación sobre o resto- a aqueles concellos que voluntariamente queiran considerarse “concello emprendedor” e acepten as medidas dispostas nesta nova lei, como limitar a quince días ou un mes, segundo as características, o prazo máximo para outorgar as súas licenzas de obra a empresas ou persoas traballadoras autónomas.
Os “concellos emprendedores” tamén deberán reducir reducir ata un 95% (segundo os postos de traballo creados) os impostos de bens inmobles e actividades económicas ou as taxas de obras para esas novas actividades durante canto menos os seus primeiros tres anos. A norma chega despois de que o presidente Feijóo acusase aos concellos de limitar a reactivación económica por dar licenzas urbanísticas con lentitude.