O presidente da Xunta e a ministra para a Transición Ecolóxica coinciden en apostar por máis parques pero aseguran que serán respectuosos co territorio
O presidente Feijóo fixo coincidir a visita este xoves a Galicia da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, coa divulgación por el mesmo tras o Consello da Xunta dun informe sobre a execución en 2021 e as previsións para 2022 das compensacións aos concellos polo impacto dos parques eólicos. O publicitado polo Goberno galego permite confirmar que este ano os cartos que se repartirán os concellos serán similares aos de cada ano durante a última década, uns 11 millóns de euros, a metade dos 22 millóns que vén recadando a Xunta cada ano desde 2010 malia que neste tempo hai medio cento de parques eólicos máis por toda Galicia.
A divulgación do balance do fondo de compensación ambiental ao que se destina o canon que pagan os eólicos polo seu impacto chegou nunha xornada na que tanto o presidente como a ministra, en diversos actos xuntos ou por separado, insistiron en que Galicia debe acoller máis parques pero garantindo que serán respectuosos co territorio, cuestión que diversas sentenzas veñen poñendo en cuestión nos últimos anos.
A ministra mantivo na mañá deste xoves un encontro con representantes de diversas ramas da industria eólica, pero as plataformas de afectados polo sector, molestas pola falta de interlocución, acabaron facéndose escoitar cunha protesta noutro acto de Ribera pola inminente dragaxe da ría do Burgo. A ministra insistiu en varias ocasións nas súas varias declaracións públicas deste xoves que o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia será respectuoso co territorio e coas persoas.
Segundo Feijóo tanto o Estado como a Xunta “queremos facer o mesmo, queremos facer parques eólicos cumprindo a lexislación ambiental”
Ribera referiuse tamén especialmente á eólica mariña, apelando a “traballar” coas confrarías, críticas coa falta de planificación do Goberno español, para analizar os seus temores que, dixo, non se corresponderían coa realidade.
Pola súa banda, o presidente Feijóo, que se reuniu con Ribera a primeira hora da tarde en Santiago, asegurou que as dúas administracións “queremos facer o mesmo, queremos facer parques eólicos cumprindo a lexislación ambiental”.