O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolle o recurso da Asociación Sociocultural O Iribio e volve deixar "sen efecto" o acordado pola Xunta en 2019
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve anular "por ser disconforme a dereito" os acordos da Xunta do ano 2019 que permitían a instalación dun parque eólico na Serra do Oribio, situado na Zona Especial de Conservación dos Ancares-O Courel, en Lugo. A sentenza fundamenta a "prevalencia do uso medioambiental" destes terreos protexidos da Rede Natura.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG acolle o recurso interposto pola Asociación Sociocultural O Iribio e acorda deixar "sen efecto" o contido do acordo da Xunta do 27 de xuño de 2019, e a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 4 de xullo do mesmo ano (publicada no DOG un mes despois), sobre a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico do Oribio.
A sentenza incide en que o proxecto do parque eólico estaba caducado e incide en que non se pode "modificar o que non existe"
O maxistrado Francisco Javier Cambón do TSXG reitera os argumentos expresados nunha sentenza anterior, emitida en decembro de 2020, ao entender que non se trata da modificación dun proxecto que contaba con autorización, senón dunha actuación nova, e impón á Xunta as costas do xuízo ata un máximo de 1.500 euros.
O alto tribunal galego entende que o proxecto 2007-2009, autorizado pola resolución do 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005, está caducado, pois non se explotou nin estiveron instalados aeroxeradores. A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación, segundo lembra a sentenza, e non se pode "modificar o que non existe", salientan os xuíces.
Esa Declaración de Impacto Ambiental, tal e como indica o TSXG, resulta "obsoleta para amparar a avaliación ambiental do proxecto modificado de 2018, polos múltiples e variados cambios lexislativos e de catalogacións de especial protección do terreo, non podendo entenderse validada por unha prospección vía informes gobernativos".
A data desa DIA era a de dez días despois da toma de posesión de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. Pero tamén a de seis días antes de que o director xeral de Calidade Ambiental do Goberno do PP, que asinaba a declaración, fose destituído do seu posto para deixar paso ao novo responsable, nomeado polo Executivo da coalición PSdeG-BNG. A partir desa declaración, en 2007 a Xunta aprobaba o parque ao velo axustado á normativa e requisitos vixentes naquela altura.
O TSXG di que "segue existindo un gran baleiro legal en materia ambiental na que se amparan as empresas enerxéticas"
O alto tribunal recoñece que "sendo Galicia unha Comunidade pioneira no aproveitamento eléctrico da enerxía eólica, segue existindo un gran baleiro legal en materia ambiental na que se amparan as empresas enerxéticas para levar adiante os seus proxectos".
Así, incide en que "as zonas ecoloxicamente máis relevantes deben obter unha protección íntegra", pois lembra que "a filosofía da Unión Europea sobre a Rede Natura" indica que debe ser "ecoloxicamente coherente, con espacios e hábitats representativos de cada territorio" e non "cepas illadas, rodeadas de polígonos industriais". "As especies non entenden de límites administrativos", aseveran na sentenza, que contou de novo, como xa ocorrera na de 2020, co voto particular contrario do maxistrado Juan Carlos Fernández.