En xullo de 2019 a Xunta fixo oficial a aprobación definitiva da modificación do proxecto para un parque eólico promovido pola empresa Fergo Galicia Vento na Serra do Oribio, nos concellos de Triacastela e Samos, á que dera luz verde o Consello do Goberno galego en xuño dese mesmo ano. O que se modificaba era un parque eólico que comezara a tramitarse en tempos do Executivo de Manuel Fraga e cuxa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) estaba datada no 12 de agosto de 2005.
En 2019, a Xunta autorizou modificar e poñer en marcha o parque eólico no espazo protexido da Serra do Oribio, avalado por unha declaración de impacto ambiental de 2005, nos derradeiros días do Goberno de Fraga, cando estas instalacións aínda non estaban vetadas na Rede Natura
A data desa DIA era a de dez días despois da toma de posesión de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. Pero tamén a de seis días antes de que o director xeral de Calidade Ambiental do Goberno do PP, que asinaba a declaración, fose destituído do seu posto para deixar paso ao novo responsable, nomeado polo Executivo da coalición PSdeG-BNG. A partir desa declaración, en 2007 a Xunta aprobaba o parque ao velo axustado á normativa e requisitos vixentes naquela altura.
Dende pouco despois de que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo dese o seu visto e prace á modificación, a plataforma Salvemos o Iribio alertou da súa "ilegalidade". Dende 2014, advertían, está prohibida a instalación de parques eólicos en espazos protexidos pola Rede Natura, como neste caso da Serra do Oribio, polo que a declaración de impacto ambiental de 2005 -cuxo contido tamén criticaban- non sería válida. Con estes argumentos, as asociacións que fan parte da plataforma acudiron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en outubro de 2019 paralizaba cautelarmente as obras e que agora anula a autorización ao considerar que contravén a normativa vixente.
Nunha sentenza ditada o pasado 11 de decembro e feita pública este día 15, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, co maxistrado Francisco Javier Cambón como relator, anula o devandito acordo adoptado polo Consello da Xunta en 2019 por "non ser conforme a Dereito". A autorización de 2007, lembran os maxistrados, daba á empresa doce meses "contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación", o cal nunca sucedeu.
A Xunta defendeu a súa actuación como mera modificación do proxecto de 2005, pero o Tribunal sentencia que "non pode modificarse o que non existe" e considera o proxecto como un novo parque eólico en Rede Natura, onde están prohibidos dende 2014
Dado que esa autorización non pode considerarse "eterna", argumentan, sería de aplicación a lexislación estatal vixente naquel momento, segundo a cal a caducaría aos 5 anos (en 2010) unha declaración de impacto ambiental que ademais na actualidade resulta "obsoleta" polos "múltiples cambios lexislativos" que houbo dende aquela. Entre eles, a prohibición de construír novos parques eólicos en Rede Natura dende 2014.
Neste sentido, a Sala ve claro que a Xunta non pode autorizar este parque eólico como unha mera modificación do proxecto inicial. Non pode "considerarse existente" porque "non se comezar a executar, non estando en explotación, nin instalados os aeroxeradores". En definitiva, "non pode modificarse o que non existe" e o que corresponde, sentencian, é "interpretar restritivamente as excepcións" que si permiten introducir cambios en parques eólicos en zonas protexidas se estes funcionaban antes desa protección.
O alto tribunal galego apóiase en estudos sobre o sector eólico galego e mais en directivas da Unión Europea para advertir de que, ademais, nun "terreo con tan altos niveis de protección" como a Serra do Oribio, en caso de conflito "prevalece o valor medioambiental sobre o desenvolvemento industrial". E neste caso, resalta, o Goberno galego estaba permitindo instalar o que a efectos prácticos é un novo parque eólico "nun terreo que ten a cualificación de espazo natural protexido" como parte da Zona de Especial Conservación Ancares-Courel, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e zona de Rede Natura 2000.
Nun terreo "con tan altos niveis de protección", di a sentenza, "prevalece o valor medioambiental sobre o desenvolvemento industrial
Neste contexto, "o novo proxecto eólico carece de declaración de impacto ambiental", porque a de 2005 " non versaba nin tiña por obxecto as múltiples e diversas actuacións materiais e de ordenación lexislativa que operan sobre o territorio ata o ano 2019". E o certo é que no momento en que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo autorizou a modificación do proxecto para a súa posta en marcha, "en tales áreas -subliña- non están permitidos os parques eólicos, agás a repotenciación dos xa existentes".
Esta sentenza dá así a razón ao recurso interposto polas asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia, a asociación Petón do Lobo, a Fundación Oso Pardo e a Sociedade Galega de Ornitoloxía e desbota os argumentos da Xunta, que durante o proceso defendeu que os cambios aprobados no proxecto orixinal non eran "substanciais" e por iso non era preciso avaliar de novo o impacto ambiental do parque. Un dos catro maxistrados da sala, Juan Carlos Fernández, discrepa da resolución e así o fixo constar nun voto particular.