A finais de outubro o TSXG, atendendo o recurso presentado pola plataforma Salvemos o Iribio, suspendeu cautelarmente o acordo do Consello da Xunta que aprobara o proxecto do parque eólico Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela. O auto lembraba que dende o ano 2014 está prohibida a instalación de parques eólicos en espazos da Rede Natura 2000, como é o caso, e esixía a actualización da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da instalación aprobada no ano 2005.
O novo auto conclúe que "as serias dúbidas sobre a viabilidade da execución 'ex novo' dun parque eólico en espazo da Rede Natura 2000 aconsellan o mantemento da suspensión cautelar acordada"
O Goberno galego non acatou o ditame do Tribunal Superior e presentou un recurso de reposición, que vén de ser rexeitado polo TSXG. O novo auto conclúe que "as serias dúbidas sobre a viabilidade da execución 'ex novo' dun parque eólico en espazo da Rede Natura 2000 a partir do ano 2014, aínda que se aprobou con anterioridade, aconsellan fundadamente o mantemento da suspensión cautelar acordada".
Os maxistrados e maxistradas do tribunal subliñan que "a DIA de 2005 establece condicións que non se cumpren de altura e diámetro de varrido e localización nos puntos de maior altitude, polo que a súa actualización resultaría imprescindible para protexer os valores existentes no territorio". O auto lembra que dende o 2014 se prohíbe a implantación de novos parques eólicos en zonas da Rede Natura 2000 "excepto a repotenciación dos existentes". E destaca neste senso que "a fase 1ª non está implantada, e non se pode falar de “repotenciación” dun proxecto non executado, non implantado".
O tribunal lémbralle ao Goberno galego que a protección do medio ambiente é "unha obriga non soamente de calquera administración pública, senón de toda a cidadanía"
O tribunal sinala así mesmo que "a promotora [Fergo Galicia Vento], que esperou tanto tempo para pretender executar o proxecto, debe asumir o risco do seu negocio, ao tratarse dunha sociedade mercantil que houbo de ponderar a non execución dun proxecto aprobado".
No seu recurso, a Xunta de Galicia sinalaba como "non substanciais" os cambios no proxecto, e polo tanto consideraba que isto eximía "dunha nova DIA". Porén, o TSXG lémbralle ao Executivo que "transcorreron 14
anos con cambios normativos que, substancialmente, poden afectar o parque eólico, ademais de que se altera a actuación inicial". Uns cambios que "non garanten unha mellor e máis adecuada protección do medio ambiente".
"En calquera outro país tanto os responsables da Xunta como da empresa promotora estarían rendindo contas ante a Xustiza por un posible delito contra o medio ambiente e os recursos naturais", di a plataforma
Finalmente, o tribunal lémbralle ao Goberno galego que esta protección do medio ambiente é "unha das demandas da sociedade actual" e "unha obriga non soamente de calquera administración pública, senón de toda a cidadanía", como indica o artigo 45 da Constitución española.
A Plataforma Salvemos O Iribio e a Rede de Plataformas Non Eólicos sinalan que "en calquera outro país da nosa contorna tanto os responsables da Xunta como da empresa promotora estarían arestora rendindo contas ante a Xustiza por un posible delito contra o medio ambiente e os recursos naturais". Neste senso, a Plataforma Salvemos O Iribio insta á Fiscalía "a actuar con valentía e incoar de oficio as correspondentes dilixencias penais".
Un espazo protexido
O TSXG obriga ao proxecto a ter que superar o mesmo proceso que calquera nova instalación, atendendo á lexislación vixente, que prohibe a instalación de parques eólicos na Rede Natura 2000
O parque eólico preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel. E, ademais, nun espazo no que a instalación podería ter un impacto paisaxístico moi negativo e prexudicial sobre o BIC do Camiño Francés, que pasa ao pé desta serra. O tribunal destaca, así mesmo, a importancia que a Serra do Oribio pode ter para a conservación de especies ameazadas incluídas no catálogo galego de especies vulnerables, como a tartaraña cincenta ou a gatafornela; ou para outras especies en perigo de extinción, como oso pardo ou a aguia real.
A consideración da modificación do parque eólico como “non substancial” ditado o pasado mes de febreiro polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, serviu para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental e a un novo período de exposición pública para alegacións, a sabendas de que estes trámites non sería superados en aplicación da normativa vixente.
A decisión do TSXG obriga agora ao proxecto a ter que pasar polo mesmo proceso que debe superar calquera nova instalación, atendendo polo tanto á lexislación vixente, que prohibe a instalación de parques eólicos en zonas da Rede Natura 2000.