No Concello de Samos están empadroadas algo menos de 1.300 persoas, case a metade maiores de 65 anos. Segundo o IGE, o ano pasado residían alí tantos bebés menores dun ano como persoas anciás maiores de cen anos.
O Tribunal Superior atendeu a petición de paralizar as obras do parque eólico nun auto que lembra que dende 2014 están prohibidas estas instalacións en espazos da Rede Natura
Este municipio e mais o lindeiro de Triacastela estiveron de actualidade nos últimos días pola decisión na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o acordo da Xunta que daba luz verde ar parque eólico Serra do Oribio, unha instalación promovida pola empresa Fergo Galicia Vento cuxos primeiros permisos se remontan a tempos de Fraga e que atinxe unha área protexida pola Rede Natura 2000. Como viñan denunciando colectivos ecoloxistas agrupados na plataforma Salvemos O Iribio, a instalación de eólicos está prohibida nestes espazos dende 2014.
A decisión do Tribunal Superior, atendendo os recursos da plataforma, paraliza cautelarmente o acordo do Consello da Xunta que daba luz verde definitiva ao parque. A plataforma Salvemos O Iribio lamentou que tivese "que ser a sociedade civil a que acuda aos tribunais para que as Administracións públicas cumpran o seu deber" e instaban os concellos de Samos e Triacastela a proceder de inmediato a cumprir a paralización ata a fin definitiva do proceso.
Neste sentido, a asociación ecoloxista ADEGA confirmaba este mércores que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta xa certificou a "suspensión provisional de todas as actuacións administrativas" do proxecto dende 2007. Derivado do propio auto, fican formalmente paralizadas as obras.
A resposta dende Samos chegou este mércores e, lonxe de secundar a satisfacción polo que podería ser o principio da fin do proxecto eólico nese espazo protexido, fíxoo en forma de mobilización para reclamar "o desbloqueo da construción do parque eólico". Propietarios de montes da contorna e o alcalde da vila, Julio Gallego (PSdeG) concentráronse baixo o lema Queremos o parque eólico xa ante a casa consistorial de Samos.
As obras, lamentan, en realidade están paradas "dende o verán" e a situación está a causar "crecente inquedanza entre os veciños". Malia ao ditame xudicial, os veciños concentrados aseguran nun comunicado "non compartir as opinións contrarias ao parque" porque "a instalación é respectuosa coa contorna, cos patrimonios medioambientais e culturais" e "Samos e Triacastela poderán beneficiarse da creación de postos de traballo e riqueza".
O alcalde de Samos, Julio Gallego, secunda a posición a prol do parque eólico e láiase de que a veciñanza con terras en Rede Natura "non recibiu nada a cambio"
"O único aproveitamento que ten o monte para os veciños do Oribio" é o parque eólico, resume o voceiro dos veciños, Agapito Rey, e nun sentido semellante pronúnciase o propio alcalde da vila. Segundo Julio Gallego, o feito de que a eólica sexa unha "enerxía limpa" debera ser un "punto a favor" dun proxecto co que os veciños están "contentos" porque supón "beneficios económicos" e "mellora de vías de comunicación".
Mentres o Tribunal Superior lembra a prohibición de construír este tipo de instalacións en Rede Natura, o rexedor insta a "recordar" que esa declaración de espazo protexida foi aprobada "sen contar coa opinión" da veciñanza, que "nada recibiu a cambio, só prohibicións". "Moito protestar no Parlamento, pero non se molestan en pedir que se pague polas terras que están en Rede Natura, os veciños non reciben nada a cambio", láiase Gallego.