O Goberno galego ten pendentes de aprobar, entre outras, a nova lei do xogo, prometida xa para 2018, ou a lei do Patrimonio da comunidade, prevista para 2017
O pasado 14 de xaneiro o presidente Feijóo anunciou que en 2021 a Xunta impulsaría e enviaría ao Parlamento “un total de 10 leis”. Rematado o ano, desas normas prometidas daquela só aprobou en Consello e remitiu á Cámara para a súa aprobación final dúas: a habitual lei de orzamentos para o ano seguinte e unha lei para planificar as estatísticas oficiais que se farán no período 2022-26.
No último ano o Parlamento si aprobou outras leis distintas das comprometidas en xaneiro por Feijóo, un total de 18, boa parte herdadas da anterior lexislatura, a de menor produción lexislativa da historia da autonomía, ou froito de propostas dos grupos parlamentarios e non do Goberno galego. Pero seguen pendentes, entre outras, unha nova lei do xogo, prometida polo Goberno galego xa para 2018 e aínda non aprobada mentres os xigantes das apostas seguen a reforzarse en Galicia.
En 2017 e 2018, obrigada por unha lei estatal, a Xunta fixo públicas as súas previsións de leis a remitir cada ano ao Parlamento para a súa aprobación, o denominado Plan Anual Normativo, incumprido amplamente nos dous anos ao só ser quen de aprobar en 2017 cinco das 11 leis anunciadas e en 2018 dúas das 12 prometidas, ademais de quedarlle nese ano aínda cinco pendentes do ano anterior. Despois, deixou de ser obrigatorio facer público ese Plan Anual Normativo e a Xunta limitouse a ir anunciando leis puntuais. Sen esa obriga, o Goberno galego non avanzou as súas previsións de novas leis para os anos 2019 e 2020, nos que a Xunta apenas impulsou normas e que consolidaron esa X Lexislatura como a de menor produción lexislativa da historia da autonomía galega.
Boa parte das leis prometidas para a anterior lexislatura e finalmente non aprobadas foron incluídas no programa electoral do PP para a actual XI Lexislatura que comezou a finais de 2020. Pero a maiores, xunto coa expectativa dunha maior produción legal herdada de anos anteriores, o 14 de xaneiro de 2021, malia seguir sen ser obrigatorio facelo, o propio Feijóo rematou co silencio de 2019 e 2020 e si anunciou as leis que o seu Goberno prevía enviar ao parlamento durante o 2021 e fíxoas públicas cun documento de moito menos detalle que os anteriores plans anuais normativos de 2017 e 2018.
Serían, segundo aquel documento do 14 de xaneiro, un total de 10 leis: para regular o xogo, o Patrimonio da comunidade autónoma, a artesanía, a arquitectura, a educación de adultos, a calidade alimentaria, previr o consumo de alcol, xestionar o ciclo integral da auga, planificar a estatísticas oficiais no período 2022-26 e os orzamentos autonómicos para 2022. De todas esas leis prometidas hai un ano finalmente a Xunta só foi quen de aprobar en Consello e enviar ao Parlamento as dúas últimas, acompañada a de orzamentos, como todos os anos malia non anunciarse, dunha lei de acompañamento coa que se mudan con menos debate todo tipo de leis previas. Pola contra, non foi quen de aprobar aínda as outras oito leis prometidas, entre elas a de xogos de apostas que xa prometera para 2018 ou a de Patrimonio da comunidade anunciada para 2017.
Boa parte das 18 leis aprobadas no último ano chegaron herdadas da anterior lexislatura, a de menor produción lexislativa da historia da autonomía, ou foron propostas polos grupos e non pola Xunta
Pola contra neste último ano, que na práctica coincide co que vai de XI Lexislatura, o Parlamento si aprobou un total de 18 leis, case tantas como as 22 da X Lexislatura. A gran maioría desas novas normas foron as que quedaron sen aprobar da pasada lexislatura, pero unha terceira parte, seis delas, nin sequera foron impulsadas polo Goberno galego senón polos grupos parlamentarios. É o que ocorreu coas leis de saúde, reactivación económica e recuperación da terra agraria, impulsadas a iniciativa do PP, con dúas reformas parciais da lei de violencia de xénero que recolleron propostas de BNG e PP para ter en conta a violencia vicaria contra fillos e a violencia dixital, e coa iniciativa nacionalista para evitar a discriminación das científicas por ser nais.
Fronte a esas 18 leis aprobadas ou reformas de normas previas cun debate e tramitación específica, só coa lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano, con menos trámites e debates, a Xunta impulsou mudanzas en 27 normas de todo tipo dun xeito acelerado.