As emendas do PP a lei 'Ángeles Alvariño' eliminan o criterio único para corrixir a discriminación das científicas por ser nais

Cultivo de plancto nun dos laboratorios da Estanción das Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo © Uvigo

O pasado marzo, o pleno do Parlamento aprobou por unanimidade a toma en consideración da lei promovida polo BNG para a igualdade entre homes e mulleres no ámbito da investigación científica. A coñecida como lei Ángeles Alvariño viña avalada polo impulso de científicas como María de la Fuente e colectivos como Investigal, que puxeron rostro nos últimos anos á necesidade de que as mulleres que son nais non sexan penalizadas nas súas carreiras investigadoras. O PP, imprescindible para a súa aprobación, aceptou tramitala. Pero no trámite de emendas aposta por restarlle concreción.

O texto orixinal, promovido polo BNG, propón que os tempos de inactividade por maternidade sexan calculados en porcentaxes e se convertan no "factor de corrección" que, nas convocatorias públicas de I+D+i, evite a penalización ás científicas que sexan nais

Estas discriminacións veñen dadas, por exemplo, ao non ter en conta os permisos de maternidade ou lactación nas convocatorias de investigación que avalían os méritos científicos -como publicacións ou patentes- logrados nuns determinados meses ou anos. Así quedou acreditado nunha pioneira sentenza no caso particular de De la Fuente, pronunciamento xudicial no que a investigadora viu outra evidencia da necesidade de introducir mecanismos correctores na lei para garantir a igualdade de oportunidades a todo o persoal investigador.

Na proposición impulsada polo BNG proponse solucionar esta eiva fixando por lei que, á hora de avaliar os méritos científicos nas convocatorias de I+D+i dependentes das Administracións públicas, a Xunta "compute como tempo de inactividade investigadora" os períodos de permisos de maternidade ou paternidade, as licenzas por embarazos de risco ou lactación. A continuación, a norma propón un mecanismo concreto para compensalo: "A ponderación do tempo de inactividade investigadora fixarase en valores porcentuais e converterase no factor de corrección a agregar sobre a puntuación final acadada pola persoa candidata na avaliación, redondeando á alza o resultado final ao enteiro máis próximo".

A investigadora Irene Ortiz, do grupo de Morfoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo (USC), nunha imaxe de arquivo © USC

A emenda do PP substitúe a fórmula concreta por unha indicación de que en cada convocatoria se "establecerá o factor corrector que corresponda" para "garantir a igualdade"

Esta foi a fórmula coa que a lei comezou a tramitarse e chegou ao trámite de emendas. Nel, o PP modifica ese mecanismo corrector promovido polo Bloque, pero non o substitúe por outro alternativo. Propón que ese artigo pase a indicar que "nas distintas bases de convocatoria das axudas, establecerase o factor corrector que en cada caso corresponda para garantir a igualdade de oportunidades". Non habería, daquela, un criterio único fixado na lei para corrixir a discriminación que, como quedou acreditado pola Xustiza, sobren as científicas que son nais.

Alén desta eliminación, as emendas do PP introducen unha moratoria de tres meses na aplicación do novo texto. Ademais, emendan a exposición de motivos (treito no que se detallan as motivacións e antecedentes políticos de cada norma) suprimindo, entre outros aspectos, as mencións á traxectoria da oceanógrafa Ángeles Alvariño como inspiradora da reforma que si inclúe o texto orixinal.

As emendas do PSdeG propoñen concretar máis a fórmula para calcular os mecanismos correctores e ampliar os supostos

Tamén o PSdeG presentou emendas á iniciativa do BNG, pero no seu caso para introducir matices ou, nos máis dos casos, agregar especificacións ou mesmo reforzar os mecanismos contemplados polo texto orixinal. Así, por exemplo, no que atinxe aos mecanismos correctores, as emendas socialistas -asinadas por Gonzalo Caballero- especifican como calcular en porcentaxe o tempo de inactividade para que non penalice á investigadora. 

Propoñen, ademais, que "con respecto ao tempo de inactividade por maternidade", cada filla ou fillo "compute, como mínimo, como un ano" ao que se "sumarán outras posibles interrupcións". Entre os supostos a ter en conta, o PSdeG suma, ademais, "razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso". Os socialistas si manteñen as mencións a Ángeles Alvariño na exposición de motivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.