Investigal pide que Galicia sexa pioneira na lexislación a prol da igualdade de oportunidades na investigación

Un laboratorio da Universidade de Vigo © CIG

O 8 de marzo Investigal vai rexistrar no Parlamento un manifesto para solicitar que se lexisle para avanzar en igualdade no ámbito da investigación

O vindeiro luns 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación vai rexistrar no Parlamento un manifesto para solicitar que se lexisle para avanzar en igualdade no ámbito da investigación. Este ano o 8M chega no marco dunha pandemia que fixo máis evidente ca nunca a importancia da ciencia e da investigación para o funcionamento da nosa sociedade. De igual xeito, nos últimos anos vén aumentando a crítica polas dificultades engadidas que as mulleres atopan no campo da investigación e para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais.

Tres investigadoras que foron nais durante os seus contratos quedaron fóra das prórrogas concedidas pola Xunta e hai unhas semanas coñecemos a sentenza xudicial que recoñecía que unha investigadora galega sufrira "discriminación indirecta por razón de xénero" ao non incorporar a convocatoria Miguel Servet medidas correctoras para compensar o efecto da baixa por maternidade á que se acollera.

"Aínda que se vai avanzando en igualdade, os cambios son lentos, polo que existe unha necesidade manifesta de implementar cambios lexislativos específicamente orientados a lograr a igualdade real de oportunidades"

A entidade destaca que "aínda que se vai avanzando en igualdade, os cambios son lentos, polo que existe unha necesidade manifesta de implementar cambios lexislativos específicamente orientados a lograr a igualdade real de oportunidades". "É evidente que hai desigualdades, que a maternidade penaliza o desenvolvemento profesional das investigadoras, e que a fenda de xénero existe en todos os ámbitos", sinala Investigal, que pide que "se pase á acción e se cree un marco normativo axeitado ás circunstancias actuais". 

"Queremos apelar aos grupos parlamentarios e á súa responsabilidade para debater e dar resposta a esta necesidade. Agardamos poder celebrar que Galicia sexa pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, converténdose nun modelo a seguir", di investigal.

"Agardamos poder celebrar que Galicia sexa pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, converténdose nun modelo a seguir", di investigal

A asociación lembra que nos últimos meses mantivo contacto coas distintas forzas políticas galegas para transmitirlles as súas reivindicacións: Garantir a igualdade de oportunidades en todos os chanzos da carreira investigadora, eliminar as situacións que dificultan o desenvolvemento da carreira do persoal investigador e que perxudican particularmente a retención das mulleres en ciencia, garantir que a maternidade non supoña unha penalización, eliminar todas as situacións de discriminación que poidan sufrir as mulleres no entorno laboral, garantir e promover a conciliación laboral e familiar para todo o persoal investigador. 

Así mesmo, incorporar a corresponsabilidade institucional, eliminar barreiras que limitan o acceso das mulleres a postos de liderado e toma de decisións, rachar cos estereotipos e sesgos de xénero e visibilizar o traballo e logros das investigadoras.  O pasado 17 de febreiro o BNG presentou unha iniciativa parlamentaria que afonda en varias destas cuestións.

Investigadora nun laboratorio © Uvigo

O texto impulsado por Investigal conta xa co apoio de máis dun milleiro de sinaturas

O texto impulsado por Investigal conta xa co apoio de máis dun milleiro de sinaturas, entre as que destacan as de África González (Premio Executivas), Alicia Estévez Toranzo (Premio María Josefa Wonenburger e vicepresidenta da Real Academia Galega das Ciencias), Amparo Alonso, Carmen Navarro Fernández-Balbuena ou Marisol Soengas, galardoadas as catro igualmente co Premio María Josefa Wonenburger. Así mesmo, apoian o manifesto diversas asociacións de investigadores e investigadoras, como a Asamblea de Investigadoras de Compostela ou a Asociación de Mujeres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia, así como o Instituto de Investigación Sanitaria, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica ou Xornalistas Galegas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.