O BNG propón un cambio lexislativo "para que ningunha muller teña que elixir entre ser nai ou científica"

Laboratorio da Universidade de Vigo © CIG

O BNG presentou este mércores unha proposición de lei que busca "corrixir a discriminación que soportan as mulleres" no ámbito da ciencia e da investigación no acceso ás convocatorias e axudas con procesos selectivos que penalizan as baixas por maternidade. A proposta, que foi presentada pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón, e pola deputada Olalla Rodil, leva o nome da oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño, unha das máis importantes científicas galegas na historia.

 A proposta leva o nome da oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño

“A desigualdade é unha dura realidade coa que convivimos as mulleres en todo o planeta, pero hoxe queremos centrarnos na discriminación nun ámbito moi concreto, -o da ciencia e da investigación-, e poñer o foco nun aspecto igual de concreto, -o da maternidade-, noutras palabras, a discriminación que obriga ás mulleres a ter que elixir entre ser nais ou ser científicas”, salientou Pontón na comparecencia.

Ana Pontón e Olalla Rodil, na presentación da proposición de lei © BNG

O texto lexislativo recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego

O texto lexislativo recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego, “igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante”. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, á fin de promover a igualdade entre mulleres e homes. 

Ademais, a proposta inclúe medidas para dar visibilidade ao traballo das investigadoras, por exemplo a través a creación de cátedras de xénero, apoiando a participación en órganos colexiados ou potenciando a vocación científica entre as mulleres. E, igualmente, accións que promoven un usos dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade.

O BNG lembra os problemas que sufriron varias investigadoras que foron nais á hora de participar nas convocatorias de contratos postdoutorais da Xunta ou o caso de María de la Fuente, que viu recoñecido nunha sentenza pioneira que foi discriminada por razón de xénero

Na presentación da proposta, Pontón citou as problemáticas concretas que nos últimos anos sufriron varias investigadoras que foron nais á hora de participar nas convocatorias de contratos postdoutorais da Xunta ou o caso de María de la Fuente, directora de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, que vén de ver recoñecido nunha sentenza pioneira que foi discriminada por razón de xénero porque no cómputo da súa traxectoria investigadora non se tivo en conta os meses de permiso de maternidade. 

O BNG lembra que son as mulleres quen asumen a maior parte das tarefas de coidados, o que ten un impacto negativo nas súas carreiras como investigadoras, como recolleu un informe recente da Universidade de Vigo., que incidía en como a pandemia de COVID e o confinamento fixeron máis amplas as fendas preexistentes en función do sexo.

A doutora María de la Fuente © Oncomet

Só dúas de cada dez cátedras nas universidades galegas están ocupadas por mulleres

En Galicia apenas o 27% das universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas, e só dúas de cada dez cátedras no SUG están ocupadas por mulleres, destaca o BNG. "Temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres", destacou Pontón, para rematar con esta "inxustiza para as mulleres que a sofren" e que tamén supón "unha perda de talento para o conxunto do país", que "nos empobrece como sociedade”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.