Os colectivos de persoal investigador piden que a Xunta rectifique os recortes que aplicou na nova convocatoria de contratos

Laboratorio do Grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade de Vigo © Uvigo

Nos últimos días colectivos galegos de persoal investigador, como Investigal ou a Asemblea de Investigadoras de Compostela denunciaron publicamente os recortes efectuados pola Xunta nas novas convocatorias de contratos predoutorais e postdoutorais. 

A Asemblea de Investigadoras reclama "un marco laboral digno, convocatorias estables e un horizonte de oportunidades seguro" para evitar a "fuga de cerebros, atraso científico e precariedade"

As modificacións efectuadas polo Goberno galego para os novos contratos postdoutorais reducen o número de prazas, a cantidade de horas de docencia e os salarios dos investigadores e investigadoras que accedan a eses contratos "diminuíndo as posibilidades de progresión e limitando o atractivo de Galicia para iniciar a carreira investigadora", sinalou Investigal. Mentres, a Asemblea de Investigadoras denunciou que con estas medidas "a Xunta dá un paso atrás nas súas políticas e confirma a súa falta de compromiso co sector" e reclamou "un marco laboral digno, convocatorias estables e un horizonte de oportunidades seguro" para evitar a "fuga de cerebros, retraso científico e precariedade" que marcarían a investigación en Galicia nos vindeiros anos.

Cultivo de plancto nun dos laboratorios da Estanción das Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo © Uvigo

 "As declaracións feitas pola Consellería distan moito de ser a realidade da investigación en Galicia e así o imos demostrar con feitos e números, non con demagoxia como fan desde o Goberno"

As denuncias de ambos os dous colectivos foron apoiadas publicamente por destacados investigadores, como Xosé Bustelo, recoñecido recentemente co Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal polos seus avances na loita contra o cancro. Pola contra, a Xunta de Galicia reaccionou desacreditando as críticas, afirmando que "non se corresponden coa realidade" e defendendo que a convocatoria de 2021 "é a maior da historia de Galicia, tanto a nivel orzamentario como de número de contratos".

As declaracións efectuadas pola Consellaría de Educación foron respondidas xa polos dous colectivos de investigadores e investigadoras, que se reafirmaron nas súas críticas. "As declaracións feitas pola Consellería distan moito de ser a realidade da investigación en Galicia e así o imos demostrar con feitos e números, non con demagoxia como fan desde o Goberno", indicou a Asemblea de Investigadoras de Compostela. Tamén Investigal acusou á Xunta de estar lonxe da "realidade" e de empregar "argumentos falsos ou imprecisos que manifestan un descoñecemento total do programa".

As denuncias do persoal investigador

1- Recorte no número de contratos: Dende a Xunta afírmase que “a convocatoria de 2021 é a maior da historia de Galicia, tanto a nivel orzamentario como de número de contratos”. É certo que a convocatoria de 2021 inclúe 175 contratos, fronte aos 167 da convocatoria de 2019. Porén, os dous colectivos lembran que no ano 2020 non houbo convocatoria, polo que en realidade o número de prazas da nova cómpre dividilo por dous, pois debe atender atender á demanda de dúas xeracións de investigadores postdoutorais. 

"En 2020 non se convocaron axudas para contratos posdoutorais, impedindo que moitos investigadores/as poidan optar ás axudas ao quedar excluídos polos límites asociados o ano da convocatoria"

"En 2020 non se convocaron axudas para contratos posdoutorais, impedindo que moitos investigadores/as poidan optar ás axudas ao quedar excluídos polos límites asociados o ano da convocatoria, como o ano de obtención da tese doutoral ou da licenciatura. Un bo negocio para a Xunta que cun mesmo presuposto cobre dous anos cun aumento irrisorio no número de axudas e nefasto para os/as investigadores que ven como unha convocatoria anual convértese de maneira cíclica en bianual por obra e arte da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria", sinala Investigal.

Investigador nun laboratorio © Uvigo

Na convocatoria actual o financiamento para o custo total do contrato para os tres anos da súa duración é de 28.600 euros brutos anuais, mentres que na convocatoria de 2019 esta contía era de 38.000 euros brutos anuais durante a fase de retorno

Mentres, a Asociación de Investigadoras de Compostela pregunta "onde foron a parar os máis de 8 millóns de euros que se aforrou o goberno galego ao non convocar as axudas posdoutorais no 2020" e denuncia que "a consecuencia da cancelación das posdoutorais no 2020 moitas investigadoras e investigadores se verán privados de presentarse á convocatoria actual e quedarán definitivamente expulsados do sistema de I+D+i polo desleixo e falta de vontade política do goberno galego". A entidade esixe que a Xunta "sume o presuposto dedicado a I+D+i e non executado no 2020 ao previsto para 2021, dobrando así o número de contratos na presente anualidade".

 

2- Redución do salario: A Consellería sostén que “no que respecta aos salarios, en ningún caso se reduce nestas convocatorias con respecto ás anteriores”. Porén, dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela lémbrase que mentres que na convocatoria actual o financiamento para o custo total do contrato (salario bruto e outros custos) para os tres anos da súa duración é de 28.600 euros brutos anuais, na convocatoria de 2019 esta contía era de 38.000 euros brutos anuais durante a fase de retorno, un recorte de case 10.000 euros.

"Isto supón unha xestión nefasta do diñeiro investido que favorece a fuga de cerebros e que o investimento non retorne a Galicia: somos excelentes formadores de talento para o desfrute de outros países ou comunidades autónomas"

Este salario base pode aumentarse con complementos salariais nas etapas de estadía, pero dada a situación sanitaria actual a posibilidade de realizar unha estadía longa é moi baixa, tal e como recoñece a propia Consellería ao eliminar da convocatoria o requisito obrigatorio de 24 meses de permanencia no estranxeiro substituíndoo por un mínimo de 6.

Dende Investigal saliéntase que a Xunta "aumenta o percibido no estranxeiro pero precariza o salario recibido en Galicia", polo que se cobrarán 12 mensualidades de 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2016-2019. "Isto supón unha xestión nefasta do diñeiro investido que favorece a fuga de cerebros e que o investimento non retorne a Galicia: somos excelentes formadores de talento para o desfrute de outros países ou comunidades autónomas", engade.

Laboratorio químico CC-BY-SA Jarmoluk

3- Diminución no número de horas de docencia: En canto á docencia, a Xunta afirma que "con 30 horas cada ano, ao longo de toda a duración da axuda, pódense alcanzar as 90 horas docentes, fronte ás 80 de anteriores convocatorias". Porén, dende Investigal lémbrase que "anteriormente nas axudas posdoutorais e predoutorais establecíase un número de 80 horas/ano para os posdoutorais e 60 horas/ano para os predoutorais, co que un/unha investigador posdoutoral modalidade A podía chegar a 240 horas de docencia nos seus tres anos de contrato".

"Xestión nefasta"

Dende a Asemblea sublíñase que "a investigación demostrou ser un dos sectores capaces de asegurar o progreso dun país, especialmente nun contexto pandémico como ao que hoxe nos enfrontamos". Porén, advirte nas modificacións introducidas pola Xunta un "retroceso" que contrasta co obxectivo enunciado por Alberto Núñez Feijóo o pasado mes de decembro de "proxectar Galicia como un referente da ciencia e da investigación". "As súa bonitas palabras chocan coa dura realidade das investigadoras e investigadores de Galicia, que seguen expostos a condicións cada vez máis precarias e humillantes por parte dos poderes públicos", sinala o colectivo.

Para Investigal, os erros da "xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia" supoñen que "case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano" 

Finalmente, Investigal conclúe que "baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso" e que "lonxe de coidar e incentivar o crecemento dun sector estratéxico para o futuro do país" constitúen un novo paso adiante por parte da Xunta "cara ao seu desmantelamento gradual". Para Investigal, os erros da "xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia" supoñen que "case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano". A entidade solicitou unha reunión "urxente" cos responsables desta convocatoria co obxectivo de "reconducila", pois lembra que "aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.