37 investigadores e investigadoras de alto nivel, que finalizan o seu contrato este mes de decembro, corren o risco de quedar en situación de desemprego polo atraso do Goberno galego na publicación da convocatoria que lles debería dar continuidade aos seus contratos postdoutorais. O problema repítese, pois xa o pasado ano 34 traballadores e traballadoras de distintos centros de investigación e universidades galegas estiveron a piques que ficar neste limbo pola falta de acción da Xunta, que ao final (despois de semanas de protestas) accedeu a aprobar contratos-ponte para resolver a situación.
"É un problema de planificación, é un problema de mala xestión por parte da Xunta e é un problema de falta de valoración do noso traballo, porque esta é unha situación que se está a repetir ano tras ano"
O pasado mes de abril, cando o Goberno galego aprobou unha prórroga de seis meses nos contratos para evitar os problemas xerados pola pandemia, a Xunta prometeu que antes de que rematase o ano daría luz verde á convocatoria "de permitilo as circunstancias". Pero isto non foi así e o seu novo compromiso é que a convocatoria sexa unha realidade a comezos do ano 2021, o que no mellor dos casos adiaría a súa resolución ata xuño. Seis meses de desemprego e paralización das súas investigacións que pode expulsar a algún destes investigadores e investigadoras a outros territorios que lles ofrecen máis oportunidades e unha maior estabilidade para as súas vidas e carreiras.
Falamos con Laura López Romero, unha das investigadoras afectadas, pertencente ao campo da Psicoloxía, onde traballa investigando os problema de conduta en nenos e adolescentes.
O último que soubestes sobre a publicación da convocatoria foi que esta podería chegar nos primeiros meses do ano 2021. Tivestes algunha novidade nos últimos días?
Non temos ningunha novidade, non. Ninguén se puxo en contacto con nós e non sabemos nada máis. Na pasada primavera, por mor da pandemia, a Xunta ampliou durante seis meses os nosos contratos, que debían ter rematado en xuño, e que pasaban a facelo en decembro, unha medida que por suposto aplaudimos. Cando fixo este anuncio, o Goberno galego dixo que antes de que rematase o ano sacaría unha nova convocatoria para a modalidade B dos nosos contratos, tramitada por vía de urxencia para que o lapso entre unha e outra fase fose o mínimo posible.
"Tentamos ter unha xuntanza directamente coa Xunta para obter un compromiso un pouco máis específico. Non obtivemos resposta, nin positiva nin negativa, pois non nos recibiron"
No mes de outubro tentamos obter un compromiso máis firme e a través das vicerreitorías de investigación das tres universidades galegas a mensaxe que recibimos é que a convocatoria sairía nalgún momento de principios de 2021. Isto xerounos unha grande incertidume, porque seguía a ser moi inconcreto e porque implicaba que no mellor dos casos a convocatoria se resolvería en xuño ou xullo.
Tentamos ter unha xuntanza directamente coa Xunta para obter un compromiso un pouco máis específico. Non obtivemos resposta, nin positiva nin negativa, pois non nos recibiron. Tentamos manter reunións tamén no Parlamento cos tres grupos representados na cámara e por parte do PP tampouco obtivemos resposta; si nos puidemos reunir co BNG e co PSdeG.
A investigación ten moitos problemas en Galicia, comezando pola falta de financiamento, pero semella que neste caso hai, en primeiro lugar, un erro organizativo por parte do Goberno galego, que non publica a tempo a convocatoria que debe dar continuidade aos vosos contratos e investigación...
É un problema de planificación, é un problema de mala xestión por parte da Xunta e é un problema de falta de valoración do noso traballo como investigadores e investigadoras, porque esta é unha situación que se está a repetir ano tras ano e non creo que se deba asumir como normal que as nosas carreiras deban paralizarse, con todo o que iso supón.
"Todos estes problemas teñen consecuencias que van máis aló de que a nós se nos acabe un contrato: paralízanse as nosas liñas de investigación e paralízase a posibilidade de colaborar en tarefas docentes"
O problema ten unha parte persoal, que afecta á vosa situación laboral e tamén un impacto máis amplo nas vosas investigación e no funcionamento de universidades e centros de investigación?
Si, todos estes problemas teñen consecuencias que van máis aló de nós a nivel individual, van moito máis alá de que a nós se nos acabe un contrato: paralízanse as nosas liñas de investigación e paralízase a posibilidade de colaborar en tarefas docentes. Unha parte moi importante do peso das investigacións que se levan a cabo nos nosos grupos recae en nós, porque temos unha dedicación exclusiva para facer isto. Se nós faltamos, as investigacións páranse. Así mesmo, supón un freo moi importante para as universidades, porque agora ve que debe prescindir durante meses dun persoal moi valioso.
Que solucións reclamades?
"Reclamamos tamén un reforzo en materia de investimento, porque hai 17 investigadores, cunha traxectoria excelente e cunha avaliación positiva, que non van poder continuar"
O primeiro que reclamamos é que a convocatoria saia canto antes, para que o salto que se dá entre un e outro contrato sexa o menor posible. Todos temos asumido que uns meses de parón vai haber, porque os prazos xa non dan para que a convocatoria se resolva a comezos de ano, agás que decidan facer algunha especie de contrato-ponte, como xa ocorreu o ano pasado, e que solucionaría en parte o problema.
Reclamamos tamén un reforzo en materia de investimento, porque das 37 persoas que estamos agora na modalidade A, unicamente 20 van poder acceder a un contrato da modalidade B. Hai 17 investigadores, cunha traxectoria excelente e cunha avaliación positiva, que non van poder continuar. Por iso é importante que o investimento en I+D en Galicia creza ata a media española, xa non pedimos máis.
"Tamén reivindicamos unha reforma estrutural do programa postdoutoral da Xunta de Galicia, para facilitar a continuidade das carreiras"
Hai tamén casuísticas máis persoais, que están relacionadas co tema das maternidades e paternidades: xente que vai rematar máis tarde o seu contrato, porque tivo a súa baixa, e polo tanto se se presentan con nós van estar en clara desvantaxe, pero se deciden agardar ata a seguinte convocatoria, van ter seis meses en branco máis.
E por último, tamén reivindicamos unha reforma estrutural do programa postdoutoral da Xunta de Galicia, para facilitar a continuidade das carreiras. Tal como esta deseñado agora debemos presentarnos primeiro a unha convocatoria (Modalidade A) e posteriormente a outra (Modalidade B), a pesar de que nesta segunda convocatoria só nos podemos presentar os que estamos xa na Modalidade A. Debería haber unha continuidade.
"A situación que estamos a vivir saca á luz unha vez máis o gran problema que temos en Galicia, que é a falta de estabilidade: estamos constantemente nunha corda frouxa"
Un dos grandes problemas para investigar en Galicia é ter estabilidade?
Si, a situación que estamos a vivir saca á luz unha vez máis o gran problema que temos en Galicia, que é a falta de estabilidade, estamos constantemente nunha corda frouxa. Para que alguén poida planificar un proxecto nun prazo de catro anos hai que ter unha seguridade laboral que abranga ese período de catro anos, cousa que nós non temos. Moi poucos proxectos de investigación se poden levar a cabo en prazos tan curtos coma a duración dos nosos contratos. É necesaria unha aposta clara por quen se inicia nesta carreira investigadora. Debe haber mecanismos e estruturas para dar continuidade a estas carreiras, sempre suxeitas a avaliacións constantes. Debe haber unha aposta forte para apoiar o noso perfil.
Así mesmo, os niveis de investimento en investigación en Galicia están moi por debaixo da media española e moito máis lonxe aínda dos niveis existentes noutros países de Europa. Así resulta moi difícil chegar aos estándares de calidade que nos piden.
"Os niveis de investimento en investigación en Galicia están moi por debaixo da media española e moito máis lonxe aínda dos niveis noutros países de Europa. Así resulta moi difícil chegar aos estándares de calidade que nos piden"
É unha carreira de fondo e chea de obstáculos. Ademais, non coñezo a ningún investigador que nalgún momento da súa carreira non traballase gratis, precisamente porque non se poden paralizar as liñas de investigación, polo que neste caso, se estamos seis meses no paro, seguramente o que faremos será seguir traballando, pero gratis, para que o proxecto non se deteña. É algo que se asume que non está ben asumilo.
A situación é mellor noutras comunidades autónomas ou fóra de España?
A situación no resto de comunidades autónomas é semellante. Pode que algúns aspectos funcionen mellor que en Galicia, porque por exemplo non existe esta división en dúas partes do programa de postdoutoramento, e ademais hai máis financiamento. Ademais, unha cousa que si está pasando neste momento é que a pesar da pandemia as convocatorias están saíndo a tempo, a diferenza de Galicia. Pero en xeral a nivel español hai moito que facer.
Eu fixen a miña estadía en Suecia. Alí o sistema é totalmente distinto. No momento en que unha persoa decide que quere iniciar unha carreira investigadora, ten sobre a mesa contratos laborais con boas condicións, ten garantida unha certa estabilidade e o sistema non está tan cheo de obstáculos como aquí
"É unha máquina de expulsar xente e un proceso no que non só perdes talento, senón que o financiamento que Galicia investiu en nós ou noutros investigadores ao final o disfrutan outros países"
A falta de oportunidades para investigar en Galicia con estabilidade está a expulsar a moitas persoas, que se ven obrigadas a marchar a centros de investigación noutros territorios?
É unha máquina de expulsar xente e un proceso no que non só perdes talento, senón que o financiamento que Galicia investiu en nós ou noutros investigadores ao final o disfrutan outros países. A verdade é que fóra de España nos adoitan recibir cos brazos abertos. O problema non está na formación que se dá aquí, que é moi boa, senón na estabilización e na retención do talento que formaches. Como fóra de España hai un sistema que ofrece máis alternativas para captar este talento, as ofertas de traballo existen.
"Temos un compromiso co lugar que nos financiou durante anos. Eu recibín moitas bolsas, este país pagou a miña formación e eu sinto que estou en débeda coa sociedade, polo que quero devolver este apoio co meu traballo aquí"
Existe o risco de que algunha das 37 persoas que estades a sufrir esta situación marchedes a investigar fóra de Galicia por esta falta de continuidade?
Por falta de ofertas non vai ser, eu falo polo meu caso. O que pasa é que somos xente que estamos entre os 33 e os 36 anos, que estamos nunha idade na que queremos comezar a estabilizarnos, a ter unha vida. E a estas alturas moitos o que queremos é estar no noso país. As condicións laborais son moito mellores fóra, ali é todo moito máis doado, pero tamén está o tema persoal, que ten a súa importancia. Ademais, temos un certo compromiso co lugar que nos financiou durante anos. Eu recibín moitas bolsas, este país pagou a miña formación e eu sinto que estou en débeda coa sociedade, polo que quero devolver este apoio co meu traballo aquí. Que eu ou outra persoa tivésemos que marchar significaría desbotar unha cantidade inxente de recursos económicos e persoais.
Durante os primeiros meses da pandemia medrou na sociedade un discurso que pedía apostar máis pola investigación, tamén como unha forma de mudar o actual modelo produtivo galego e español, moi centrado no turismo e na hostalaría. Percibides unha aposta real pola ciencia?
"Non esperamos grandes cambios dun día a outro. Pero se hai unha planificación e unha vontade decidida de incrementar o investimento ano a ano e de estabilizar progresivamente o persoal, pouco a pouco iremos conseguindo algo"
Non sei que dicirche. Nos primeiros momentos da pandemia parecía que podía chegar a darse cando menos unha certa revalorización da ciencia e da investigación en España. Agora que pasaron uns meses non estou tan segura de que entre a sociedade se manteña esta idea. Pode que a nivel das institucións siga a haber un pequeno cambio de actitude. Veremos. Non esperamos unha revolución, grandes cambios dun día a outro. Pero se hai unha planificación e unha vontade decidida de incrementar o investimento ano a ano e de estabilizar progresivamente o persoal, pouco a pouco iremos conseguindo algo.
Cal é a túa área de investigación?
O meu campo é a Psicoloxía, na área de Avaliación, Personalidade e Tratamentos Psicolóxicos e pertenzo ao grupo de investigación Underisk da USC. A miña liña de traballo xira ao redor do estudo e do desenvolvemento dos problema de conduta en nenos e adolescentes. Levamos a cabo un estudo lonxitudinal en colaboración con este grupo de investigación de Suecia no que estiven traballando. Un estudo para analizar, dende que son pequenos, a súa evolución a nivel de comportamento, a nivel emocional e a nivel psicosocial, e a identificación de factores de risco e factores de protección que nós poidamos levar ao campo da prevención.