Continúa o conflito dos 37 investigadores e investigadoras postdoutorais que hai 15 días denunciaron o risco de ficar durante meses sen emprego e coas súas investigacións paralizadas polo atraso da Xunta na publicación dunha convocatoria. O colectivo vén de denunciar que non obtivo resposta do Goberno galego ás súas denuncias.
Os seus contratos rematan este 31 de decembro. Porén, a previsión da Xunta é que esta convocatoria se publique a comezos do ano 2021, o que adiaría a súa resolución ata "xuño ou xullo, no mellor dos casos", denuncian
Este persoal investigador de alto nivel, adscrito á modalidade A ao programa I2C, unha das iniciativas de referencia para a captación e retención de talento científico en Galicia, depende da publicación por parte do Goberno galego dunha convocatoria para pasar á modalidade B, que inclúe unha prórroga de dous anos nos seus contratos laborais.
Estes contratos rematan este 31 de decembro. Porén, a previsión da Xunta é que esta convocatoria se publique a comezos do ano 2021, o que adiaría a súa resolución ata "xuño ou xullo, no mellor dos casos", denuncian. Serían, polo tanto seis meses nos que este grupo de investigadores e investigadoras de alto nivel ficaría en situación de desemprego, cos seus proxectos e investigacións paralizados e co traballo docente que realizan nas universidades galegas tamén ausente. "Isto significa que o noso traballo se verá interrompido durante alo menos 6 meses, o que resultará en liñas de investigación perdidas e persoal altamente cualificado abandoando a carreira investigadora ou transladándose ó estranxeiro tras investimentos públicos millonarios na súa formación", sinala o colectivo.
Xa o pasado ano 34 investigadores e investigadoras postdoutorais estiveron na mesma situación, o que levou a unha protesta pública durante varias semanas que finalmente obrigou ao Goberno galego a prorrogar os seus contratos mentres non se resolvía a nova convocatoria.
O colectivo denuncia que lle foi negada "calquera tipo de información sobre o noso futuro, e durante os últimos meses todos os nosos intentos para concretar unha reunión para obter dita información recibiron silencio por resposta"
Isto é o que de novo este ano pide o persoal investigador afectado pola "deficiente planificación da Xunta de Galicia". Porén, de momento dende o Goberno galego non se ofreceu solución ningunha. O colectivo denuncia que lle foi negada "calquera tipo de información sobre o noso futuro, e durante os últimos meses todos os nosos intentos para concretar unha reunión para obter dita información recibiron silencio por resposta".
O colectivo de investigadores e investigadoras lembra que no mes de abril a Consellería de Educación e Universidade anunciou que "de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021". Porén, a pesar de que este ano 2020 está a rematar, a convocatoria nunca foi publicada.
"O único que pedimos á Xunta é que non desperdicie os cartos de todas as galegas e galegos deixando morrer as nosas carreiras investigadoras", din
"O único que pedimos á Xunta de Galicia é que non desperdicie os cartos de todas as galegas e galegos deixando morrer as nosas carreiras investigadoras, cando ten na súa man, sen ningún tipo de trabas, o proporcionar unha continuidade ás nosas investigacións, ós departamentos nos que traballamos e, tamén, ás nosas propias vidas persoais e ás das nosas familias", conclúen. Lembran, ademais, que outras convocatorias científicas convocáronse ou estanse a convocar de xeito normal nas datas previstas, tanto a nivel estatal (Proxectos Retos e Xeración de coñecemento, Juan de la Cierva, Ramón y Cajal) coma europeo (Marie Curie).
Demandan unha "reforma estructural integral" da carreira investigadora en Galicia
"O PP mantén reiteradamente que o sistema científico galego é o mellor do estado español, repetindo esta idea coma un mantra, pero sen aportar datos que así o confirmen", critican
O grupo sinala que a carreira investigadora en Galicia "precisa dunha reforma estructural integral" e lembra que "diversos colectivos así coma as Vicerreitorías de Investigación das tres universidades públicas galegas así llo veñen transmitindo á Xunta dende hai xa varios anos".
O colectivo critica que "o Partido Popular mantén reiteradamente que o sistema científico galego é o mellor do estado español, repetindo esta idea coma un mantra, pero sen aportar datos que así o confirmen" e lembra que o investimento en I+D+i en Galicia é do 0,94% do PIB, por debaixo da media estatal (1,24%) ou europea (2%) e moi afastado doutros territorios como País Vasco (1,96%), Madrid (1,71%), Navarra (1,68%), Cataluña (1,52%) ou Castela e León (1,3%). E conclúe que "a Xunta de Galicia co Partido Popular ao mando parece dar unha de cal e outra de area cando de ciencia se trata".