En abril do pasado ano 2019 o TSXG recoñeceu nunha sentenza o dereito a unha indemnización por extinción de contrato de 20 días por ano traballado para os investigadores e investigadoras con contratos predoutorais, unha decisión que foi recorrida pola Universidade de Santiago. Agora o Tribunal Supremo vén de darlle a razón á USC, suprimindo este dereito, nunha decisión que foi recibida con duras críticas polo colectivo investigador, que sinala que o ditame "condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario", en palabras da Asemblea de Investigadoras de Compostela.
O Supremo afirma na súa sentenza que os contratos de investigación na súa fase predoutoral presentan semellanzas cos contrato en prácticas e que o seu carácter "formativo" os priva do dereito á indemnización
O ditame do Tribunal Supremo entende que "o lexislador deseñou unha modalidade contractual, de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización no momento da súa finalización" e chega a afirmar que os contratos dos investigadores e investigadoras na súa fase predoutoral presenta semellanzas cos contratos en prácticas, "de maneira moi particular a finalidade explícita da contratación".
Pola contra, a sentenza anterior, do TSXG, subliñaba a súa equiparación cos contratos doutro tipo de traballadores e traballadoras, sinalando que os contratos de investigación neste etapa non podían ser considerados contratos formativos e si, en cambio, contratos para unha obra ou servizo determinados.
En abril do pasado ano 2019 o TSXG recoñeceu nunha sentenza o dereito a unha indemnización por extinción de contrato de 20 días por ano traballado, subliñando a súa condición de contrato por obra ou servizo determinado
Para a Asemblea de Investigadoras de Compostela, o Tribunal Supremo demostra con esta sentenza que "non entende, ou non quere entender, como evolucionou a investigación na sociedade moderna". O colectivo reivindica que o traballo de investigación é "un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento". Un coñecemento "que ademais se está transmitindo, valorizando e rendibilizando por parte da universidade e que repercute directamente na mellora e o avance da sociedade", engade.
O colectivo lembra que a Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación define no seu artigo 21 o contrato predoutoral e especifica que “será de duración determinada” e que “terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”. e pregúntase "que pretende ou a quen quere contentar o TS con este exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que esta sociedade quere superar".
A Asemblea de Investigadoras de Compostela conclúe que a sentenza "condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario"
A Asemblea de Investigadoras de Compostela conclúe que as conclusións da sentenza son "totalmente equivocadas, impropias dos tempos actuais e prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade, tanto en termos de dereitos laborais como no ansiado obxectivo de poder achegarnos á tan necesaria implantación dunha carreira investigadora real e medianamente digna".
O colectivo lembra que varias universidades de todo o Estado si recoñecen o carácter plenamente laboral dos contratos predoutorais, dotándoos dos correspondentes dereitos. Neste senso, fan un chamamento aos centros e universidades "que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras" a seguir contemplándoos nos seus contratos.
A Asemblea fai fincapé en que a Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores recollen que “todos os investigadores que seguen unha carreira de investigación deben ser recoñecidos como profesionais e tratados en consecuencia. Isto debe comezar ao principio das súas carreiras, é dicir, a nivel de posgrao, e debe incluír todos os niveis independentemente da súa clasificación a nivel nacional”.