A Asemblea de Investigadoras de Compostela continúa coas súas protestas ante a "situación de discriminación" que, denuncian, sofre parte do persoal de investigación, unhas accións iniciadas a comezos de febreiro. Este martes estase a desenvolver o primeiro dos martes negros que o colectivo convocará semanalmente para demandar melloras laborais a través das redes sociais, utilizando a etiqueta #martesnegros. Ademais, este xoves está convocada unha concentración ás 11.30 diante da Reitoría da USC coincidindo coa celebración do Consello de Goberno da Universidade de Santiago.
Animan o persoal investigador a amosar nas redes sociais a súa protesta coa etiqueta #martesnegros
Critican que dende o ano 2016 unha parte do persoal investigador da USC está a sufrir unha situación de "discriminación", ao recibir retribucións "por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa", negárselle "subas salariais que si ten o resto de persoal da USC", así como carecer de "indemnización por extinción de contrato". Explican que, por exemplo, unha investigadora FPU/FPI está a percibir 1.173,00 €/mes, 70 euros menos do que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes), unha diferenza que supera os 1.000 euros anuais.
Denuncian tamén que se lles nega unha indemnización por extinción de contrato, "algo que si se pagaba por parte da USC ata o ano 2016". E que non se lles aplican as subas salariais anuais acordadas pola propia Universidade e que se outorgan á maior parte dos colectivos. Demandan que todos os e as investigadoras en formación teñan "os mesmos dereitos con independencia de quen cofinancie os seus contratos".
E, ademais, acusan o Equipo de Goberno da USC de non actuar ante esta situación, a pesar de ser unha promesa realizada durante as últimas eleccións a Reitor. O colectivo de investigadoras e investigadores alerta de que "ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando". "Non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación", subliñan.
A Asemblea conclúe que a USC "fai negocio da precarización" deste persoal investigador
A pasada semana recibiron da Valedora do Pobo unha información que previamente lle solicitaran á Consellería de Educación, que e que o Goberno galego se negara a proporcionar. O colectivo preguntaba "canto recibe a USC da parte variable dos indicadores relacionados directamente coas persoas investigadoras predoutorais e a que se destinan estes recursos". Na súa resposta á Valedora, a Consellería comunica que o pasado ano a Universidade de Santiago captou 1,3 millóns de euros en convocatorias ou programas competitivos pola produción científica realizada por estes investigadores e investigadoras.
A Asemblea conclúe que a USC "fai negocio da precarización" deste persoal investigador e cualifica de "indignante" que a Universidade lles negase unha cativa suba de soldo mentres "percibía por elas máis de 1,3 millóns de euros extra só por unha parte dun dos indicadores dese ano".