Persoal investigador da USC inicia mobilizacións en demanda de melloras laborais

Protesta dun grupo de investigadoras na Praza da Quintana no ano 2017 © Asemblea de Investigadoras de Compostela

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade en asemblea o inicio de mobilizacións e accións de protestas contra o Equipo de Goberno da USC, en demanda de melloras laborais e salariais. Critican que dende o ano 2016 unha parte do persoal investigador da Universidade de Santiago está a sufrir unha situación de "discriminación", ao recibir retribucións "por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa", negárselle "subas salariais que si ten o resto de persoal da USC", así como carecer de "indemnización por extinción de contrato".

Explican que, por exemplo, unha investigadora FPU/FPI está a percibir 1.173,00 €/mes, 70 euros menos do que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes), unha diferenza que supera os 1.000 euros anuais. Subliña, igualmente, que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias.

 "Non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación"

A AIC destaca que contan co apoio de CCOO, CIG, CSIF e UGT, que nos últimos días solicitaron formalmente que a USC convocase unha xuntanza para tratar este asunto, cumprindo o compromiso ao que a institución chegara no mes de decembro. Tamén fan fincapé que na última campaña electoral o actual reitor, Antonio López, se comprometera a responder ás peticións realizadas por este colectivo.

O colectivo de investigadoras e investigadores alerta de que "ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando". "Non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación", subliñan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.