Un novo atraso nunha convocatoria da Xunta aboca ao paro a 37 investigadores galegos de alto nivel

Imaxe de arquivo dunha concentración de persoal investigador na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

A maior parte dos contratos destes investigadores e investigadoras de alto nivel rematarán a final de ano, pero a Xunta aínda non publicou a convocatoria que lles pode dar continuidade, o que os pode deixar no paro durante varios meses

O pasado ano un grupo de 34 investigadores e investigadoras galegas de alto nivel foron prexudicados e prexudicadas polo atraso da Xunta na publicación dunha convocatoria. Estaban adscritos e adscritas ao programa I2C da Xunta, unha das iniciativas de referencia para a captación e retención de talento científico en Galicia. Porén, o Goberno galego só publicou a convocatoria da modalidade B do programa (que permite renovar os seus contratos durante outros dous ano) cando o período inicial de contratación estaba xa rematado, o que levaba este persoal a estar no paro, no mellor dos casos, durante os cinco meses nos que se resolvía o novo proceso. Afortunadamente, as súas protestas públicas tiveron resultado e a Xunta acabou aceptando prorrogar os seus contratos para evitar o baleiro nas súas carreiras.

Ano e medio despois, semella que o problema se repite. Desta volta son 37 os investigadores e investigadoras galegas postdoutorais afectadas, pertencentes tamén ao programa I2C, que poden ficar sen contrato durante varios meses polo atraso na convocatoria do Goberno galego que lles debería dar continuidade. 

"Estas persoas verán interrompidas de novo os seus labores tanto docentes coma investigadores pola falta de previsión da Xunta"

Pouco antes das eleccións do pasado 12 de xullo e xustificada polos efectos da pandemia de coronavirus, a Xunta anunciou prórrogas contractuais para as persoas investigadoras que dependen da administración autonómica. Estas prórrogas levan os seus contratos a finalizar, na súa maioría, entre os días 29 e 31 de decembro deste ano 2020. Porén, a convocatoria para a continuidade dos seus contratos non foi aínda publicada e o Goberno galego informou a este colectivo de que non será publicada antes do mes de febreiro. De novo, atendendo á duración habitual destes procesos, este grupo de investigadores e investigadoras ficarán no paro durante medio ano no mellor dos casos.

Imaxe de arquivo dunha protesta de persoal investigador © Precarios Galicia

Esixen que se convoque e resolva a próxima convocatoria de contratos posdoutorais "coa maior premura posible" e que o salto producido entre o fin dos seus contratos e o inicio dos seguintes "se sufrague con contratos-ponte, como se fixo en anos anteriores"

"Estas persoas verán interrompidas de novo os seus labores tanto docentes coma investigadores pola falta de previsión da Xunta de Galicia", denuncia o colectivo de investigadores e investigadoras, que chama tamén a atención sobre o prexuízo que estas baixas poden ter para o funcionamento das universidades galegas. Especialmente "nunha situación na que o profesorado universitario se atopa ó límite da súa capacidade docente debido á situación de semipresencialidade no que se atopan gran parte das asignaturas impartidas" e na que "as tres universidades galegas experimentarán unha sobrecarga engadida nos departamentos ós que pertencen estas persoas durante varios meses", sinalan.

Os investigadores e investigadoras denuncian, ademais, que o Goberno galego non respondeu ás súas reiteradas solicitudes de manter unha xuntanza cos responsables do programa posdoutoral da Xunta, o que os obrigou a denunciar publicamente a situación. Esixen que se convoque e resolva a próxima convocatoria de contratos posdoutorais "coa maior premura posible" e que o salto producido entre o fin dos seus contratos e o inicio dos seguintes "se sufrague con contratos-ponte, como se fixo en anos anteriores".

Lembran que estas persoas "son investigadoras e investigadores de alto nivel" e denuncian "as políticas de abandono que a Xunta practica ano tras ano con estes colectivos"

Engaden, ademais, a demanda de que as persoas que disfrutaron de permisos de nacemento "dispoñan de mecanismos reais de equiparación co resto das persoas coas que deben concorrer á seguinte convocatoria, sexa mediante mecanismos de ponderación dos seus currículums ou mediante contratos-ponte que lles permitan presentarse en igualdade de condicións no ano 2021".

Lembran que estas persoas "son investigadoras e investigadores de alto nivel, que completaron dous anos de estadía financiados pola Xunta de Galicia en centros internacionais de recoñecido prestixio, e o seu retorno e estabilización asegura que a inversión realizada neles/as repercuta na sociedade galega". E denuncian "as políticas de abandono que a Xunta practica ano tras ano con estes colectivos", aínda máis graves no momento actual de crise, na que "os esforzos por conservar o talento investigador e por rendibilizar as inversións en ciencia deberían de estar maximizados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.