O colectivo InvestiGal-Rede Galega pola Investigación denuncia que a última convocatoria de contratos posdoutorais lanzada pola Xunta "precariza aínda máis a investigación en Galicia, diminuíndo as posibilidades de progresión e limitando o atractivo de Galicia para iniciar a carreira investigadora".
"Parece que a Xunta busca o desmantelamento do principal programa de captación de doutores/as en vez de realizar unha aposta que garanta o retorno do investimento público e fortaleza a competitividade do sistema de investigación galego"
A entidade critica que o programa dirixido pola Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria "introduce unha serie de cambios" na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, equivalentes á antiga modalidade A, "que son lesivos para os/as solicitantes con respecto a convocatorias anteriores, precarizan notablemente as súas condicións laborais e desincentivan a atracción de talento e a consolidación da carreira investigadora en Galicia". "Isto supón un agravio comparativo para as persoas candidatas e as sitúan en desvantaxe co persoal investigador doutor que obtivo estas mesmas axudas durante os anos 2012-2019", denuncia.
Investigal critica, sobre todo, que o número de axudas é "insuficiente". A convocatoria actual aumenta o número de axudas ata 49, 3 máis con respecto aos 46 contratos ofertados na convocatoria do 2019. Porén, "este aumento é falso", explica o colectivo, "xa que asumindo que o ano 2020 quedou en branco e, se relativizamos o número de axudas a dous anos (2020 e 2021) en vez de un (2021), o número de axudas ofertadas reais vese reducida á metade".
Investigal alerta de que hai unha "redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador" e critica que o número de axudas queda reducido á metade
Así mesmo, alerta de que hai unha "redución significativa das remuneracións salariais do persoal investigador", pois a nova convocatoria elimina a fase de retorno que si tiña a antiga Modalidade A, na que os investigadores e investigadoras que obtiveron estas axudas entre o 2012-2019 debían permanecer investigando en Galicia durante o terceiro ano (e derradeiro) do contrato posdoutoral, e xustifícao coa idea de dotar de máis “flexibilidade” á hora de que as estadías no estranxeiro poidan desenvolverse ao longo dos 3 anos que duran os contratos.
Con todo, explica Investigal, o programa só financia estadías no estranxeiro durante un máximo de 24 meses, polo que as persoas beneficiarias permanecerán un mínimo de 12 meses investigando en Galicia. Durante estes 12 meses o salario destas persoas será de aproximadamente 1.500€ brutos mensuais, moi afastados dos 2.000€ brutos mensuais que percibe o persoal investigador que obtivese a mesma axuda entre 2012-2019, denuncia o colectivo. Outra novidade da convocatoria é a redución a un máximo de 30 horas a docencia impartida en graos e másters universitarios, fronte ás 80 horas que imparten os que obtiveron a mesma axuda entre 2012-2019, engade Investigal.
"Parece que a Xunta busca o desmantelamento do principal programa de captación de doutores/as da nosa comunidade en vez de realizar unha aposta firme por este perfil de investigadores posdoutorais que garanta o retorno da inversión pública e fortaleza a competitividade do sistema de investigación galego", conclúe Investigal nunha nota de prensa.
InvestiGal considera que "baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso". "Isto supón que case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano por unha xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia", engade a entidade, que solicitou unha reunión urxente cos responsables da convocatoria co fin de "reconducila", dado que aínda existe marxe antes da súa publicación definitiva no DOG.
"Baixo estas condicións o programa de axudas posdoutorais está abocado ao fracaso", di Investigal. "Isto supón que case 7 millóns de euros de diñeiro público se tiren ao lixo cada ano por unha xestión nefasta na contratación de doutores/as para o sistema galego de ciencia", engade
A entidade lembra "a importancia dos/as investigadores/as posdoutorais no sistema de I+D+i, que constitúen un persoal altamente formado (doutor) coa experiencia necesaria para realizar actividades de investigación con autonomía, o que deriva nunha alta produtividade e que xera coñecemento de alto valor engadido e un importante retorno económico e social".
E subliña que a Real Academia Galega de Ciencias relacionou recentemente a alta produtividade das Universidades da rexión norte de Portugal (1,71 publicacións/profesor·ano) con respecto ás tres Universidades galegas (1,05 publicacións/profesor·ano) co "importante número de investigadores posdoutorais que as Universidades portuguesas manteñen nas súas estruturas".
Convocatoria tardía da Modalidade B, da que dependen 37 investigadores de alto nivel
Así mesmo, a Xunta anunciou a convocatoria das axudas para completar a formación posdoutoral, da cal depende o futuro dos 37 investigadores e investigadoras de alto nivel que se atopan na actualidade en situación de desemprego debido aos atrasos da Xunta de Galicia na presentación desta convocatoria. Concederanse 24, polo que un terzo dos investigadores e investigadoras quedará fóra.
Con varios meses de atraso, a Xunta anunciou a convocatoria das axudas para completar a formación posdoutoral, da cal depende o futuro dos 37 investigadores e investigadoras de alto nivel
As persoas afectadas por esta situación vén reclamando a convocatoria das axudas dende o mes de outubro, para conseguir que se resolvesen antes de que rematasen os seus contratos en decembro, cousa que xa sucedeu, paralizando ademais as súas investigacións e afectando á actividade dos seus departamentos. Investigal subliña que a Xunta afirmara que previamente á convocatoria era necesaria a resolución da avaliación da Modalidade A, requisito finalmente eliminado no borrador da convocatoria "e que pon de manifesto unha vez máis a falta de vontade por parte da Xunta de Galicia para manter a dignidade laboral dos seus traballadores", denuncian.