Hai tres anos coñecemos o caso de María de la Fuente, doutora en nanomedicina e terapia xénica cun amplísimo currículo internacional en investigación oncolóxica, cuxa carreira investigadora estaba a sufrir un gran prexuízo polo feito de ser nai. No ano 2013 lograra, mediante concorrencia competitiva, un contrato Miguel Servet cofinanciado polo Instituto Carlos III (ISCIII) e o Sergas para incorporar liñas de investigación de teses de doutoramento a hospitais públicos.
Porén, no momento de renovar o contrato, necesitaba superar unha avaliación na que se tiñan en conta os seus méritos profesionais (publicacións, patentes...) nun período concreto de tempo que incluía os 13 meses que estivera de baixa por maternidade (tivo dous fillos). Unha fórmula de avaliación que a deixaba en clara desvantaxe con respecto ao resto de competidores.
Hai tres anos María de la Fuente iniciou unha campaña para denunciar a súa situación, que era compartida con moitas outras investigadoras, cuxas carreiras víanse limitadas no momento de ser nais
María de la Fuente iniciou unha campaña para denunciar a súa situación, que era compartida con moitas outras investigadoras, cuxas carreiras víanse limitadas no momento de ser nais, impedindo que accedesen a postos de maior responsabilidade (o denominado teito de cristal) ou tendo que escoller moitas veces entre ser científicas e ser nais. A consecuente falta de mulleres en comités de avaliación, órganos de decisión ou foros de persoas expertas fai que esta situación de desigualdade se perpetúe. A campaña, ademais de incluír unha recollida de sinaturas que superou os 300.000 apoios e contactos con grupos políticos, converteuse nunha demanda xudicial que vén de se converter nunha sentenza que lle dá a razón e que pode sentar un precedente moi importante.
A maternidade está a ser un factor que impide que moitas mulleres accedan a postos de maior responsabilidade (o teito de cristal). A consecuente falta de mulleres en comités de avaliación, órganos de decisión ou foros de persoas expertas fai que esta situación de desigualdade se perpetúe
O Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid estima que María de la Fuente sufriu "discriminación indirecta por razón de xénero" ao non incorporar a convocatoria Miguel Servet supostos de interrupción (coa posibilidade de presentarse á convocatoria seguinte), nin aplicar medidas correctoras, nin, no caso de persoas con contratos prorrogados, valorarse os méritos que puidesen adquirir durante o tempo engadido. A sentenza conclúe que se produciu unha diferenza entre aquelas persoas que puideron dedicar os cinco anos do seu primeiro contrato a completar os méritos do seu currículo e aquelas, como a demandante, que tiveron que interromper o seu traballo.
O xuíz ordena que o Instituto de Saúde Carlos III dite unha nova resolución, valorando novamente os méritos de María de la Fuente "tendo en conta todo o período en que se desenvolveu o seu contrato Miguel Servet tipo I, incluídos os períodos de prórroga, aplicando as medidas correctoras obxectivas que teña por conveniente".
O xuíz conclúe que na convocatoria se producía "un efecto discriminatorio para as mulleres fronte aos homes, xa que o procedemento é competitivo"
O ditame interpreta que a investigadora "interrompeu a súa actividade por circunstancias ligadas á súa condición de muller", dando lugar a unha "discriminación indirecta por razón de sexo" recollida na Lei de Igualdade Efectiva de Mujeres e Homes do ano 2007, polo que conclúe que na convocatoria se producía "un efecto discriminatorio para as mulleres fronte aos homes, xa que o procedemento é competitivo". Ademais, o xuíz critica que na contestación ao recurso administrativo o ISCIII compare a situación da investigadora galega cos doutras nais concorrentes que obtiveron unha valoración de excelencia, "presumindo así que a maternidade non debe afectar á produción científica, sendo isto último unicamente responsabilidade das investigadoras, que son libres para asumir que deben ou non traballar durante as súas baixas maternais para así ser máis competitivas e 'excelentes'".
"Levaba tres anos sen participar demasiado no Día da Muller e a Nena na Ciencia. Non me sentía ben animándoas a iniciar unha carreira científica na que sabía que ían atopar obstáculos como os que eu atopei. Parecíame un pouco cínico"
A sentenza coñeceuse na semana en que se celebraba o Día da Muller e a Nena na Ciencia, unhas datas nas que se adoita poñer de relevo os obstáculos que seguen facendo máis difíciles as traxectorias profesionais das investigadoras. María de la Fuente recoñece que nos últimos anos "non estaba cómoda" nesta celebración. "Levaba tres anos sen participar demasiado en actividades, porque non me sentía ben animando ás rapazas a iniciar unha carreira científica na que sabía que ían atopar moitos obstáculos, como os que eu atopei. Parecíame un pouco cínico", di.
María de la Fuente denuncia que se segue "dando por feito" que cando tes fillos "vas deixar de lado a túa profesión ou que vas priorizar a túa familia por riba das túas responsabilidades profesionais. "Non se trata de priorizar, trátase de poder atender as dúas cousas", di
Nas convocatorias en réxime de concorrencia competitiva para a incorporación de personal investigador, xeralmente inclúense supostos de interrupción, que permiten ampliar o período de tempo para a avaliación de méritos, tipicamente durante un ano por cada fillo. Porén, iso non sucede cando se avalía a produtividade, en convocatorias competitivas que as máis das veces non contemplan medidas correctoras para as investigadoras que foron nais ou tiveron que interromper o seu traballo por outros motivos (enfermidade grave, coidado de dependentes...), valorándose ese tempo como tempo traballado, o que se traduce nunha perda de competitividade. Casos semellantes ao de María de la Fuente repítense con frecuencia, tamén nas convocatorias de contratos postdoutorais lanzadas pola Xunta.
María de la Fuente denuncia que se segue "dando por feito" que cando tes fillos "vas deixar de lado a túa profesión ou que vas priorizar a túa familia por riba das túas responsabilidades profesionais". "Non entendo por que se presume, porque non se trata de priorizar a carreira científica ou a maternidade, trátase de poder atender as dúas cousas. As dúas facetas teñen que ser compatibles", di.
Casos semellantes repítense con frecuencia, tamén nas convocatorias de contratos postdoutorais lanzadas pola Xunta
Lembra que a maternidade "non é só o permiso que se concede despois do parto", porque "os embarazos son duros, a lactancia é tamén un proceso complexo, non se durme...". "Non é tan fácil como volver ao traballo e estar de novo ao 100%, mesmo nos casos nos que corresponsabilices á perfección e a túa parella se ocupe tamén da crianza", sinala, subliñando o impacto que ten para calquera actividade laboral, comezando pola investigación.
"O que non pode ser é que calquera interrupción que fagas na túa carreira investigadora penalice"
Ademais, María de la Fuente salienta que esta sentenza "abre as portas a que se contemplen outros supostos de interrupción". "A cuestión da maternidade é seguramente a máis importante, vese como hai moitísimas investigadoras que chegadas a unha certa idade, xusto cando son nais, deixan de progresar e non acceden a postos de responsabilidade. Pero non é a única cuestión: paternidade, enfermidades de longa duración, coidado de persoas dependentes... Hai que ter en conta todas estas casuísticas", di, engadindo: "o que non pode ser é que calquera interrupción que fagas na túa carreira investigadora penalice".
A sentenza "despexa o camiño e senta precedentes. É imposible cambiar todo de golpe, pero estas pequenas batallas son as que suman"
"Hai que introducir medidas correctoras e en todo caso avaliar despois das prórrogas. O problema é que falta vontade para facelo", di María de la Fuente. "Por iso é importante esta sentenza, porque despexa o camiño e senta precedentes. É imposible cambiar todo de golpe, pero estas pequenas batallas son as que suman", conclúe. E engade: "tamén sería moi importante que houbese cambios lexislativos para garantir que estas situacións non se repiten. Os partidos deben poñerse a traballar para aprobar leis que asenten estes avances".