María de la Fuente é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago e doutora en nanomedicina e terapia xénica. Ten un amplísimo currículo internacional na investigación oncolóxica e case unha corentena de publicacións científicas. No ano 2013 logrou, mediante concorrencia competitiva, un contrato cofinanciado polo Instituto Carlos III e o Sergas para incorporar liñas de investigación de teses de doutoramento a hospitais públicos, o que no caso da doutora De la Fuente implicaba achegar á sanidade pública os seus avances para combater metástases tumorais. Malia os éxitos profesionais, a súa carreira investigadora foi penalizada polo feito de ser nai. É o que a levou a iniciar unha reivindicación que este luns chegou ao Parlamento galego.
Como a propia María de la Fuente relata, a discriminación por ser nai chegou no momento en que tivo que se presentar "a unha avaliación obrigatoria para continuar co meu posto de traballo e poder subir de categoría". Un dos aspectos avaliados nas candidaturas son "os nosos méritos profesionais nun período concreto de tempo", como publicacións científicas, conferencias ou patentes. Pero "na miña valoración non se tivo en conta o tempo que estiven de baixa por maternidade" e daquela, "se traballei menos tempo, é lóxico que teña menos méritos profesionais", o que a leva a "estar en clara desvantaxe", como "todas as mulleres que se acollen a unha baixa por maternidade".
A doutora De la Fuente concorreu a unha avaliación obrigatoria para "subir de categoría" e, na valoración de méritos, "non se tivo en conta" que estivera de baixa por maternidade
A vontade de "mudar isto" levou a doutora De la Fuente a iniciar unha recollida de sinaturas á que xa se sumaron máis de 160.000 persoas, pero tamén a iniciar unha serie de contactos políticos para tentar impulsar un cambio legal. Eses encontros comezaron este luns na Cámara galega co voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais a deputada desta formación Paula Vázquez Verao. Aínda que "a solución acorde a dereito e non discriminatoria" para casos coma este "sería unha prorrata entre o tempo traballado e os méritos alegados para ter a mesma oportunidade que o resto de persoas que competían polo proxecto", explica Villares, En Marea anuncia unha iniciativa para "solicitar que se modifiquen as bases das convocatorias dos organismos adscritos ao Sistema Nacional de Saúde", como o Carlos III, para "garantir que se inclúan" cláusulas "de non discriminación".
Luís Villares anuncia iniciativas de En Marea ao respecto e reclama a "revisión de procedementos firmes" afectados por "estas discriminacións"
Trátase, resalta Villares, de que a maternidade non implique perder "dereitos laborais recoñecidos legalmente", tal e como "ocorre xa no Espazo Europeo de Investigación, onde xa hai unha normativa" ao respecto. Ao tempo, resalta, cumpriría que "os organismos responsables inicien procesos de revisión de procedementos administrativos firmes onde se produzan estas discriminacións para revogar de oficio as situacións xurídicas individualizadas nas que xa se vulnerase o dereito á igualdade", toda vez que en última instancia mesmo está a ser vulnerado "o artio 14 da Constitución, no que se recolle o dereito de todas as persoas a seren iguais ante a lei".
A xuízo de Villares a reivindicación da doutora De la Fuente fai que aínda "resoen" con maior "eco" as mobilizacións feministas do 8 de marzo, nas que as mulleres "reivindicaron a visibilización da fenda salarial, o papel nos coidados familiares e a superación dos teitos de cristal" coma este. Tras o encontro con En Marea a científica manterá xuntanzas co resto de formacións á procura dun apoio unánime.