Virginia Woolf dicía que, para escribir ficción, unha muller precisa ter unha habitación propia, ademais dos cartos. Máis importante que saber escribir era a independencia, a autodeterminación e a liberdade para exercer os nosos desexos. Iso é o necesario para a vida.
Virginia non foi científica, senón escritora, mais de ser o primeiro, quizais podería chegar a dicir que unha muller tinha que ter un laboratorio propio se quería triunfar. Falemos do Efecto Matilda e de como ás científicas aínda se lles segue a negar o seu laboratorio propio
Virginia non foi científica, senón escritora, mais de ser o primeiro, quizais podería chegar a dicir que unha muller tinha que ter un laboratorio propio se quería triunfar ou, polo menos, vivir da ciencia. Artistas, políticas, filósofas, científicas… todo comeza e remata nese pequeno cuarto, nese reduto simbólico que nos deixa non ser musas senón creadoras, nunca máis colaboradoras, senón protagonistas. Aquel ensaio, escrito fai case cen anos, exponnos hoxe a seguinte pregunta: Conseguimos as mulleres ser donas do noso espazo no mundo? A resposta parcial é si, pero un si sabrosamente superficial. A sociedade preséntase aínda de forma estamental e a meritocracia non é máis que un chiste apropiado dependendo dos círculos nos cales estemos. It’ s a man’ s world.
A nosa forma de organización atópase apoiada, en tódolos sentidos, por unha cultura patriarcal cuxo control afecta a tódalas esferas da vida e do coñecemento. Coma se dun martelo de feira se tratara, podemos medir o impacto desta cultura naqueles ámbitos que considerabamos alleos a discriminacións e xuízos sen valor: A Institución Científica é un deles. Falemos do Efecto Matilda e de como ás científicas aínda se lles segue a negar o seu laboratorio propio.
Para Margaret, o Efecto Matilda non era máis que unha consecuencia doutro proceso coñecido nos estudos métricos: O Efecto Mateo. O poder non se reparte, senón que se acumula
En 1883, a sufraxista Matilda Joslyn Gage analizaba por primeira vez o Efecto Matilda no seu ensaio “Woman as an Inventor”, aínda que tería que pasar un século para que este fenómeno acadase notoriedade grazas ao traballo da historiadora da ciencia Margaret W. Rossiter. Para Margaret, o Efecto Matilda non era máis que unha consecuencia doutro proceso coñecido nos estudos métricos: O Efecto Mateo. Podemos entender o Efecto Mateo a partir do famoso refrán “Os cartos chaman aos cartos”. O poder non se reparte, senón que se acumula: desta forma, o éxito sempre traerá máis éxito de volta:
“Porque a todo o que ten daráselle e sobraralle, pero ao que non ten, quitaráselle ata o que ten.”
Parábola dos talentos. Evanxeo de Mateo. 25,14-30
Esta especie de inercia tamén é medible para o ámbito da produción, consideración e opinión de investigadores e científicos. O sociólogo Robert K. Merton sinalou na década dos anos sesenta que, debido ao efecto Mateo, moitas veces atribuímos o mérito dos descubrimentos científicos a unha soa persoa, polo xeral un investigador con prestixio e cunha traxectoria de renome. Porén, sabemos que a ciencia, agás contadas excepcións é o resultado da colaboración e non obra dun só individuo. Algo similar ocorre co Premio Nobel e con outros galardóns: A norma é premiar aos autores máis destacados.
O Efecto Matilda mide unha serie de nesgos que dificultan a avaliación da produción científica e a valoración dun investigador unicamente pola súa condición de muller
A Institución Científica é un estamento moderno e a posibilidade de ascender é tarefa complicada. Un investigador novo ou cunha traxectoria curta e descoñecida dentro da súa área de estudo sempre recibirá menos mencións por parte dos seus compañeiros de profesión, mesmo aínda que o seu traballo sexa de maior calidade que o doutros investigadores máis coñecidos e que destacasen no pasado polas súas publicacións. Por iso, os indicadores do éxito dun traballo moitas veces non miden a calidade do estudo, senón máis ben o éxito dos autores do mesmo. Premiamos continente e dificilmente contido.
O que ocorre co Efecto Matilda é similar a aquilo que denunciaba Merton, aínda que aplicado desde unha óptica de crítica feminista. O Efecto Matilda mide unha serie de nesgos que dificultan a avaliación da produción científica e a valoración dun investigador unicamente pola súa condición de muller. Nun sistema que valora ás mulleres só en ámbitos profesionais como os coidados ou o ensino, é obvio que existirá un prexuízo contra aquelas que queiran adicar a súa vida a unha profesión cunha presenza eminentemente masculina, como o foron sempre as disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
O Efecto Matilda é o esquecemento intencionado das achegas que as mulleres fixeron e fan na actividade científica. Trátase dunha discriminación sistemática que pon de manifesto que, ao longo da historia, silenciouse a importancia das mulleres en tódolos planos da vida pública negando, por iso, o mérito do seu traballo
O Efecto Matilda é o esquecemento intencionado das achegas que as mulleres fixeron e fan na actividade científica. Trátase dunha discriminación sistemática que pon de manifesto que, ao longo da historia, silenciouse a importancia das mulleres en tódolos planos da vida pública negando, por iso, o mérito do seu traballo.
Como funciona?
Margaret W. Rossiter fixo evidente esta serie de prexuízos a partir de determinadas prácticas moi xeneralizadas na actividade científica. Algunhas destas prácticas son:
-A posición secundaria daquelas investigadoras que asinan un traballo académico xunto ao seu marido/compañeiro,
-O illamento ao que ven sometidas as mulleres dentro dos grupos de investigación (os cales adoitan ter maior presenza masculina),
-Mulleres que, a pesar de ter un currículo máis completo que outros compañeiros homes, non son seleccionadas para un posto de igual categoría.
A discriminación e o sentido de illamento probablemente son os signos máis reconocibles do Efecto Matilda, pero non son os únicos. Hai estudos que sinalan que os homes aceptan menos que as mulleres a existencia do Efecto Matilda. Dentro do ámbito da propia investigación, os científicos homes adoitan mostrarse máis escépticos ante os sesgos de xénero na ciencia.
Unha discriminación histórica e sistemática
Desde hai anos, a Cátedra de Cultura Científica da UPV/ EHU edita o blog Mujeres con Ciencia coa intención non só de denunciar a cultura patriarcal latente na actividade científica, senón tamén para difundir e dar a coñecer a tantas mulleres cuxo legado pasou a formar parte da historia da ciencia. Nunha das súas entradas, Mujeres con Ciencia sinala tamén os seguintes prexuízos de xénero:
As revistas científicas convidan a menos mulleres para facer a revisión por pares. Outro dos sesgos máis coñecidos reside na ausencia de mulleres premiadas pola súa traxectoria científica
-As revistas científicas convidan a menos mulleres para facer a revisión por pares, unha práctica necesaria para a publicación de calquera traballo ou resultado dunha investigación académica.
-Dentro da propia actividade científica, seguen existindo "carreiras para homes" e "carreiras para mulleres". Algúns traballos sinalan Nutrición e Veterinaria como campos onde as mulleres considéranse máis expertas, mentres que a Cirurxía ou a Neurociencia Computacional seguen sendo bastións masculinos.
-Unha das maneiras de medir o éxito dunha investigación científica é comprobar o número de citas que recibiu o traballo. Unha práctica bastante estendida está baseada en que o propio autor cite os seus traballos para aumentar así este medidor de impacto. Analizando un millón e medio de artigos na base de datos JSTOR, un grupo de investigación da Universidade de Stanford atopouse cunha dinámica moi específica: Os homes fan autocita un 56% máis que as mulleres. Isto demostra unha maior confianza nas propias capacidades, reforzada pola tradición masculina na ciencia.
Os homes fan autocita un 56% máis que as mulleres. Isto demostra unha maior confianza nas propias capacidades, reforzada pola tradición masculina na ciencia
-Outro dos sesgos máis coñecidos reside na ausencia de mulleres premiadas pola súa traxectoria científica. E non falamos só dos Premios Nobel, trátase dun patrón que se repite constantemente en distintos galardóns e convocatorias.
-O groso dos estudos que miden o número de mulleres que deciden adicarse á investigación coincide no seguinte feito: ciclos vitais como embarazo, lactación e maternidade son algúns dos motivos polos que moitas mulleres abandonan a carreira científica. A investigación require un esforzo continuado e prolongado no tempo, o cal moitas veces vese truncado polo simple feito de ser nais ou de ter que traballar, ademais, como amas de casa. Recuperar o ritmo de traballo faise moi dificultoso nunha carreira baseada na competencia e no esforzo constante.
Ciclos vitais como embarazo, lactación e maternidade son algúns dos motivos polos que moitas mulleres abandonan a carreira científica
Aínda que a discriminación da muller é unha realidade na que a Institución Científica atópase aínda inmersa, comezamos a ver lixeiros cambios de percepción e, sobre todo, de organización e activismo. O Efecto Matilda é consecuencia dun sistema machista. Por tanto, mentres non se produzan cambios transcendentais na nosa propia forma de entender o mundo non poderemos dar portazo aos prexuízos aos que as mulleres tiveron que enfrontarse toda unha vida. O feito de que cada vez xurdan máis iniciativas adicadas a promover a igualdade na ciencia amósanos que existe unha intención de acadar, ao fin, o sitio que nos pertence. Proba diso son os seguintes proxectos:
- 11defebrero
- Asociación WomenTeck
- Asociación de Mujeres Investigadoras y tecnólogas AMIT Association for women in Science
- Científicas: Pasado, presente y futuro
- Comisión de Mujeres y Matemáticas de la Real Sociedad Matemática Española (RSME)
- #MujeresDivulgadoras : Ciencia con voz de mujer
- Wisibilizalas
É impensábel esquecer a pegada das mulleres na ciencia, porque sen aquelas nenas irreverentes e curiosas non teriamos a Ada Lovelace nin a Lynn Margulis. Tampouco a Katherine Johnson, tampouco Vera Rubin...grazas a elas camiñamos, hoxe, sobre ombreiros de xigantes.