Fernández de la Vega foi pioneira da xenética médica en España e durante toda a súa vida foi abrindo camiño en ámbitos anteriormente reservados en exclusiva para os homes
Jimena Fernández de la Vega é a elixida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para ser homenaxeada como “Científica galega do ano 2021”. A institución aproveitou a celebración, este xoves 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia para anunciar a súa decisión. Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro co gallo do “Dia da Ciencia en Galicia” programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.
Fernández de la Vega foi pioneira da xenética médica en España e durante toda a súa vida foi abrindo camiño en ámbitos anteriormente reservados en exclusiva para os homes. De feito foi, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, en xuño no ano 1919.
Xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foi a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1919
A diferenza dalgunha das súas antecesoras nos pupitres compostelás, como foi o caso de Concepción Arenal, as irmás Fernández de la Vega non necesitaron disfrazarse de homes para asistir ás aulas; pero deberon soportar discriminacións por parte do resto do alumnado e do profesorado. Como relata Ánxela Bugallo no Album da Ciencia do CCG, "un compañeiro de clase as escoltaba ata as aulas porque as increpaban. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante".
A Academia de Ciencias quere "dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”
A RAGC destaca que Fernández de la Vega "tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España" e que posteriormente "os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía". A Academia de Ciencias quere "dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.
Deste xeito únese aos anteriores homenaxeados nesta celebración, instituída pola RAGC no ano 2008: Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal, Cruz Gallástegui, Ramón María Aller Ulloa, Antonio Casares, Benito Jerónimo Feijoo, Luis Iglesias, Ángeles Alvariño, Ignacio Ribas, Baltasar Merino, Domingo Fontán, Tomás Batuecas e Andrés Comerma. É polo tanto, a segunda muller que recibe este recoñecemento.
Realizou estadías de investigación en Alemaña, Austria e Italia
Naceu en Vegadeo en 1895, onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde, que foi o primeiro director do balneario de Guitiriz. Realizou o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, ano no que se matriculou na Facultade de Medicina da USC. Seis anos máis tarde licenciouse con sobresaliente e acadou un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. En 1922 doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid. Foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, sendo investigadora en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927.
Ao seu regreso a España, observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu un intenso labor de divulgación. Animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón, ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.
En 1933 foi nomeada directora da “Sección de Xenética e Constitución”
Entre 1933 e 1934 realizou unha segunda estadía de investigación en Alemaña e Italia. Porén, á súa volta as autoridades científicas españolas decidiron un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos. Desgustada con esta orientación, Jimena foi pouco a pouco abandonando este ámbito, orientando a súa vida profesional á aplicación da hidroloxía no campo da saúde, campo ao que destinou todo o seu entusiasmo, traballando como médica do balneario de Guitiriz, onde traballara o seu pai, e dirixindo posteriormente os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Zestoa (Guipúscoa) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou.
- Jimena Fernández de la Vega é unha das 12 científicas galegas ás que lles dedicamos esta Ducia
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
A Universidade da Coruña preparou para este ano dúas pezas audiovisuais dirixidas a escolares de educación primaria e secundaria
As universidades galegas organizan distinas actividades este xoves para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A Universidade da Coruña preparou para este ano dúas pezas audiovisuais dirixidas a escolares de educación primaria e secundaria nas que investigadoras coruñesas contan dunha maneira sinxela e próxima a súa traxectoria científica e vital e os seus logros profesionais e relatan anécdotas co obxecto de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica. A iniciativa “Atrévete a pescudar con elas!” busca que os centros visualicen estes vídeos e os alumnos e alumnas participen enviando as súas preguntas ás científicas ata o 19 de marzo.
Así mesmo, numerosas científicas da Universidade de Coruña están a participar ao longo desta semana en diversas iniciativas que están a dar a coñecer a ciencia da man de mulleres. É o caso do ciclo da ciencia é feminino “Recoñéceas” no que unha decena de investigadoras da UDC protagonizaron diversos talleres en liña dirixidos a centros educativos de toda Galicia.
A táboa redonda ‘De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia’ busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional na USC, co obxectivo de promover vocacións científicas entre as rapazas novas
Na USC centraranse en dar a coñecer a traxectoria de científicas que se atopan en diversos intres da súa carreira. A táboa redonda ‘De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia’ busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional na USC, co obxectivo de promover vocacións científicas entre as rapazas novas.
Moderada pola responsable de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Elena Mora, a mesa de debate contará coa participación de Paula López, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS); María Jiménez, investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); Catarina Allegue Toscano, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María José Gómez, investigadora predoutoral do IGFAE.