As 85 científicas pioneiras da USC que abriron o camiño

Xoana Pintos Barral, na exposición 'Mulleres no laboratorio' © USC

Este domingo 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data coa se busca visibilizar o traballo das científicas e fomentar vocacións entre as rapazas que aínda están no ensino primario e secundario. A Universidade de Santiago desenvolve varias actividades "para sacar do esquecemento as pioneiras da nosa universidade". Entre elas destaca a exposición Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC, elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral, que se poderá ver en seis institutos de Compostela. Nestes momentos e ata o día 15 a mostra exponse no IES Pontepedriña, de onde partirá aos institutos Arcebispo Xelmírez II, Antonio Fraguas Fraguas, Arcebispo Xelmírez I, Eduardo Pondal e IES As Fontiñas.

Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a celebración da editatona Investigadoras na USC: as pioneiras. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos da Wikipedia en galego sobre as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. A editatona terá lugar o 20 de febreiro de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal e para participar é necesario un rexistro previo.

Entre os contidos suxeridos para a súa realización están as biografías de 85 mulleres científicas que estudaron na Universidade de Santiago de Compostela entre 1910 e 1960. A lista está tomada da tese de doutoramento As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, presentada pola propia Xoana Pintos Barral en 2015. De momento, tan só sete delas contan cunha entrada na Galipedia, entre elas Elisa Fernández de la Vega, Jimena Fernández de la Vega e Ángeles Alvariño González, ademais de Manuela Barreiro, primeira muller matriculada na USC (1896) e licenciada (1901).

Acceso da muller, a partir de 1910

1910 foi un ano clave para o acceso da muller á educación superior en España. O 8 de marzo dese ano promulgouse unha orde que recoñecía o dereito das mulleres a cursar estudos libremente nos centros oficiais de ensino. "Detrás desta corrente aperturista había un movemento de mulleres ilustradas, cultas, loitadoras e reivindicativas, apoiadas nun renovador pensamento, o feminista, que centrou as súas reivindicacións no dereito á educación e que batallou contra os numerosos atrancos legais, contra a hostilidade por parte da sociedade e contra a dificultade para o exercicio dos coñecementos adquiridos na universidade", destaca Xoana Pintos Barral na súa tese.

Manuela Barreiro foi a primeira muller matriculada na USC (1896) e licenciada (1901), en Farmacia. Tivo que solicitar permiso (que finalmente lle foi concedido) para matricularse e para exercer a súa profesión

Nese momento o 85% das mulleres galegas eran analfabetas, pero pouco a pouco un grupo de pioneiras foi abríndose camiño nas aulas da Universidade de Santiago. A primeira foi Manuela Barreiro, en Farmacia, mesmo antes da devandita orde de 1910. Debido ás limitacións impostas ás mulleres na época, tivo que solicitar permiso (que finalmente lle foi concedido) para matricularse e para exercer a súa profesión. No escrito dirixido ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, indicaba que os estudos realizados debían habilitala “para o exercicio dunha profesión que sempre creu propia ao seu sexo e na que pretende achar ocupación útil para si e para a sociedade"

As primeiras que pisaron as aulas da Facultade de Medicina foron as irmás Fernández de la Vega (1913), naturais de Vegadeo; Olimpia Valencia López (1919), natural de Baltar, en Ourense; Mª Luisa Fernández Cascallar (1920), de Pontevedra; María Piñeiro Estrella (1921), de Santiago e María Freire Garabal (1921), natural de Montevideo, no Uruguai e de familia compostelá. A esta vangarda sumáronse de seguida estudantes de Farmacia, sendo as cinco primeiras matriculadas as irmás Marina e Manuela Caldeiro Calvo, Sara Fernández Casas e María López Cotarelo (as catro no ano 1914) e María García Berdiales (1917). Na Facultade de Ciencias houbo que agardar á súa creación en 1922, pero xa dende o primeiro curso houbo alumnas nas aulas desa facultade.

Loita contra o machismo e os prexuízos sociais

"O número de mulleres que se achegaban á Universidade para formarse en ciencias experimentais foi moi baixo e medrou lentamente polas resistencias, o machismo e os prexuízos sociais, en especial cara aos estudos de Medicina"

Xoana Pintos Barral destaca que "o número de mulleres que se achegaban á Universidade para formarse en ciencias experimentais foi moi baixo e medrou lentamente polas resistencias, o machismo e os prexuízos sociais, en especial cara aos estudos de Medicina". O número de matriculadas disparouse a partires dos anos vinte, e especialmente, durante a II República, pasando de 12 alumnas en 1920 a 148 alumnas matriculadas entre as tres carreiras experimentais en 1935. Se falamos da poboación universitaria total, as mozas aumentaron dun 1.4 a un 8.9 por cento neses quince anos. Con todo a presenza das mulleres seguía a ser minoritaria entre o alumnado e case inexistente no profesorado universitario. As primeiras docentes serían auxiliares de clases prácticas, nun principio sen remunerar: en 1933 Concepción Carnero e Natividad Mejuto, na materia de Química orgánica; en 1934, Antonia Ferrín en Física teórica, Elisa Díaz en Física experimental e Sara Soto en Complementos de Física.

Nas dúas primeiras décadas do franquismo a matrícula feminina en Medicina mantense en niveis moi baixos, non chegando nunca a levantarse. Con todo, a presenza feminina nas tres carreiras era maior en Santiago que nas maior parte das universidades españolas, que rexistraban cifras aínda máis baixas. A Facultade de Farmacia foi a que presentou sempre a maior proporción de alumnas.

Pioneiras en distintos ámbitos

Debido ao seu elevado número, non é posible saber cantas destas mulleres acadaron os seus obxectivos profesionais pero Xoana Pintos Barral seguiu na súa tese de doutoramento algúns percorridos vitais, que recolleu nun apartado titulado Itinerarios de mulleres máis significativas. Entre as médicas atopou un gran número delas que exerceron como especialistas en fisioloxía, rehabilitación, pediatría, xinecoloxía, análises clínicos, medicina familiar e medicina de empresa e, sobre todo, en odontoloxía (Irene Álvarez, Coro Clavero, Ruth Selbmann, Josefina Areses, Marina Gulín). Algunhas foron docentes en Facultades de Medicina (Elisa Fernández de la Vega, Fernanda Monasterio, Amparo Pérez) pero ningunha na Universidade de Santiago.

Sobre todo Ángeles Alvariño, Mª Antonia Gunther e Fernanda Monasterio acadaron a excelencia científica

Nas estudantes de Ciencias a saída maioritaria sería a docencia no ensino medio (Patrocinio Armesto, Isaura Usero, Teresa Bouzo, Elisa Díaz); docente nas Escolas Normais (Celia Brañas, Antonia Ferrín); docentes universitarias (Ángeles Alvariño, Antonia Gunther), ou vinculadas á investigación no CSIC (María Domínguez, Carmen García, Mª Antonia Gunther, Aida Méndez ou Amparo Pérez). Estas mulleres publicaron os primeiros artigos en revistas científicas, ampliaron estudos no estranxeiro e participaron en sociedades científicas onde antes só había varóns. Sobre todo Ángeles Alvariño, Mª Antonia Gunther e Fernanda Monasterio acadaron a excelencia científica.

 

Cartel da Editatona da USC © USC
A Universidade de Santiago acolleu o ano pasado a exposición Mulleres no laboratorio: primeiras cientificas da USC © USC
Ángeles Alvariño © RAGC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.