O vindeiro venres 28 de xuño a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975) recibirá o Premio Ada Byron, un galardón co que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) busca dende hai anos dar visibilidade á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía. Mónica Fernández é profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook, en Nova York. Ademais, dende o ano 2016 é directora do Programa “Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering) desta universidade.
O seu traballo de investigación na Universidade de Stony Brook, onde traballa dende hai 17 anos, céntrase na área de procesado estatístico de sinal aplicada a problemas complexos existentes en distintas disciplinas, dende o estudo e a predición de sistemas canceríxenos, a análise da evolución das poboacións de pingüíns na Antártida (problema relacionado co cambio climático) ou o seguimento e análise de sistemas biolóxicos que permiten entender a osteoporose.
Neste tempo Mónica Fernández dirixiu varios programas para mozos e mozas co obxectivo de ofrecerlles a oportunidade de coñecer distintos campos de enxeñaría, tecnoloxía e informática. Ultimamente os seus esforzos céntranse neste programa WISE, que busca derrubar os obstáculos de todo tipo que aínda existen a moitos niveis para o acceso das mulleres ás titulacións e carreiras profesionais en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM).
"Hai xente moi boa traballando en España. É unha pena que non se dea máis financiamento para poder realizar investigación nos centros do país"
Levas moitos anos traballando nos Estados Unidos. Como recibiches a nova dun premio que chegar dende a túa terra, o lugar no que te formaches?
Acordáronse de min a pesar de levar tantos anos fóra, de estar moi lonxe. Para min é moi importante e moi emocionante, porque é un premio que me outorgan os meus antigos compañeiros. Estou moi orgullosa da educación recibida na Universidade da Coruña e considérome unha embaixadora da miña alma mater. No 2014 tiven a oportunidade de traer un pequeno congreso internacional a España e en ningún momento dubidei que A Coruña tiña que ser o lugar elixido. Para este ano tiven a oportunidade de novo de poder organizar outro congreso (o congreso europeo de procesado de sinal) na Coruña que se celebrará en setembro.
Como ves dende os Estados Unidos a situación da investigación en España? Que se necesita para mellorala?
Hai xente moi boa traballando en España. É unha pena que non se dea máis financiamento para poder realizar investigación nos centros do país e para poder motivar máis á xente. Realmente, hai moitísimo talento; cando os investigadores españois vimos a Estados Unidos ou imos a outros países, decátaste de que a nosa formación técnica é moi boa. E é unha pena que teñamos que marchar fóra buscando unha oportunidade ou para poder crecer profesionalmente. E ese crecemento hai que buscalo fose porque en España non hai medios suficientes; por iso sería moi bo que desde as administracións españolas se fixese un esforzo económico para apoiar as investigacións en ciencia e enxeñaría.
"O programa busca, primeiro, dar oportunidades a mozas que están no colexio ou no instituto, para que poidan ter acceso a actividades relacionadas coa ciencia e a enxeñaría"
Cales son as maiores diferenzas para o traballo investigador entre os Estados Unidos e España?
É certo que hai diferenzas entre Estados Unidos e España, por exemplo os sistemas educativos son diferentes, hai máis flexibilidade para moverte no mercado, ofrécenche máis opcións para poder mellorar na túa profesión.
Como funciona o programa WISE?
É un programa que busca, primeiro, dar oportunidades a mozas que están no colexio ou no instituto, para que poidan ter acceso a actividades relacionadas coa ciencia e a enxeñaría, para que así decidan se é unha traxectoria que lles gustaría seguir. En Estados Unidos o deseño dos itinerarios é moi libre, hai moitas posibilidades, por iso é moi importante que vaian probando cousas, que vexan o traballo que facemos para que decidan se queren que esta sexa a súa carreira.
"O programa tamén se dirixe a mozas que están en máster e cursos de doutoramento e alí búscase guialas profesionalmente,"
A segunda parte do programa entra en xogo unha vez que unha moza decidiu empezar unha carreira de ciencia ou enxeñaría; e neste caso quere ser un mecanismo de soporte. A través de WISE teñen materias ou cursos, que despois lles computan para a súa titulación (como os créditos de libre configuración en España), e que lles achegan habilidades de liderado, capacidades comunicativas, fórmulas que lles permiten realizar investigación práctica desde que son novas. Ademais, permítelles ter 'persoas referentes', das que reciben charlas e encontros de asesoramento, coas que poden ver de primeira man distintas traxectorias. Finalmente, o programa tamén se dirixe a mozas que están en master e cursos de doutoramento e alí búscase guialas profesionalmente, darlles oportunidades, para que poidan facer shadowing, é dicir o seguimento dunha persoa que posúe unha traxectoria que a elas lles gustaría realizar no futuro.
É necesario actuar neses dous niveis, non si? No acceso ás carreiras e no desenvolvemento das súas traxectorias...
Si, ten estes dous niveis, un de acceso, de dar as oportunidades, e outra dirixida ás mozas que xa están a estudar estas carreiras, porque vemos que hai moitas delas que cambian de carreira unha vez que xa están na universidade. E este tipo de programas conseguen retelas nestas carreiras.
"As nenas son tan válidas como os nenos para todas as ciencias, pero ás veces un simple comentario pode cambiar esa mentalidade e guialas cara a outro lado"
Que factores son determinantes para que haxa moitas carreiras científicas e ámbitos profesionais nos que as mulleres son clara minoría?
Creo que non hai un único motivo, é un conxunto de factores: culturais, históricos, de estereotipos, familiares, a influencia dos profesores... Por suposto, as nenas son tan válidas como os nenos para as matemáticas, para a física e para todas as ciencias, pero é certo que ás veces un simple comentario pode cambiar esa mentalidade e guialas cara a outro lado. O noso programa quere simplemente facer ver que esta é unha opción completamente válida para as nenas, igual que calquera outra carreira. Son obstáculos que creo que co tempo se van ir superando, pero vai custar.
Como se cambia esta situación? Como se consegue que máis mozas se decidan a estudar estas carreiras?
Ten que ser un cambio natural, non debe ser un cambio forzado. Temos que conseguir que as persoas que accedan a estas carreiras o fagan porque lles gusta facer isto. Os mozos que elixen unha carreira deben escoller aquela que sexa a súa paixón, o seu soño, aquilo que os fai felices, en vez de que a elección dependa doutros factores.
Nas carreiras profesionais neste campo as mulleres atopan posteriormente teitos de cristal?
Si, hai teitos de cristal nas carreiras profesionais, obstáculos e estereotipos formados, sobre todo nos postos de liderado. Aquí sucede que a porcentaxe de mulleres que están en postos de liderado na universidade é moi pequeno, e moito máis en áreas relacionadas coa ciencia ou a enxeñaría.
"Por suposto, axuda moito que coñezan directamente a mulleres que triunfaron nesa carreira, pero tamén é bo que haxa mozos que as animen"
Que papel xogan os referentes femininos, que as mozas que están no colexio ou no instituto vexan que hai mulleres dedicándose con éxito ás ciencias, á informática, a profesións tecnolóxicas?
Os referentes son moi importantes. E é importante telos a todos os niveis, desde aqueles que podes ter na túa casa, na túa familia, ou no teu colexio, ata outros que podes chegar a coñecer noutras contornas.
Que papel poden xogar os homes?
Eu sempre digo que un referente tamén pode ser unha figura masculina. Eu cheguei ao posto no que estou porque tiven tamén un sistema de soporte de compañeiros que foi moi importante para min. Que teñas ao teu ao redor homes que cren nas mulleres e que son embaixadores da igualdade é moi relevante para nós, sobre todo en campos como este que están moi masculinizados. Por suposto, axuda moito que coñezan directamente a mulleres que triunfaron nesa carreira, pero tamén é bo que haxa mozos que as animen. O cambio vai ser lento, pero a eliminación dos obstáculos para a muller na ciencia debe pasar por unha mudanza global, cultural, un cambio de pensamento que afecte a mulleres e tamén aos homes.