Un ronsel de 30 nomes para trazar a historia da ciencia en Galicia

Liña de tempo de figuras científicas galegas © CCG

O Consello da Cultura Galega presentou este martes o libro Álbum da ciencia. 30 nomes e as súas achegas, un volume que presenta de forma amena e moi visual as biografías dunha trintena de científicos e científicas galegas e que se pode descargar de balde na web da institución. A obra recolle en boa medida o traballo desenvolvido dende o ano 2011 polo Álbum da Ciencia que acolle Culturagalega.org e que suma xa 300 biografías de figuras galegas de distintas épocas.

Ramón María Aller, Ángeles Alvariño, Domingo Fontán, María Wonemburger, Isidro Parga Pondal, Fernando Calvet, Antonio Casares Rodríguez, Cruz Gallástegui ou Jimena Fernández de la Vega y Lombán son algúns dos nomes que aparecen na obra, ilustrada por Nuria Díaz e que se presenta cunha coidada edición, fotografías e gráficos que fan máis amena a lectura.

Estas 30 figuras conforman “unha santa compaña de inmortais da ciencia e os seus froitos para o país”, destacou Rosario Álvarez

Rosario Álvarez, presidenta do CCG, indicou que estas 30 figuras conforman “unha santa compaña de inmortais da ciencia e os seus froitos para o país”. Mentres, Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, sinalou que “as vidas destes personaxes son un espello onde mirarse”. Na presentación participaron tamén os coordinadores do libro: Francisco Díaz Fierros, Xosé A. Fraga e Alfonso Mato.

A iniciativa do Álbum da Ciencia foi promovida por Francisco Díaz- Fierros, quen coordinaba a Sección no momento en que se presentou e que este martes quixo destacar que “a cultura tamén é ciencia e estivo nas preocupacións do Consello da Cultura desde o seu nacemento”.

Ilustración de Ángeles Alvariño a cargo de Nuria Díaz © Nuria Díaz
Ilustración de Domingo Fontán a cargo de Nuria Díaz © Nuria Díaz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.