O consenso e a unanimidade non son habituais no Parlamento galego ou en calquera outra cámara lexislativa. Este martes a proposición de lei Ángeles Alvariño, que busca introducir na lexislación galega mecanismos correctores que garantan a “igualdade real entre mulleres e homes no ámbito científico e investigador”, presentada polo BNG, acadou o apoio de PP e PSdeG-PSOE, inciando así a súa tramitación parlamentaria.
A proposta recolle as reivindicacións e demandas expresadas polo persoal investigador a través do colectivo Investigal
A proposta recolle as reivindicacións e demandas expresadas polo persoal investigador a través do colectivo Investigal, que dende hai tempo vén denunciando a fenda de xénero e os obstáculos engadidos que sofren as mulleres investigadoras, sobre todo aquelas que deciden ser nais, converténdose a maternidade nunha eiva de gran peso nas súas carreiras investigadoras. O pasado 8 de marzo a entidade rexistrou no Parlamento un manifesto, apoiado por máis dun milleiro de sinaturas de persoal investigador, pedindo que Galicia sexa pioneira na lexislación a prol da igualdade de oportunidades na investigación.
“Hai mulleres que teñen que escoller entre ser nais ou científicas e outras que ven como a decisión de ter crianzas e exercer o seu dereito a conciliar supón un atranco para continuar adiante coas súas carreiras profesionais”, denunciou Rodil
Na presentación da proposta Olalla Rodil lembrou que na actualidade, "malia os enormes avances en materia de igualdade que se teñen producido" nos últimos quince anos, “hai mulleres que teñen que escoller entre ser nais ou científicas e outras que ven como a decisión de ter crianzas e exercer o seu dereito a conciliar supón un atranco para continuar adiante coas súas carreiras profesionais”. Rodil lembrou casos recentes producidos en convocatorias de contratos de investigación en Galicia e no resto do Estado.
Rodil destacou ante a denuncia presentada por tres investigadoras posdoutorais ante a "discriminación" padecida durante o proceso de avaliación do seu rendemento investigador no que foron penalizadas por gozar, durante o período avaliado, permisos de maternidade. A Valedora do Pobo instou a Xunta a adoptar “"medidas e instrumentos xurídicos necesarios para equiparar ao persoal investigador que teña permisos de maternidade/paternidade co resto dos seus compañeiros, garantindo unha total igualdade de oportunidades tanto nos períodos de avaliación, cando correspondan, como nas condicións dos seus contratos”.
Rodil pediu que non haxa que agardar a que o poder xudicial recoñeza os dereitos das investigadoras, e reclamou que debe ser o poder lexislativo, a través do establecemento de normas claras, o que asegure esta igualdade entre homes e mulleres
A deputada do BNG subliñou especialmente o caso da investigadora María de la Fuente, que recentemente viu recoñecido por un tribunal que sufrira discriminación laboral de xénero nunha convocatoria estatal que non non introduciu mecanismos correctores para que persoas que se acolleran a baixas de maternidade, como ela, non visen prexudicadas as súas carreiras. Rodil pediu que non haxa que agardar a que o poder xudicial recoñeza os dereitos das investigadoras, e reclamou que debe ser o poder lexislativo, a través do establecemento de normas claras, o que asegure esta igualdade entre homes e mulleres.
Rodil fixo fincapé tamén no informe publicado hai uns meses pola Universidade de Vigo, que recollía como a pandemia aumentou a fenda de xénero na investigación, debido principalmente ao aumento do traballo domestico, realizado maioritariamente polas mulleres, concluíndo que "elas concilian sempre, eles puntualmente".
En Galicia, a pesar de seren maioría entre o estudantado universitario, só dúas de cada dez cátedras están ocupadas por mulleres. “Por iso temos que avanzar na corresponsabilidade e suprimir as barreiras que impiden competir en condicións de equidade ás mulleres. E ese é o obxectivo desta proposta de lei”, dixo a deputada.
A proposta contou tamén co voto favorable do PP, aínda que o grupo Popular sinalou que varias das propostas incluídas na norma xa están en vigor ou en normas en tramitación
A proposición de lei presentada polo BNG acadou o apoio do PSdeG, como era esperado, pois o grupo socialista manifestou sempre a súa adhesión ás denuncias e demandas presentadas por Investigal e outros colectivos de persoal investigador galego.
A proposta contou tamén co voto favorable do PP, aínda que o grupo Popular sinalou que varias das propostas incluídas na norma xa están en vigor ou en normas en tramitación. En todo caso, a deputada Paula Prado saudou a iniciativa, que ligou á proposición non de lei presentada hai dúas semanas polos populares, transaccionada con BNG e PSdeG, para impulsar o traballo das mulleres científicas en Galicia, a través da avaliación do II Programa de Muller e Ciencia e a elaboración dunha terceira edición deste programa.
O contido da proposición
A proposta recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego
O texto inicia agora o seu trámite parlamentario, no que se definirán os seus contidos e a posibilidade de converterse finalmente en lei. A proposta recolle medidas para garantir a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias de investigación nas universidades, organismos de investigación e entidades do sistema de I+D+i galego, “igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante”. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, á fin de promover a igualdade entre mulleres e homes.
Ademais, a proposta inclúe medidas para dar visibilidade ao traballo das investigadoras, por exemplo a través a creación de cátedras de xénero, apoiando a participación en órganos colexiados ou potenciando a vocación científica entre as mulleres. E, igualmente, accións que promoven un usos dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade.