Tras rexeitar que o Goberno de España puidese tramitar parques á marxe dos emprazamentos previstos pola Xunta, agora o Goberno galego valida dous en Carballo e Tordoia que polo seu tamaño deben ser xestionados polo Estado
“Buscan abaratar a factura eléctrica” da empresa Showa Denko. Ese é o principal argumento esgrimido polo Goberno galego e defendido polo propio presidente, Alfonso Rueda, para validar a tramitación por parte do Goberno de España de dous parques eólicos de Greenalia cunha vintena de xeradores nos concellos de Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo. Así o decidiu o Consello da Xunta deste xoves, que salientou que é a “primeira vez” que se aplica unha reforma legal impulsada polos populares o pasado ano para permitir parques eólicos malia que o seu emprazamento non coincida cos previstos no plan eólico galego, como é o caso.
Antes de validar agora que estes dous parques de tramitación estatal poidan emprazarse en lugares fóra do plan eólico galego, a Xunta amosárase moi crítica co feito de que o Goberno de España estivese a tramitar parques á marxe precisamente desa planificación para o sector.
En 2009 a lei coa que Feijóo puxo as bases da súa política eólica tras anular irregularmente o concurso que convocaran o goberno de coalición de PSdeG e BNG estableceu que “non poderán autorizarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción das repotenciacións de parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente”. Un plan eólico que data de 1997 e do que a Xunta non está a avaliar o seu efecto ambiental conxunto senón só o de cada parque concreto.
Pero a comezos do pasado ano, na lei de reactivación económica que impulsou o PPdeG, introduciuse nese punto unha modificación. Engadiuse que tamén se poderían permitir fóra das áreas previstas do plan eólico “aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía”. Iso é o que di a propia Xunta que vén de facer agora “por primeira vez” cos parques Orzar (56 MW e 10 xeradores en Carballo e Tordoia) e Tornado (67,2 MW e 12 xeradores en Tordoia, Val do Dubra e Trazo) que o Goberno de España vén tramitando desde hai máis dun ano.
A Xunta atribúese o impulso dos dous parques malia ser de competencia estatal e reclama ao Goberno de España "sensibilidade" para "axilizar" os proxectos lanzados por Greenalia, empresa da ex-conselleira Beatriz Mato
Os parques de menos de 50 MW son tramitados polas comunidades autónomas e os de máis desa potencia polo Estado, aínda que nos dous casos requiran de autorizacións sectoriais dependentes do resto de administracións. Así que no caso destes dous é o Goberno central o encargado das xestións. Porén, hai un ano o Goberno galego comezou a criticar que o central estivese tramitando peticións de parques eólicos para lugares non contemplados no plan eólico galego. A Xunta vén lanzando reiteradamente as mesmas críticas ao tempo que argumenta, ante as críticas que reciben os parques da súa competencia, que a tramitación dun parque non significa que se vaia autorizar e construír finalmente e que el mesmo non pode impedir que se lle presenten propostas.
Malia as críticas contra os parques de tramitación estatal en zonas non previstas no plan eólico galego, agora a Xunta autoriza estes dous que admite que son “de tramitación estatal” e reclama “sensibilidade do Executivo central para axilizar” os dous proxectos. Faino salientando que “buscan abaratar a factura eléctrica” da factoría de procesamento de minerais que Showa Denko ten na Coruña, unha instalación electrointensiva na que Rueda saliente que traballan 170 persoas.
Segundo a Xunta, os dous parques de Greenalia comprometerán parte da súa enerxía a prezo fixo coa factoría de Showa Denko na Coruña, o que suporá para esta empresa "aforros de máis de 60 millóns de euros nos primeiros oito anos"
Segundo a Xunta, os dous parques, impulsados por Greenalia, empresa na que a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato é directiva e forma parte do seu consello de administración, terán parte da sua produción comprometida a prezos fixos Showa Denko, o que lle permitirá “aforros de máis de 60 millóns de euros nos primeiros oito anos, o que favorecería a competitividade da planta e a súa viabilidade futura, tendo en conta que está estudando, ademais, unha ampliación na súa actual sede na Coruña”. A Xunta tamén reclama ao Goberno central que contribúa nesa ampliación con fondos europeos NextGeneration. E, malia que é ela quen salta o seu propio plan eólico, acusa tamén ao Goberno de España dunha "caótica política enerxética".
A propia Xunta lembrou este xoves que tamén vai introducir nunha lei de polígonos empresariais, a través dunha emenda do PP e limitando a participación da cidadanía, unha nova modificación legal no sector eólico para axilizar proxectos como estes que comprometa parte da súa produción a prezos fixos con industrias.