"O Rexistro Eólico de Galicia non é fiable porque non todos os parques eólicos construídos ou proxectados en Galicia teñen que constar nel". É a conclusión que vén de tirar a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que nunha sentenza ditada o pasado 11 de novembro desbota que esta ferramenta sexa válida para ter unha imaxe completa e oficial do sector en Galicia e, a partir dela, autorizar ou non novas instalacións.
O alto tribunal galego vén de obrigar a Xunta a admitir a trámite a solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Pedrouzos na Laracha, promovido pola empresa Norvento dende 2017. En abril de 2020, sinala a sentenza, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas do Goberno galego declarou a súa "inadmisión e arquivo" por "solapamento" con "outros parques eólicos que constaban como construídos ou en trámite", caso do promovido por Adelanta Corporación, S.A., denominado Coto Loureiro, tramitado ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Segundo consta na sentenza e destaca o TSXG ao facela pública, a Sala conclúe que o Goberno galego "non deu xustificación documental nin técnica de ningún tipo" á súa conclusión de que o parque solicitado por Norvento se solapaba con outros. Non xustificou, abonda, nin "a preexistencia dos procedementos de solicitude de autorización previa doutros parques" nin achegou "datas que xustificasen a anterioridade no tempo" para encaixar este suposto, "altamente técnico", contemplado na lei de aproveitamento eólico de Galicia.
O Tribunal Superior conclúe que o Goberno galego denegou a Norvento a tramitación do parque por "solapamento" con outros sen "xustificación documental nin técnica" e apoiándose só no seu Rexistro Eólico, que "non permite sequera a identificación administrativa" das instalacións, no canto de manexar todos os datos precisos
Para acreditar o solapamento, continúa a sentenza, cómpre "un informe que especifique as características dos aeroxeradores instalados ou proxectados", a súa situación "exacta" e onde se superpoñen ao novo parque solicitude. Pero neste caso a Xunta baseou a súa denegación "na publicidade que ofrece o Rexistro Eólico de Galicia", o cal "non pode ser utilizado como un verdadeiro rexistro que dispense publicidade fronte a todos".
Dado que ata o ano 2021 (ao abeiro da coñecida como lei de reactivación económica tras a COVID) nin sequera era obrigatorio que os parques eólicos tramitados ante o Estado constasen neste Rexistro Eólico de Galicia, especifica, non é posible empregalo como ferramenta fiable para estes fins. Entre outros aspectos, porque "non permite sequera a identificación administrativa dos parques eólicos", o que "impide que a cidadanía interesada poida", por exemplo, acudir á Administración para consultar o expediente completo.
Por todo isto, conclúe, a Xunta ten que manexar todos os datos, "veñan do Rexistro Eólico de Galicia ou doutro sitio", para "declarar a existencia dun solapamento". Pero o Rexistro Eólico de Galicia é "incapaz de facilitar de forma autónoma esta conclusión". Neste escenario, a Sala recoñece a Norvento o dereito a que a súa solicitude sexa tramitada, condena a Xunta a adoptar "as medidas necesarias" para facelo e imponlle as custas procesuais. Contra o ditame cabe recurso de casación.