O ‘annus horribilis’ da Xunta nos tribunais pola súa xestión eólica: a xustiza tomba tres parques nos que gobernos de Feijóo xogaron cos prazos

Parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, autorizado pola Xunta en 2018 e anulado pola xustiza o pasado febreiro, cando xa estaba rematado © Norvento

A sentenza do Supremo que anula o parque do Oribio súmase á que tombou outro en Mondoñedo e unha terceira do TSXG en Corme, pero as resolucións xudiciais chegaron con dous parques xa construídos e movementos de terras no outro

O 20 de decembro de 2018 o Consello da Xunta presidido por Alberto Núñez Feijóo aprobou a suposta segunda fase do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo. Máis de tres anos despois o pasado febreiro o Tribunal Supremo anulou de xeito definitivo aquel permiso, pero os aeroxeradores xa estaban instalados. 

O 27 de xuño de 2019 outro Consello da Xunta presidido por Feijóo autorizou un parque eólico na serra do Oribio, entre Samos e Triacastela. O Supremo anulouno tres anos máis tarde, nunha sentenza do pasado 22 setembro coñecida este luns, o que non impediu que na zona, protexida pola Rede Natura 2000, se chegasen a iniciar movementos de terras. 

O 7 de novembro de 2019 outra reunión do Goberno galego aprobou a repotenciación dun parque eólico en Corme. Novamente as obras xa estaban rematadas cando o pasado xaneiro, máis de dous anos despois, chegou a sentenza que o anulou do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pendente de recurso ante o Supremo.

Movementos de terras xa iniciados para o parque do Oribio agora anulado de xeito definitivo © Adega

As tres anteditas sentenzas, dúas xa definitivas do Supremo, fan deste 2022 un annus horribilis ou ano terrible para a xestión que a Xunta está a facer do sector eólico, aínda que realmente o que condena agora a xustiza son decisións de hai tres anos, con Feijóo aínda á fronte do Goberno galego e co mesmo vicepresidente económico ao cargo desa área, Francisco Conde. Son sentenzas que, con matices, coinciden en censurar o xeito en que a Xunta xogou cos prazos administrativos en beneficio da instalación dos parques fronte ás garantías ambientais que lle esixía a lei.

Oribio: autorización en 2019 cun permiso ambiental de 2005

No Oribio, nun espazo protexido, a Xunta autorizou en 2019 o parque dando por válido un permiso ambiental de 2005 que ela mesma debera declarar caducado

No caso do parque do Oribio, en zona protexida pola Rede Natura 2000, a Xunta autorizou en 2019 a Fergo Galicia Vento a suposta modificación dun parque previo autorizado en 2005, nos últimos días do Goberno de Manuel Fraga, que non se chegara a construír. Desde aquela quedaron prohibidos os novos parques en Rede Natura, pero o Goberno galego considerou que este non era novo senón unha modificación dun xa autorizado, para o que seguiu considerando válida a declaración ambiental previa. 

A autorización do Consello da Xunta outorgouse o 27 de xuño de 2019, e as obras comezaron de inmediato, de xeito que para cando se recorreu o permiso e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu paralizar os traballos de xeito cautelar, en outubro, xa se removeran terras e abriran accesos. 

Sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a anulación do parque eólico do Oribio CC-BY-SA Praza Pública

Despois, chegaría a sentenza en contra da autorización emitida en decembro de 2020 polo TSXG, que criticou que a Xunta non podía considerar “eterna” a autorización ambiental de 2005, que xa estaba caducada. O Goberno galego recorreu esa sentenza argumentando que o TSXG xa non podía pronunciarse sobre a vixencia ou non do permiso ambiental de 2005 xa que os denunciantes -Adega, a Fundación Oso Pardo e a Sociedade Galega de Ornitoloxía- recorreran a autorización final de 2019. Pero o Supremo vén de desbotar ese recurso e di que o segundo permiso xeral vai ligado ao primeiro ambiental. Tamén di que debera ser a propia Xunta a que, cando recibiu a petición da empresa, iniciase o proceso para declarar a caducidade do permiso ambiental de 2005.

Sasdónigas: permiso en 2018 coa avaliación ambiental doutro parque de 2010

En Sasdónigas a Xunta deu en 2018 permiso para unha suposta segunda fase dun parque a partir da avaliación ambiental da primeira fase de 2010, o que impediu valorar correctamente o impacto global do que a xustiza considerou un único parque fragmentado

Similar estratexia de recurso ante o Supremo que no caso do Oribio intentara a Xunta xa antes noutro parque, o de Sasdónigas, en Mondoñedo, impulsado por Norvento. E tamén nese caso o Supremo desbotara que o TSXG non se puidese pronunciar sobre unha avaliación ambiental polo feito de que a denuncia se formulase contra a aprobación administrativa final.

No caso de Sasdónigas, a Xunta autorizou en decembro de 2018 a suposta segunda fase dun parque xa autorizado en xaneiro de 2012 amparándose no permiso ambiental do primeiro de 2010. Pero o TSXG anulouno por considerar que non eran dúas fases senón que realmente o que se producira fora unha fragmentación dun único parque para así facilitar o seu permiso ambiental. 

Extracto da sentenza do Supremo sobre o parque eólico Sasdónigas en referencia á protección do Camiño de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Para cando chegou a sentenza do TSXG o parque xa estaba en funcionamento, e así seguiu cando o Supremo resolveu definitivamente sobre o caso. A Xunta, como no caso do Oribio, argumentou que o TSXG xa non podía pronunciarse sobre a legalidade ou non do permiso ambiental cando o que se recorrera era o permiso administrativo final, pero o pasado febreiro o Supremo dixo que si. E tanto Supremo como TSXG coincidiron en que a Xunta non valorara axeitadamente o impacto ambiental que tería o parque ao analizado de xeito fragmentado, como dúas fases. 

Corme: recorte do prazo de alegacións que obrigou a reiniciar a tramitación doutra vintena de parques 

En Corme a Xunta reduciu ilegalmente de 30 a 15 días a exposición pública do informe ambiental, e tras a sentenza decidiu reiniciar esa tramitación noutra vintena de parques

A primeira sentenza do ano en contra de como a Xunta está a xestionar o sector eólico chegou en xaneiro, cando o TSXG anulou o permiso para repotenciar o parque eólico de Corme, de EDP.

Neste caso o Goberno galego, en aplicación da lei que impulsou o PP en 2017 para facilitar a tramitación de iniciativas empresariais, fixara un prazo de exposición pública do informe de impacto ambiental de só 15 días. Pero o TSXG lembrou que a normativa da UE, superior á galega, fixa nun mínimo de 30 días ese prazo, polo que a súa redución supuxo unha vulneración de dereitos da cidadanía. 

Fragmentos da sentenza que anula a repotenciación do eólico de Corme, sobre unha vista dos aeroxeradores do parque tirada de Google Street View CC-BY-NC-SA Foto: © Google | Montaxe: Praza.gal

A sentenza está pendente de que o Supremo resolva o recurso que presentou a Xunta, pero xa tivo repercusións no sector eólico galego máis alá do concreto caso de Corme. Tras coñecela, o Goberno galego decidiu volver a expoñer ao público os parques por 30 días, e non só os novos que aínda non foran expostos senón que reiniciou ese trámite nos que xa se expuxeran por só 15 días, o que afectou a máis dunha vintena de instalacións en 30 concellos que suporían un investimento duns 450 millóns de euros.

Como as sentenzas do Oribio e Sasdónigas, a de Corme xa chegou tarde, porque o parque eólico xa está repotenciado. Pero toda esta sucesión de pronunciamentos xudiciais contra o xeito en que Xunta está a xestionar os proxectos eólicos si está a ter efectos, non só pola retramitación dos parques derivada da sentenza de Corme senón pola inseguridade xurídica que están a provocar no sector nun momento no que as políticas declaradas de todas as administracións din apostar por potenciar as enerxías renovables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.