O Goberno galego autorizou en 2019 o parque como unha modificación doutro non iniciado que obtivera permiso ambiental en 2005, pero o alto tribunal censura que a propia Xunta debera instar a caducidade daquel permiso en lugar de consideralo aínda vixente
O Tribunal Supremo vén de ratificar a sentenza coa que hai ano e medio o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a autorización que o Goberno galego deu en 2019 para instalar un parque eólico na serra do Oribio, en zona da Rede Natura 2000, onde chegaron a comezar os movementos de terras. O alto tribunal rexeita os recursos que formularon tanto a Xunta como a empresa promotora do parque.
A Xunta autorizou o parque como unha modificación doutro non iniciado que obtivera permiso ambiental en 2005. Malia que desde aquela quedaron prohibidos os parques eólicos en Rede Natura, o Goberno galego considerou que aquel permiso ambiental seguía vixente xa que o novo parque non era máis que unha modificación do que xa tiña autorización. Porén, tanto o TSXG como o Supremo desbótano. O Supremo chega a dicir agora que, ante a solicitude da empresa, a propia Xunta debeu instar a caducidade do permiso ambiental de 2005 en lugar de consideralo aínda vixente.
No caso do parque eólico na serra do Oribio, entre Samos e Triacastela, o Goberno de Feijóo outorgou en 2019 a autorización que lle solicitou Fergo Galicia Vento en Rede Natura como se fose unha modificación doutro nunca executado que obtivera permiso ambiental nos últimos días do executivo de Manuel Fraga, en 2005. Desde aquela prohibíronse os novos parques eólicos en Rede Natura, pero o argumento de que o do Oribio non era novo senón unha modificación do que xa obtivera o permiso ambiental en 2005 levou á Xunta a autorizalo.
Hai ano e medio o Tribunal Superior de Galicia xa sentenciou que o permiso ambiental quedara obsoleto" e agora o Supremo ratifica aquela sentenza
Os movementos de terra xa comezaran cando se conseguiu primeiro a paralización cautelar e finalmente a anulación da autorización por parte do TSXG en decembro de 2020. O tribunal galego dixo que non se podía considerar vixente nin “eterna” a declaración ambiental anterior, que segundo a lexislación daquela vixente tería que caducar aos cinco anos. Tamén dixo que ademais aquela autorización resultaría na actualidade “obsoleta” polos “múltiples cambios lexislativos” que houbo dende aquela, e que o autorizado en 2019 era un novo parque, non unha modificación doutro anterior que nin se comezara a executar.
Tanto a Xunta como a empresa recorreron en casación ante o Tribunal Supremo co argumento, entre outros, de que a denuncia que provocara a sentenza do TSXG chegaba tarde e xa non era posible impugnar no momento da autorización administrativa do parque a conformidade ou non a dereito da declaración de impacto ambiental previa. Isto é, que o recurso se presentara contra a autorización administrativa final do parque de 2019 e que o TSXG non podía entrar a xulgar a validez da declaración de impacto ambiental previa. Iso foi o que analizou o Supremo, que agora na súa sentenza definitiva sobre o caso avala a sentenza do TSXG e rexeita os recursos de Xunta e empresa.
O Supremo di que "cando se lle fixo a petición de modificación" do parque anterior a Xunta "o que debeu promover é precisamente os trámites para declarar a caducidade" do permiso ambiental de 2005
Segundo o Supremo, “se a avaliación ambiental constitúe un presuposto para a aprobación” de actuacións urbanísticas como un parque eólico, “a plena eficacia desa declaración condiciona dita aprobación, que é o que se razoa na sentenza de instancia, polo que debe rexeitarse a cuestión formal que se denuncia [por Xunta e empresa] con relación á potestade do tribunal sentenciador para realizar ese razoamento, que non declaración de maneira directa sobre a caducidade”.
Pero o Supremo ademais si se pronuncia sobre a caducidade da autorización ambiental e di que a Xunta, “cando se lle fixo a petición de moficación” do parque anterior, “o que debeu promover é precisamente os trámites para declarar a caducidade” do permiso ambiental. “En suma, a argumentación da caducidade serve como un fundamento máis de que a resolución impugnada -modificación dunha autorización- non está axustada a dereito”, conclúe o alto tribunal.
A Xunta vén recibindo diversas condenas, tamén do Supremo como a actual, en contra do seu xeito de xestionar o sector eólico saltando as leis
Esta sentenza agora emitida polo Supremo -divulgada por Adega, que xunto coa Fundación Oso Pardo e a Sociedade Galega de Ornitoloxía fora quen recorrera a autorización da Xunta- é unha máis da sucesión de pronunciamentos xudiciais que vén recibindo a Xunta sobre a súa xestión do sector eólico incumprindo as leis. O pasado febreiro o mesmo Tribunal Supremo ratificou que a Xunta autorizara ilegalmente o parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, tamén como unha modificación doutro parque previo evitando así avaliar correctamente o impacto ambiental da nova instalación. E un mes antes, en xaneiro, o TSXG anulara a repotenciación doutro parque en Corme porque reducira ilegalmente o prazo de exposición ao público e alegacións. Uns prazos reducidos para a cidadanía e flexibles para as empresas (ás que permite manter autorizacións ambientais de hai anos, como sentencia agora o Supremo no caso do Oribio) que veñen de supoñer a paralización cautelar hai uns días doutro parque entre Santa Comba e Coristanco.